O sindicato critica a situación "insalubre e insostible" na residencia de San Lázaro, no que di que a dirección "limita ou demora a derivación de pacientes a centros hospitalarios"
O sindicato CCOO denunciou este mércores publicamente a situación "insalubre e insostible" da residencia DomusVi San Lázaro, en Santiago, "debido á neglixencia directiva e empresarial". O sindicato sinala na súa denuncia pública casos de sarna, falta de hixiene, eivas de seguridade ou que a dirección do centro "limita ou demora a derivación de pacientes a centros hospitalarios".
O centro Domusvi San Lázaro foi a residencia de maiores con maior número de mortes de toda Galicia, 41, nos nove primeiros meses da pandemia da COVID-19, durante as dúas primeiras vagas, segundo os datos oficiais que logrou revelar Praza.gal.
Segundo CCOO "a precarización do servizo chegou a un extremo crítico", sen que se cobran as ausencias de persoal, o que "ten un impacto directo e severo na calidade dos coidados", con "falta de hixiene e nutrición adecuadas", "erros na medicación", "máis risco de caídas", "empeoramento do estado dos residentes" ou "aparición de patoloxías infecto-contaxiosas, como a sarna e a conxuntivite".
O sindicato mesmo denuncia que "nalgúns casos, a dirección limita ou demora a derivación de pacientes a centros hospitalarios a pesar da súa gravidade, actuando en contra do criterio do persoal responsable do coidado".
O centro Domusvi San Lázaro foi a residencia de maiores con maior número de mortes de toda Galicia, 41, nos nove primeiros meses da COVID
Os problemas denunciados por CCOO de xeito reiterado nos últimos anos esténdense tamén á infraestrutura do centro, con avarías en portas, ascensores e no sistema de chamadas. "As alarmas do centro non funcionan, as portas están bloqueadas e os timbres das habitacións dos usuarios tampouco operan", di o sindicato, que asegura que "ante esta grave deficiencia, a dirección do centro puxo ao dispor dos usuarios culleres para que golpeen as paredes cando necesiten asistencia".
Segundo CCOO, "a Xunta é coñecedora desta situación e permíteo", o que contribúe á "precariedade" do sector e a súa perda de profesionais. Nese eido, o sindicato sinala o impacto da situación no persoal: "As traballadoras están sobrepasadas física e mentalmente, sufrindo cadros ansiosos derivados do sentimento de culpa por non poder prestar unha atención adecuada". Unha situación do persoal que se repite noutros centros e que vén provocando folgas tanto no sector das residencias privadas como en xeral dos servizos sociais.