Cando, en plena pandemia, o nome de Josefina Fernández saltou aos titulares pola súa pechada defensa da xestión do grupo DomusVi fronte á COVID-19, á coñecida nos seus círculos de confianza como Chefi levaba xa dúas décadas no posto. A conselleira delegada da multinacional da xeriatría sobrevivira no cargo aos múltiples cambios accionariais do grupo dende que, da man de Caixanova, fora situada á fronte das residencias Geriatros.
Tras anos de boas relacións co poder político e económico, Fernández virou en rostro dalgunhas das residencias que máis falecementos de persoas anciás coa COVID ían acumulando, tanto en Galicia como no conxunto do Estado. Lonxe da autocrítica, en intervencións públicas como a realizada ante o Parlamento galego a finais de 2020 presentouse como albo dunha campaña de criminalización. Pouco despois, transcendía que se vacinara contra o coronavirus nunha das súas residencias antes de que lle chegase a quenda por idade.
Tras dúas décadas como conselleira delegada dende os tempos de Geriatros, Josefina Fernández pasa a ser "presidenta institucional" de DomusVi en España, con funcións representativas, e o seu posto ocuparao o enxeñeiro José María Pena, procedente de Prosegur
Con este pano de fondo, ao que se engade o deterioro dos seus resultados económicos durante o ano 2020 -43,8 millóns de euros en perdas antes de impostos, segundo as súas contas non financeiras- , este 16 de setembro DomusVi anunciaba a remuda de Fernández como conselleira delegada do grupo. O seu posto ocuparao José María Pena, que tamén é de orixe galega e ten unha traxectoria profesional allea á xeriatría. O novo conselleiro delegado de DomusVi é enxeñeiro de telecomunicacións e ocupou postos directivos de relevancia en compañías de atención ao cliente e telemarketing como Sykes ou Sitel e, dende 2013, na compañía de seguridade privada Prosegur.
Despois dun convulso ano e medio marcado pola xestión da pandemia, no que varios centros DomusVi acumularon grandes cifras de falecementos, Fernández di estar "encantada de asumir esta nova posición estratéxica"
Josefina Fernández, así e todo, non deixa formalmente DomusVi. A tamén accionista da empresa pasa a ocupar a "presidencia institucional" e, segundo o comunicado no que o grupo anunciou a súa remuda, será a encargada de "representar a DomusVi en todas as institucións nacionais e autonómicas", ademais de "achegar todo o seu coñecemento ás asociacións do sector nun momento clave para a transformación da compañía". Tamén, agrega, vai "compartir a súa dilatada experiencia e coñecementos co novo conselleiro delegado", ao que "asesorará".
No mesmo comunicado, DomusVi difunde unhas declaracións atribuídas a Fernández, na que se amosa "encantada de asumir esta nova posición estratéxica" unha vez "levada a compañía ata acadar o seu liderado no sector do coidado das persoas maiores". Asegura estar "convencida" de que pasar a "traballar na visibilidade e representación institucional de DomusVi en España" vai ser "o mellor" para a empresa, que lle agradece os "grandes logros conseguidos pola empresa durante os últimos vinte anos".
Sexa como for, o certo é que Josefina Fernández abandona a xestión cotiá dunha compañía que só en Galicia ten abertos case unha corentena de servizos. Entre eles destacan 18 residencias de titularidade estritamente privada e outras 12 públicas, pero coa xestión contratada con DomusVi. Mostra do seu peso é que Galicia conta con algo menos de 4.000 prazas de residencias de persoas anciás que son titularidade da Xunta ou do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar -xestionado polo Goberno galego e algúns concellos- e delas, algo máis de mil son xestionadas mediante concesións con DomusVi.
Entre os asuntos que ten sobre a mesa o novo directivo figura a xestión da información ligada á pandemia. DomusVi recorreu á Xustiza para evitar que a Xunta divulgue as cifras de mortes coa COVID en cada residencia, como solicitou Praza.gal ao abeiro da lei de tranparencia
Entre os asuntos que ten sobre a mesa o novo directivo figura a xestión da información vinculada precisamente á crise da COVID-19. Non en van, varias empresas do grupo recorreron ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para evitar que, en resposta a unha petición de Praza.gal ao abeiro da lei de transparencia, a Xunta divulgue cantas mortes de persoas co coronavirus rexistrou cada residencia da terceira idade. Tras a presentación do recurso, a compañía argumentou que a difusión desas cifras -desprovistoas de calquera dato persoal- "pode derivar nun dano reputacional irreversible".
Mentres o TSXG resolve o devandito recurso, este xornal si recibiu os datos da Xunta a respecto doutra petición paralela, a relativa ao número de falecementos de persoas coa COVID-19 rexistrados en residencias de titularidade pública. Como informou Praza.gal o pasado agosto, a metade dos que se produciran ata o pasado 5 de xullo foran en centros xestionados por DomusVi.