A Consellería de Política Social veu adoitando ser unha das que, dentro das limitacións habituais do Goberno galego en materia de transparencia, máis información proporciona ao Parlamento cando os grupos lle requiren determinados datos ou aclaracións. Ou así foi, cando menos, durante boa parte da pasada lexislatura e nos primeiros compases da actual.
Esa información, non obstante, tamén chega en ocasións inconcreta ou incompleta. É o caso da resposta ofrecida polo departamento que dirixe Fabiola García a unha pregunta formulada polo BNG o pasado outubro a respecto do control que exerce a Xunta sobre residencias da terceira idade de titularidade de concellos da provincia de Ourense. A cuestión foi respondida en novembro e permite coñecer que cando menos un deses centros de maiores foi sancionado por varios motivos en 2020 ou 2021, isto é, en plena pandemia da COVID. Pero non é posible saber cando nin cal con exactitude.
Unha resposta de Política Social ao BNG permite deducir que a Consellería impuxo sancións en 2020 ou 2021 a unha ou dúas residencias en Chandrexa de Queixa, Esgos ou Montederramo, de titularidade municipal
A pregunta do Bloque referíase ás inspeccións realizadas de 2017 a 2022 nas residencias de Nogueira de Ramuín, Chandrexa de Queixa, Esgos, Montederramo e Monterrei. Na resposta, Política Social aclara que desas cinco "só son de titularidade municipal" as de Chandrexa, Esgos e Montederramo". As inspeccións, abonda, realízanse "de acordo co establecido" no plan anual neste eido, que se publica no DOG, e "así mesmo realízanse visitas ordinarias ou motivadas pola investigación de denuncias", ademais dun control anual "da legalidade de cada centro".
"Como resultado destas inspeccións nas residencias mencionadas", as de Chandrexa, Esgos e Montederramo, "en dúas iniciáronse expedientes sanccionadores nas anualidades 2020 e 2021". Así o indica a consellería, pero sen aclarar en cales.
E, cales foron os motivos das sancións? As "causas principais que motivaron o inicio dos procedementos sancionadores" foron as "infraccións recollidas" nos "artigos 80 a), 80 b), 81 f), 81 g) e 81 m)" da lei de servizos sociais do ano 2008. Cómpre, daquela, acudir a esa norma para coñecer en que infraccións incorreron unha ou dúas desas residencias, toda vez que Política Social si que confirma que "as resolucións ditadas (...) confirmaron as sancións propostas".
O artigo 80 da lei de servizos sociais é o que recolle as infraccións leves. Os apartados citados pola Consellería na resposta ao BNG refírense a "irregularidades de carácter formal no cumprimento da normativa vixente" e "deficiencias estruturais ou de acabado nos locais e nas instalacións, no mobiliario ou nos útiles", pero sen risco para as persoas.
O 81 é o que estipula as infraccións graves. As letras que Política Social liga con unha ou dúas desas residencias ourensás recollen infraccións como "desatender as necesidades básicas de atención ou de avaliación e o seguimento das persoas usuarias", "non contar co persoal suficiente e/ou coa titulación exixida" e "superar o límite de ocupación, con respecto ás prazas autorizadas, de persoas usuarias ou camas por cuarto e instalar camas ou similares en espazos inadecuados e non autorizados previamente como dormitorios".
Cabe deducir, daquela, que nunha ou en dúas das residencias (Chandrexa, Esgos e Montederramo) sucederon algúns destes feitos durante 2020 ou 2021. As carencias na resposta impiden saber máis.
Unha media de 23 inspeccións ao mes
A Xunta fai arredor dunha vintena de inspeccións mensuais sobre o total de case 300 residencias, segundo se tira doutra resposta ao PSdeG
O cadro parcial trazado por esta resposta ao BNG sobre o control que a Xunta realiza nas residencias da terceira idade pódese completar un chisco con outra resposta da mesma consellería a PSdeG, que polas mesmas datas preguntou a Política Social "cantos centros de atención residencial para persoas maiores se inspeccionaron os anos 2019, 2020, 2021 e o que vai de 2022?" nas catro provincias galegas. O Goberno respondeu axustándose ao máximo á literalidade da pregunta, cunha suma de todas as inspeccións neses case catro anos, sen desagregar ano por ano nin mencionar cales foron os centros inspeccionados.
Partindo desa limitación, é posible calcular que nese tempo (que inclúe a pandemia e as etapas de peche practicamente total das residencias para frear os contaxios) a inspección de servizos sociais realizou unha media mensual duns 23 controis. Serían, en cifras medias, unhas 8 visitas mensuais na provincia de Ourense e practicamente a metade nas de Lugo e Pontevedra.
Son cifras que se producen nun contexto no que Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPS) da propia consellería reflicte a existencia de 282 centros residenciais para maiores con algo máis de 21.700 prazas. Preguntada ao respecto por Praza.gal, a Consellería confirma que nalgúns casos o número de inspeccións supera o de residencias porque "un mesmo centro pode ser obxecto de inspección varias veces".