Folga nas residencias privadas: "Imos traballar dopadas ata que rebentamos"

Manifestación de traballadoras de residencias privadas, o pasado febreiro na Coruña CC-BY-NC-SA CIG

Oito de cada dez prazas de residencias da terceira idade en Galicia están en centros privados. As súas traballadoras están chamadas a unha folga "por un convenio digno" que tamén procura facer ver as súas condicións laborais

Galicia conta con algo máis de 21.000 prazas en residencias da terceira idade, segundo os datos oficiais do Imserso. Máis da metade teñen xestión privada con ánimo de lucro e oito de cada dez atópanse en centros de titularidade privada, contando neste segundo rexistro as que son sufragadas mediante concertos coa Xunta.

O persoal destas residencias privadas, maioritariamente mulleres, está chamado á folga canda as súas compañeiras dos centros de día privados os días 10 e 22 do vindeiro abril e mais o 7 e 21 de maio. A mobilización, impulsada pola CIG, ten como obxectivo premer nun "conflito enquistado" na loita por un "convenio digno" pero tamén, explican, facer visibles as condicións nas que traballan as profesionais que atenden cada día as persoas que viven nestes centros.

Beatriz Fernández, delegada da CIG e xerontóloga con case vinte anos de experiencia, traballa na residencia de DomusVi en Ferrol. En conversa con Praza.gal, describe unha situación de deterioro das condicións laborais dende que principiou a súa carreira profesional ata chegar a un momento actual no que por exemplo, ilustra, dispón de apenas "dez minutos" para erguer da cama, asear e vestir a cada persoa usuaria, "sexa válida ou totalmente dependente.

A "sobrecarga" física e mental deriva en baixas que, advirten as traballadoras, son "un artigo de luxo" con salarios de pouco máis de mil euros por mor dos descontos aplicados ao persoal que debe acollerse a elas, outra das claves da mobilización

"Un usuario que un día che pode levar 15 minutos outro día lévache 20", evidencia Fernández, quen lamenta que as empresas conduzan a persoal a escenarios nos que "parece que estamos enlatando sardiñas" e non tratando persoas. "Isto deriva nunha mala atención: non están o ben coidados e aseados que nos gustaría" e dá lugar a unha dupla posibilidade: "ou rompemos psicoloxicamente ou as familias loxicamente protestan e a empresa sanciónanos a nós.

"Evidentemente, tes que correr", resume Beatriz Fernández para explicar que o afán para chegar a todo o volume de traballo dan lugar a unha "sobrecarga" mental pero tamén "física". Por, nun marco de présa continua, "tendermos a non usar guindastres ou outros aparellos á nosa disposición" para mobilizar as persoas. E é así como chegan "moitas baixas por estrés físico e por estrés mental" que, por outra banda, "son un artigo de luxo" para salarios "de 1.149 euros", dado que "os primeiros tres días non cobras" e "os vinte seguintes, cobras o 60%" do soldo. 

Manifestación de traballadoras de residencias privadas da terceira idade, o pasado febreiro na Cidade Vella da Coruña CC-BY-NC-SA CIG

Mudar ese réxime económico das baixas é, precisamente, unha das grandes reivindicacións da folga xunto con chegaren, cando menos, a cobraren o actual salario mínimo interprofesional xa que "unhas 8.000 das 12.000 persoas ocupadas no sector están por baixo", subliña a CIG. Non perder unha parte do exiguo salario, detalla Beatriz Fernández, provoca que "vaiamos traballar dopadas con antiinflamatorios" ou outros medicamentos "ata que rebentamos e, se cadra, unha baixa que sería de quince días convértese nunha baixa de longa duración".

As familias "pregúntannos como aguantamos" mentres abonan "tarifas de 2.500 ou 3.000 euros" ao mes "por cuartos compartidos". "Na COVID aguantamos poñendo en risco a saúde e se vén outra pandemia imos estar igual", lamentan

"A xente cando rompe, rompe de vez", lamenta a traballadora, que relata asemade que as familias das persoas residentes tamén detectan a situación. "Pregúntannos como aguantamos", afirma, mentres abonan "tarifas de 2.500 ou 3.000 euros" mensuais "por cuartos compartidos". No caso concreto de DomusVi, asegura, a compañía multinacional tenta contrarrestar as críticas mediante "conclaves" coas familias que para esta traballadora non son máis ca un "lavado de cara" mentres as condicións son tamén de "vergoña" noutros eidos como a alimentación.

A precariedade, subliña Fernández, esténdese tamén a traballadoras clave nestes centros malia non ocupárense da atención directa a residentes: "As compañeiras do departamento de limpeza, que moitas veces son as grandes esquecidas" nun contexto no que, exemplifica, dáse o caso de "cinco traballadoras nun centro de 130 persoas usuarias en quenda de mañá, dúas delas na lavandería" e "só dúas na quenda de tarde". "Non dan feito", resume.

"Coa COVID declaróusenos persoal esencial, a xente aguantou poñendo en risco a nosa saúde e a das nosas familias" Agora, lamenta Beatriz Fernández, "se vén outra pandemia imos estar igual, non aprendemos nada". 

"Pedimos unha xuntanza xa en setembro" coa conselleira de Política Social "e aínda estamos agardando", resalta a CIG

Esa conclusión compártea tamén Adolfo Naya, secretario de Organización da CIG-Servizos, quen igual que as representantes das traballadoras pon o foco na inhibición da Xunta no conflito malia o gran número de prazas de residencias que a Consellería de Política Social ten concertadas con estas empresas. "Pedimos unha xuntanza xa en setembro" coa conselleira Fabiola García "e aínda estamos agardando", lamenta en declaracións a este xornal.

Ao cabo, sinala Naya, o conflito que tentan facer visible con esta folga e coa manifestación convocada para o 26 de abril en Santiago ten a súa orixe en que "o modelo de coidados non pode ser empresarial". Pero "a aposta" do Goberno galego, acusa, é "dar cartos ás multinacionais" que "cada vez máis" son protagonistas do sector no noso país.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.