O 26 de novembro o sindicato divulgou todo tipo de eivas no centro de San Lázaro e agora a Xunta revela que xa detectara irregularidades nunha inspección o 2 de xullo e que deu por boa a resposta da empresa de que xa as corrixira
O 26 de novembro CCOO denunciou publicamente todo tipo de eivas na residencia DomusVi San Lázaro, en Santiago, cualificando a súa situación como "insalubre e insostible". Tras ese duro comunicado, agora a Consellería de Política Social vén de trasladar oficialmente ao Parlamento, en resposta a varias preguntas do BNG, que a súa última inspección dese centro fora o 2 de xullo, case cinco meses antes, e nela detectáronse "deficiencias no mantemento" e "irregularidades formais" en diversos rexistros sanitarios. A Xunta admite que deu por boa a resposta da empresa "xustificando" que xa emendara as eivas.
O centro Domusvi San Lázaro foi a residencia de maiores con maior número de mortes de toda Galicia, 41, nos nove primeiros meses da pandemia da COVID-19, durante as dúas primeiras vagas, segundo os datos oficiais que logrou revelar Praza.gal. A denuncia de CCOO do pasado 26 de novembro falaba de casos de sarna, falta de hixiene, eivas de seguridade ou que a dirección do centro "limita ou demora a derivación de pacientes a centros hospitalarios". Segundo o sindicato, a Xunta era coñecedora da situación "e permíteo".
O centro Domusvi San Lázaro foi a residencia de maiores con maior número de mortes de toda Galicia, 41, nos nove primeiros meses da COVID
Ante esa denuncia, o BNG preguntou á Xunta no Parlamento cando realizou a última inspección a esa residencia e cal foi o seu resultado. A resposta de Política Social é que inspeccionou a residencia DomusVi San Lázaro o 2 de xullo e que "froito desa inspección detectáronse deficiencias no mantemento das instalacións" e "constatáronse irregularidades formais respecto á actualización do RUEPPS [Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais], así como aos rexistros de curas, caídas e valoracións Barthel", o sistema que valora a dependencia funcional das persoas residentes.
Segundo Política Social, "destas irregularidades requiriuse a súa emenda e no prazo concedido ao efecto a entidade contestou ao requirimento xustificando a mesma". A Xunta dá así por válida a xustificación documental formulada pola empresa sen realizar ningunha inspección posterior de comprobación.
A Xunta non responde ao Parlamento se tomou medidas tras a denuncia de CCOO e remite a Sanidade os posibles problemas infecciosos que houbese no centro
Sobre as denuncias de CCOO de casos de enfermidades infecto-contaxiosas, a resposta de Política Social limítase a desentenderse da pregunta e di que no suposto de detectarse algún caso "deben seguir o protocolo establecido ao efecto e poñelo en coñecemento da Consellería de Sanidade".
O BNG tamén preguntou que medidas tomou a Xunta desde que CCOO fixo pública a súa denuncia o 26 de novembro. A resposta oficial de Política Social ao Parlamento, con data deste 5 de xaneiro, nada di ao respecto.