O pasado 16 de xuño, Alberto Núñez Feijóo non dubidou en proclamar a "fin da pandemia" nas residencias de maiores e mais nos centros de día. Esta semana foi a primeira dunha certa normalidade nestes espazos que tanto sufriron a COVID, ben polo impacto en canto ao número de afectados e falecidos no caso das primeiras (máis do 30% dos mortos por coronavirus en Galicia foron nestes espazos e supoñían o 40% antes da vacinación), ou ben polo longo peche e a deterioración que a falta de terapias causou nas persoas usuarias.
Esta semana foi a primeira de certa normalidade en residencias e centros de día logo de 15 meses de peche ou duras restricións
Desde o pasado sábado, residencias e centros de día poden volver ás actividades en grupos, celebrar comidas en compañía e relaxar, aínda que non de todo, as medidas de precaución ante o coronavirus. Púxose fin xa á limitación de saídas das persoas residentes e ás visitas de familiares, aínda que coa recomendación de que sexan dous visitantes por residente, e volverán os desprazamentos para actividades no exterior. Ademais, nos centros de día recupérase a posibilidade do transporte colectivo e rematan xa as enquisas epidemiolóxicas, o rexistro diario de temperatura ou o cambio de calzado e roupa e a súa desinfección a cada saída dos traballadores.
"Sentimos un grande alivio e alegría porque sufrimos moito; pode que nos centros de día non afectase apenas o coronavirus, pero si puidemos coller moitos unha depresión", relata Ángeles Álvarez, directora do Parque Castrelos en Vigo e presidenta da ACDGal (Asociación de Centros de Día de Galicia), que representa o 70% dos máis de 120 centros de atención diúrna privados de Galicia.
Nestes centros que atenden máis de 14.000 persoas en Galicia levaban ano e tres meses agardando por unha certa normalidade. Desde o 14 de marzo e ata o 15 de xullo de 2020 permaneceron pechados pola pandemia e Galicia foi a última comunidade en abrir estes espazos. Logo de catro meses clausurados, como advertiron expertos e profesionais, a "deterioración" das condicións das persoas usuarias e o "drama" dos coidadores incrementouse e derivou en situacións "irreversibles". Coa reapertura, a metade das persoas usuarias causaran baixa por medo, empeoramento ou morte.
"Sentimos un grande alivio porque sufrimos moito; pode que nos centros de día non afectase apenas a COVID, pero si puidemos coller moitos unha depresión"
Foron 15 meses de clausura ou duras restricións. Agora, co regreso progresivo á normalidade, os centros de día notan como se incrementa a demanda de prazas e a procura de información, pero tamén que "son moitas as persoas usuarias que sufriron tan importante deterioración que as familias optan xa polas residencias". "Por desgraza, hai más prazas libres", conta Chelo Ferreiro, directora do centro Raiola de Verín, que aclara que o empeoramento nas doenzas de moitas persoas obrigaron a moita xente a optar pola estadía permanente nun centro. "Hai situacións nas que un centro de día xa non é suficiente", insiste.
"Mantivemos a fidelidade da maioría das persoas porque o 90% das que viñan fóronse reincorporando, pero a deterioración foi tan grande en moitos xa non volveron", confirma Álvarez, que lembra tamén que os centros de día "son un recurso intermedio", principalmente de prevención, que se torna insfuciente ante casos máis graves.
A deterioración das persoas usuarias dos centros de día pola falta de terapias e actividades provoca que moitas familias aposten agora xa polas residencias
Segundo a súa experiencia, conta, o aumento das facilidades para atopar vacantes, unido ao empeoramento de saúde polas restricións da COVID, provoca que moitos maiores estean optando por residencias en Galicia, o territorio do Estado con menos prazas públicas. Nos centros de día, normalmente con alta demanda, a redución do impacto da pandemia nótase tamén nestas últimas semanas. "Teño lista de espera", di Ángeles. "Recibo moitas máis chamadas pedindo información", confirma Chelo.
A situación, logo de meses tan "duros", mudou moito. "Que as persoas usuarias poidan desprazarse con máis liberdade, sen ter que andar detrás deles para controlar o que fan, que poidan achegarse a unha compañeira para contarlle algo ao oído, que entre xente de fóra do centro para dar unha charla, poder facer unha convivencia... Todo isto estanos dando vida", explica Ángeles Álvarez. "Cada vez a cousa vai mellor, pero desde que nos deixaron saír á rúa, todo foi mellorando, foi incrementándose a alegría", confirma Nilda Balbís, directora do centro de día San Carlos na Coruña.
"Empezamos a respirar", explica Ferreiro desde Verín. No seu centro volveron as actividades e "a vida é mías normal". "Facemos saídos, non tes que estar sempre vixiando a xente para que non se achegue a outra... A mellora é moi grande para nós e para as persoas usuarias, que levaban moito tempo sen poder facer terapias e actividades que eran inviables ao non poder compartir material ou espazos", lembra quen advirte que os centros de día soportaron "das restricións máis estritas", que os fixo estar "condicionadísimos" á hora de traballar.
Malia os temores desde a Xunta e logo de que Galicia fose a comunidade co peche máis longo dos centros de día --o que provocou duras críticas do sector e dos familiares dos usuarios-- o impacto da COVID foi case nulo nestes espazos. O propio director xeral de Anteción Integral Sociosanitaria, Antonio Acevedo, recoñeceu vía carta o seu bo facer. "Tiñan moito temor, pero demostramos a nosa responsabilidade", lembran desde ACDgal.
A vacinación completa das persoas maiores e a progresiva baixada no impacto do coronavirus mudou a vida nos centros de atención diúrna, pero "con prudencia". "O virus segue aí; é obvio que xa nada é o mesmo, pero hai que manter as precaucións, o uso da máscara, a hixiente de mans e as distancias dentro do posible", explica Álvarez.
Directoras de centros de día recoñecen que coa vacinación "xa nada é o mesmo", pero que "o virus segue aí": "Hai que manter as precaucións"
"Que o persoal e os usuarios estean vacinados dá moita tranquilidade, pero non deixan de convivir con xente nova que non o está, así que non debemos relaxarnos demasiado", explica Ferreiro, que recoñece ter algo de "medo" pola chegada do verán e as reunións de grupos de familiares e amigos "que levan moito tempo sen verse". "A pandemia non rematou e debemos ser moi coidadosos", insiste Balbís.
Todas elas, Ángeles, Chelo e Nilda, coinciden no fundamental: "Hai menos medo". E lembran a angustia e o desacougo, primeiro co prolongadísimo peche de catro meses e logo cunha volta á actividade con tantas medidas de prevención e coidado. Ven a luz ao final do túnel, pero aínda non o dan por superado. "Seguiremos avanzando", conciden esperanzadas.