Galicia é xa a única comunidade autónoma que mantén pechados os centros de día

Núñez Feijóo e a conselleira de Política Social, Fabiola García CC-BY-SA Xunta

Galicia xa é a única comunidade que non reabriu os centros de día nin ten data fixada --tampouco aproximada-- para facelo. Durante as últimas semanas, a inmensa maioría dos gobernos autonómicos foron abrindo as portas destes espazos de atención diúrna para maiores, que no país usan unhas 14.000 persoas que levan case catro meses sen as terapias nin atencións habituais. Algúns territorios aproveitaron a posibilidade que o Goberno central deu xa co paso á fase 1 para ir reabríndoos, con medidas de seguridade e progresivamente; outras agardaron á fase 2 ou 3, e os últimos regularon xa o reinicio da actividade nos seus decretos de paso á nova normalidade

Galicia segue sen abrir os centros de día nin poñer data; Aragón, Canarias e Castilla-La Mancha, as únicas que os tiñan aínda pechados, xa os abriron

Aragón, Canarias e Castilla-La Mancha, as únicas comunidades xunto con Galicia que mantiñan aínda pechados os centros de día, acordaron ou regularon xa a súa reapertura coa fin do estado de alarma o pasado 21 de xuño, que en Galicia se adiantou unha semana a petición da Xunta, que mantivo sine die as restricións nos servizos sociais. No adianto das novas normas para unha seguinte fase do desconfinamento en Galicia a partir do 1 de xullo, Feijóo tampouco fixo alusión aos centros de día. Son xa máis de tres meses e medio os que levan pechados entre as protestas de dependentes, familiares, persoal e profesionais do sector. 

Unhas 14.000 persoas maiores acoden aos centros de día en Galicia CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

O anuncio sorpresivo de Feijóo de que estes espazos non retomarían a actividade ata setembro provocou a indignación das persoas afectadas e das súas familias. A "deterioración" das condicións dos usuarios e o "drama" relatado polos coidadores incrementouse, ata que o Goberno galego abriu a porta a adiantar a volta e falou dunha "progresiva recuperación da normalidade" que aínda non chega e que desconcertou os e as profesionais, que basearan nun protocolo logo descartado temporalmente o seu plan de reactivación, que ven como virou máis estrito nunha nova guía con condicións de apertura máis esixentes que obrigan o persoal a pasar unha formación moi criticada

Dependentes, coidadoras, e persoal dos centros seguen a esperar pola reapertura mentres no resto do Estado xa todas as comunidades acordaron recuperar un servizo fundamental para milleiros de persoas maiores e as súas familias. 

Un dos últimos casos, nas Illas Canarias, tal e como conta Canarias Ahora, onde o goberno autonómico acordou xa a semana pasada que os centros de día irían abrindo de forma progresiva, aínda que nalgúns casos as persoas usuarias só poderán ir en días ou semanas alternas para cumprir as condicións de seguridade esixidas. 

A Xunta engadiu e endureceu os requisitos para poder abrir os centros de atención diúrna, esixindo formación ao seu persoal, que critica os cursos ofrecidos

En Aragón, outra das comunidades que aínda non confirmara a súa decisión, os centros de día e ocupacionais poden abrir desde o pasado luns 22 baixo estritas medidas de seguridade e organización, tal e como detalla unha orde da Junta. En Castilla-La Mancha, o outro territorio que aínda era remiso á reapertura, o decreto que regula a nova normalidade establece que estas instalacións poderán reiniciar as súas actividades sempre que non estean anexos a unha residencia de maiores. 

Actividades nun centro de día de Galicia CC-BY-SA Xunta

Xa que logo, 16 das 17 comunidades autónomas decidiron reabrir xa os centros de día. Todas menos Galicia, onde, tal e como aclara a Consellería de Política Social, estes espazos deberán cumprir varios requisitos extras e agardar por unha data que non chega.

Ter superada a formación e que cada instalación "estea adaptada ás medidas establecidas no protocolo de centros de día" son dous dos requisitos establecidos pola Xunta para permitir a reapertura, que moitos profesionais prepararon xunto a Politica Social para xuño pero que quedou paralizada tras o adiamento anunciado por Feijóo. As outras condicións: "Dispoñer dos medios precisos para iniciar a actividade con todas as garantías sanitarias para o persoal, usuarios e familiares e contar co visado da área sanitaria correspondiente".

Euskadi, Navarra, Murcia ou Extremadura foron abrindo progresivamente os centros de día desde finais de maio; Cantabria, Andalucía e La Rioja, este mes

Mentres, en Euskadi, Navarra, Murcia e Extremadura, comunidades que nos últimos meses tiveron un comportamento da pandemia semellante ao de Galicia, os centros de día foron reabrindo desde finais do pasado mes de maio. En Asturias, o 22 dese mesmo mes, o Boletín Oficial do Principado (BOPA) publicou a resolución para o regreso á nova normaliade e aprobouse aprobouse  un plan no que se especifica o proceso progresivo para a reapertura destes espazos de atención diúrna. 

Noutras comunidades, o reinicio dos servizos nos centros de día comezou en xuño, como o caso de Cantabria, o pasado día 1, ou en Andalucía, o día 4, cando unha orde da Consejería de Salud y Familias acordaba levantar "a suspensión da actividade da atención presencial ás persoas usuarias dos centros de día, incluíndo os centros de día de maiores, de persoas con discapacidade de outros asimilados de carácter sociosanitario". En La Rioja, coa publicación da resolución do 8 de xuño, estableceuse o pasado luns 22 como data de reinicio de actividades.

Comunitat Valeciana, Castilla y León ou Madrid abríronos en fase 2; Catalunya e Balears, na 3; Galicia mantenos pechados mesmo tras finalizar o estado de alarma

Na Comunitat Valenciana e en Castilla y León, foi coa chegada da fase 2 cando se empezaron a recuperar servizos nos centros de día, ao igual que na Comunidad de Madrid, que coa fin da fase 1 acordou o "restablecemento do servizo para os usuarios de maior vulnerabilidade con limitación da capacidade do centro dun máximo do 50% das prazas autorizadas".

Por último, en Illes Balears reabríronse en fase 3, ao igual que en Catalunya, onde a Generalitat acordou permitir a súa reapertura cunha afluencia máixima do 50% das persoas usuarias nun principio e priorizando a xente máis necesitada e a alternancia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.