Persoal dos centros de día recea da formación que a Xunta esixe agora para reabriren: "Parece que nos queren entreter"

Páxina con contidos da formación da Xunta para os centros, sobre unha imaxe de arquivo dun centro de día para maiores CC-BY-NC-SA Praza Pública

A Xunta de Galicia mantén pechados os centros de día e ocupacionais desde mediados de marzo e segue sen poñer data á reapertura que xa se deu na maioría de comunidades autónomas. O anuncio sorpresivo de Feijóo de que non retomarían a actividade ata setembro provocou protestas entre dependentes, familiares e persoal. A "deterioración" das condicións das persoas usuarias e o "drama" relatado polos coidadores incrementouse, ata que o Goberno galego abriu a porta a adiantar a volta e falou dunha "progresiva recuperación da normalidade" que aínda non chega e que desconcertou os e as profesionais, que basearan xa nun protocolo logo descartado temporalmente o seu plan de reactivación, que ven como lles endurecen nunha nova guía as condicións de apertura e que son obrigados a pasar unha formación moi criticada polo fondo e as formas: "Non poden advertirnos de que precisamos formación para acabar ofrecéndonos este curso"

A formación esixida agora pola Xunta consta de dúas horas diarias por vídeoconferencia durante tres xornadas. "É repetitiva e nada específica"

Varias profesionais responsables de centros de día de Galicia critican un curso ordenado pola Xunta que consiste en dúas horas diarias de vídeoconferencia durante tres xornadas e que se comezou a impartir a pasada semana. En conversa con Praza.gal, varias delas cualifican de "pouco útil" unha formación "repetitiva" e "nada específica" na que ven "outro intento por dilatar todo este proceso de reapertura que non dá chegado". "Parecese que nos quixesen ter entretidas mentres seguimos a esperar por unha data", comenta unha profesional dos servizos sociais. 

A conselleira de Política Social, Fabiola García, no centro de día de Cuntis CC-BY-SA Xunta

"A primeira parte da formación consiste en explicar de maneira xeral a covid: como se desenvolve a enfermidade, as diferentes sintomatoloxías, as fases... Logo resúmese na lectura dun protocolo xa enviado por correo e nunha explicación dos plans de control da pandemia levados a cabo nas residencias, non nos centros de día", explica unha directora dun centro de día que xa recibiu as aulas. Outra coincide na crítica ao feito de que boa parte do curso se centre nas residencias e non nos centros de día, "cando o lóxico é que se centrase nestes espazos". 

"O curso non está impartido por profesionais do Sergas", quéixanse profesionais que destacan que as diapositivas refírense á Xunta como "Junta de Galicia"

Preguntada por este feito, a Consellería de Política Social aclara que "os contidos do curso son específicos para os centros de día" pero que, "nalgunha ocasión, cómpre poñer exemplos prácticos relativos a outros centros de servizos sociais de carácter residencial, xa que foron os únicos que durante esta crise sanitaria mantiveron a súa actividade, coa implantación de protocolos de seguridade e hixiene elaborados polas autoridades sanitarias".

Ademais, todas as profesionais que critican a formación impulsada pola Xunta destacan un feito "sorprendente", segundo o que denuncian: "Non está impartido por profesionais do Sergas", din. Varias delas destacan que foi unha "enfermeira de León" quen lles impartiu o curso e reparan no feito de que se refirese á Xunta como "Junta de Galicia", mesmo nas diapositivas difundidas. "De verdade non hai no sistema sanitario público galego ningún especialista que poida achegarnos esta aprendizaxe?", pregúntase unha das profesionais que asistiu ás clases. 

"A formación ao persoal dos centros de día impártese por profesionais médicos e de enfermaría totalmente cualificados", responde Política Social ao ser preguntada por estas críticas. 

Desde varios centros de día, que xa criticaron que a Xunta requrise agora unha formación que non esixiron ao enviar o primeiro dos protocolos de reactivación, censuran que o resultado a esas novas esixencias sexan estes cursos. "Non se nos pode acusar de non estaren formadas e que o que nos aprenden deixe tanto que desexar", indican profesionais que agardaban "unha explicación de como funcionar na nova normalidade, exemplos prácticos sobre o que teremos que facer". 

Páxina dunha presentación da formación organizada pola Xunta para os centros do día antes da reapertura CC-BY-NC-SA Praza Pública

Si están nun documento, o Plan de Acción para a Prevención do Contaxio da Covid-19, un protocolo que establece as pautas de actuación precisas para minimizar o risco de contaxio, identificar os casos sospeitosos e os seus contactos e establecer a actuación no caso de confirmarse un positivo. 

Enviado o venres 12, un mes despois de que os centros de día recibisen o protocolo de reactivación logo suspendido, é a guía na que cada instalación debe "adaptarse á súa propia realidade" e detallar como cumprirá cos requisitos esixidos pola Xunta, máis estritos que as indicacións daquel protocolo xeral. O plan, ao que tivo acceso Praza.gal, establece dous posibles escenarios --un de prevención e sen sospeita de casos de coronavirus e outro no caso de que se dean casos sospeitosos-- e esixe un estrito control e detalle nos responsables dos espazos. 

Política Social esixe para a reapertura ter superada a formarción cumprir coas medidas do protocolo, dispoñer dos medios precisos e ter o visto e prace do Sergas

Ter superada a formación e que cada instalación "estea adaptada ás medidas establecidas no protocolo de centros de día" son dúas das condicións establecidas por Política Social para permitir a reapertura, que moitos profesionais prepararon xunto á Consellería para xuño pero que quedou paralizada tras o adiamento anunciado por Feijóo. Os outros requisitos: "Dispoñer dos medios precisos para iniciar a actividade con todas as garantías sanitarias para o persoal, usuarios e familiares e contar co visado da área sanitaria correspondiente".

"Hai que recordar que as persoas maiores son un colectivo especialmente vulnerable fronte á covid-19, polo que se debe de actuar en todo momento coa debida prudencia e baixo criterios eminentemente sanitarios e de saúde pública", argumenta a Consellería, que segue sen poñer data, nin tan sequera aproximada, mentres en boa parte das comunidades autónomas estes servizos sociais levan xa semanas funcionando. En Galicia, son sobre 14.000 as persoas usuarias destes espazos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.