Josefina Fernández chegou aos postos de alta dirección do sector xeriátrico da man de Caixanova, cando a desaparecida gran caixa galega do sur se puxo á fronte das residencias Geriatros. Sobreviviu empresarialmente a diversos avatares accionariais e, cando chegou a COVID-19, era conselleira delegada de DomusVi, coas residencias integradas nun grupo multinacional tras dúas décadas de ascensos e acumulación de poder e boas relacións políticas, nomeadamente co PP.
A que fora durante dúas décadas máxima responsable do grupo xeriátrico foi destituída en 2021 como conselleira delegada e pasou a ocupar un posto representativo que agora tamén perde ao "deixar de prestar os seus servizos" á empresa
A coñecida nos seus círculos de confianza como Chefi non era un rostro habitual nos medios de comunicación, na opinión pública ou no debate político ata que, durante a pandemia, varias das residencias do principal grupo do sector en Galicia foron protagonistas polo elevado número de mortes de residentes co coronavirus. Máis aínda despois da acendida defensa pública da súa propia xestión ou tras vacinarse contra a enfermidade antes de que lle chegase a quenda por idade.
Con este pano de fondo, a finais de 2021 Fernández era destituída como conselleira delegada e pasaba a ocupar un cargo representativo como "presidenta institucional" da compañía, da que tamén veu sendo accionista. Agora, apenas ano e medio despois, cae definitivamente como alta dirixente da empresa, na que deixa de traballar.
A finais do pasado marzo o actual conselleiro delegado de DomusVi, o executivo galego José María Pena, comunicou ao persoal do grupo que, con efectos dende o día 31 deste mes, Josefina Fernández ía "deixar de prestar os seus servizos profesionais" tanto na presidencia institucional como na súa condición de presidenta da Fundación DomusVi. Segundo a misiva, á que tivo acceso un colectivo de persoas usuarias dos centros (Marea de Residencias), tratábase dunha "meditada decisión" que fora "aprobada e consensuada por ambas partes".
O conselleiro delegado de DomusVi atribúe a "saída" de Fernández a unha "meditada decisión" que define como "consensuada" e eloxia o seu "exemplo de liderado"
A preguntas de Praza.gal, DomusVi confirma que Fernández non só perde os cargos, senón que "deixa DomusVi". "Deixou a compañía o 31 de marzo para encarar unha nova etapa profesional tras 23 anos vencellada á empresa", indica o grupo nun comunicado datado neste 5 de abril, no que José María Pena agradece o que denomina como "exemplo de liderado" da directiva saínte.
Na etapa como presidenta institucional, aseguran, Josefina Fernández "reforzou as relacións da compañía, tanto coas Administracións públicas como con distintas empresas". No comunicado ao persoal, Pena engade que "Non é doado deixar de contar cunha profesional da súa categoría", se ben "neste novo período o gran equipo de persoas que formamos DomusVi seguiremos dando continuidade ao legado que Josefina nos deixou".
Alén de ratificar a saída, DomusVi difunde tamén unha declaración atribuída á propia Josefina Fernández. "Criar e educar á miña filla Andrea e fundar DomusVi son as dúas cousas máis importantes que fixen na miña vida", di, e "na segunda destas tarefas estou especialmente orgullosa de que puiden contribuír á creación dunha inxente cantidade de emprego" ademais de "acompañar a decenas de miles de persoas nas súas últimas etapas vitais con agarimo, calidade, seguridade e respecto", afirma.
"Criar e educar á miña filla e fundar DomusVi son as dúas cousas máis importantes que fixen", di na súa despedida Josefina Fernández, que se vacinou da COVID antes de que lle correspondese por idade e durante cuxo mandato a empresa tentou evitar que a Xunta revelase cantas persoas morreran co virus en cada residencia
Alén da xestión da COVID en sentido estrito e da súa polémica vacinación, na etapa final do mandato de Josefina Fernández en DomusVi a tentou tamén evitar ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que, en resposta a unha petición de Praza.gal ao abeiro da lei de transparencia, a Xunta divulgase cantas mortes de persoas co coronavirus rexistrou cada residencia da terceira idade. A empresa argumentara que a difusión desas cifras -desprovistas de calquera dato persoal- podería "derivar nun dano reputacional irreversible".
O TSXG acabou rexeitando os recursos das empresas do grupo. Como informou este xornal, finalmente a Xunta tivo que divulgar os datos que, entre outros aspectos, acreditan que, nos primeiros nove meses de pandemia, unha residencia de DomusVi fora a que acumulara máis falecementos de persoas que contraeran o virus.