O centro de Castro Ribeiras do Lea, o quinto maior de titularidade pública galega e o meirande dos que ten concesionados, con 172 prazas, seguirá baixo xestión privada por 3,3 millóns de euros ao ano
En xullo de 2005, co Goberno de Manuel Fraga en funcións tras perder ante a coalición de PSdeG e BNG, a Xunta sacou a concurso a xestión privada da residencia de maiores de Castro Ribeiras do Lea, en Castro de Rei, hoxe o quinto maior centro de titularidade autonómica, con 172 prazas. Ía ser un contrato por seis anos, ata 2011, pero desde aquela o Goberno galego vén prorrogándoo anualmente, ata 11 veces, á empresa adxudicataria, Quavitae, do grupo DomusVi. Ata agora, que a Xunta vén de sacalo novamente a concurso para que a xestión dese centro público siga en mans privadas, desa ou doutra empresa que gañe, cando menos outros dous anos prorrogables outros tres máis por 3,3 millóns de euros ao ano.
Tras o impacto da pandemia da COVID nas residencias e o anuncio por parte da Xunta dunha reformulación do modelo dese tipo de centros, o Goberno galego vén sacando a concurso novamente múltiples centros da súa titularidade repartidos por toda Galicia que xa viñan sendo xestionados por empresas privadas co argumento de que a administración ten cartos pero non ten persoal para dirixilos directamente. En moitos casos esas residencias podían seguir sendo xestionadas polas mesmas empresas que ata agora, xa que aínda hai marxe de novas prórrogas dos contratos, pero tras anos sen decidir convocar novos concursos agora a Xunta si considera chegado o momento de volver licitalos.
A Xunta vén mantendo en mans privadas a xestión de residencias da súa titularidade co argumento de que ten cartos para pagar ás empresas pero non ten persoal para dirixilos directamente
O caso da residencia de Castro Ribeiras do Lea que agora sae a licitación é significativo polo tamaño do centro e pola duración das prórrogas acordadas ata agora. Segundo o rexistro oficial de centros de servizos sociais da Xunta esta residencia, aberta en 1997 e que hoxe conta con 172 prazas, é a quinta de maior tamaño da súa titularidade, tras centros de Vigo, Oleiros, Lugo e Ferrol.
Pero a xestión desoutros centros é directa por parte da Xunta, mentres que o de Castro Ribeiras do Lea é o de maior tamaño entregado a unha empresa privada. De similares dimensións, tamén con 172 prazas, hai outro centro titularidade da Xunta en Cabanas, o de Laraxe, igualmente xestionado por DosmusVi.
Agora, nos pregos de condicións cos que a Xunta volve sacar a concurso a residencia, sinálase expresamente o actual contrato data de 2005 e que xa rexistrou 11 prórrogas, a última das cales finalizou en outubro, e que actualmente se atopa “nunha prórroga por razóns de interese público cunha duración máxima prevista ata o 14%5/2023”. Para daquela debera estar resolto o concurso agora convocado, ao que se pode presentar calquera empresa interesada, incluída a mesma DomusVi.
Malia o seu tamaño a residencia non rexistrou ningunha morte con COVID, o que ratificaría o informe oficial que apuntou á titularidade pública como un factor relevante na incidencia da pandemia, incluso en centros xestionados por DomusVi
Nas condicións da nova licitación establécese un prazo para o novo contrato de dous anos prorrogables outros tres máis, cun orzamento duns 3,3 millóns de euros ao ano, pero cunha marxe do 20% para posibles modificacións do contrato durante a súa execución.
Por outra banda, malia o seu significativo tamaño a residencia de Castro Ribeiras do Lea non rexistrou ningunha morte con COVID segundo os datos oficiais da Xunta obtidos por Praza.gal en aplicación da Lei de Transparencia. Os centros xestionados por DomusVi presentaron uns maiores índices de falecementos que outras residencias tanto se eran da súa propiedade como se eran de titularidade pública e esa empresa era a súa xestora. Pero aínda así a titularidade pública foi un factor relevante na incidencia da pandemia, segundo un estudo oficial encargado pola Xunta á Universidade de Santiago.
Como contexto, en Galicia, das 22.000 prazas residenciais existentes a gran maioría están en centros de titularidade privada e só unhas 4.800 están en centros de titularidade pública, segundo os datos oficiais do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social. Delas, unhas 3.900 están en residencias ou vivendas tuteladas titularidade da Xunta ou do Consorcio Galego de Servizos Igualdade e Benestar que comparte con algúns concellos, pero á súa vez poden estar xestionadas directamente pola administración ou a través de empresas privadas, como é o caso de Castro Ribeiras do Lea. Ademais, hai outras 800 prazas en residencias propiedade de concellos e unhas 150 de deputacións.