A sentenza que rexeita a petición da empresa de que a Xunta oculte as mortes en cada residencia afea o seu “prexuízo a respecto da formación da libre opinión de cada cidadán”
“Ningunha lei impide ás empresas facer públicos eses datos voluntariamente e acompañados das explicacións que consideren oportunas”. Con esta frase o TSXG contesta á preocupación que varias empresas do grupo DomusVi amosaron polo feito de que se a Xunta fai públicas as cifras de mortes en cada unha das súas residencias estas poidan ser terxiversadas ou descontextualizadas.
A posibilidade que o tribunal ofrece ás empresas do grupo de divulgar elas mesmas as cifras de falecementos en cada centro recóllese na sentenza feita pública este martes polo TSXG que rexeita a oposición desas firmas a que a Xunta faga públicos eses datos en resposta a varias peticións de transparencia de varios xornalistas, entre elas unha de Praza.gal.
A sentenza coñecida este martes, a primeira sobre varias peticións de transparencia similares, neste caso de infoLibre, considera que o interese público de coñecer os datos de mortes en cada residencia debe prevalecer sobre “motivos privados de interese económico”. Entre os varios argumentos que esgrimiu DomusVi figurou o de que os datos podían afectar á súa imaxe e negocio “polo feito de que unha publicación descontextualizada pode inducir a pensar que non houbo unha dilixencia debida no coidado das persoas a cargo”.
DomusVi argumentou que "unha publicación descontextualizada pode inducir a pensar que non houbo unha dilixencia debida", pero o tribunal prima o "interese xeral" de divulgar os datos
Porén, a resposta que dá o Tribunal Superior é que as mortes en cada residencia pública xa foron divulgadas -fíxoo Praza.gal o pasado agosto, revelando unha maior mortalidade nos centros públicos xestionados por DomusVi que no resto- e non facer agora o mesmo coas entidades privadas deixaríaas “nunha inxustificada situación de opacidade, que tamén podería dar lugar a especulacións sobre as razóns de non facelo”.
A resolución xudicial engade que “o razoamento especulativo empregado polas actoras presupón un prexuízo a respecto da formación da libre opinión de cada cidadán/á a respecto da xestión da pandemia nas residencias privadas, que consideran que basculará sobre unha idea negativa do que alí sucedeu, sen que a priori existan razóns para esa sospeita”. Para xustificar esta posición acoden as interesadas ao reproche de descontextualización ou falta de explicación deses datos que se achaca ao acceso [á información]”.
E é neste punto cando a sentenza engade que “en relación a isto débese recordar que ningunha lei impide ás empresas facer públicos eses datos voluntariamente e acompañalos das explicacións que consideren oportunas; máis ao contrario, precisamente a norma o que busca é a transparencia a respecto de informacións de carácter público” e, en casos como este, dotadas dun “intenso interese xeral”.
A sentenza aínda non é firme, e contra ela cabe recurso de casación nun prazo de 30 días, polo que a divulgación dos datos aínda se vai demorar.