A decisión da Xunta de Galicia de manter pechados os centros de día e ocupacionais ata setembro provocou a indignación e as protestas de persoas dependentes, familiares e profesionais. A "deterioración" das condicións das persoas usuarias dos centros de maiores e o "drama" relatado polos seus coidadores foi a máis, ata que Feijóo abriu a porta a adiantar a reapertura. O Goberno galego admitiu pouco despois unha "progresiva recuperación da normalidade" que non acabou de contentar o sector, que viu como a Administración o remitía a un protocolo de reactivación que fora activado a mediados de maio e suspendido pouco despois, endurecía as condicións de reapertura e seguía sen poñer data nin aproximada para o regreso dunha instalacións que atenden máis de 14.000 persoas no país. O enfado vai a máis ao comprobar a evolución destes mesmos centros noutras comunidades desde que empezou o proceso de desescalada tras a suspensión de actividades que provocou o coronavirus.
A Xunta marcou nun inicio setembro para a reapertura dos centros de día, pero na maioría das autonomías están xa abertos ou con data fixada
Porque a inmensa maioría das comunidades autónomas abriron xa os centros de día ou teñen fixada data próxima de apertura, mesmo naqueles territorios onde a evolución da pandemia e a súa afectación foi moito maior que en Galicia. A Plataforma de Centros de Día de Galicia (PCDG) leva semanas xa advertindo desta circunstancia ante as reticencias da Xunta a aclarar cando chegará por fin esa volta progresiva á normalidade.
En Euskadi, onde estes centros de atención diurna dependen das deputacións forais, foron abrindo paulatinamente desde finais de maio. Foi desde o inicio da fase 1 da desescalada cando se foron retomando progresivamente as actividades destas instalacións pero tamén doutros servizos sociais, incluídos os do ámbito da infancia e da discapacidade, como os centros ocupacionais.
Euskadi, Navarra, Extremadura ou Murcia comezaron a reabrir os centros de día na última semana do pasado mes de maio
Tamén na última semana do pasado mes comezaron a abrir os centros de día en Navarra, cuxo goberno insistiu no carácter "esencial" dos servizos sociais. En Extremadura, outra das comunidades onde a evolución da pandemia foi semellante á que se deu en Galicia, desde finais de maio poden ir abrindo tamén estes espazos, coas condicións que se especificaron no Diario Oficial de Extremadura (DOE), onde se estableceu que poderían acudir inicialmente ás instalacións aquelas persoas con demencias ou algunha deterioración coginitiva se non se superaba o 60% da capacidade e se garantía a distancia entre usuarios.
En Asturias, pola súa banda, foi o 22 de maio o día no que o Boletín Oficial do Principado (BOPA) publicou a resolución para a ordenación do proceso de transición cara á nova normalidade dos servizos sociais. Así, aprobouse un plan no que se especifica o proceso progresivo para a reapertura de varios centros, entre eles os centros de día, onde se traballará cn modelo "en burbullas" mediante o cal se comeza atendendo un grupo determinado de persoas usuarias e cuns profesionais asignados en exclusiva a este. Ademais, establécese unha volta ás instalacións en fases e priorizando os dependentes pola súa gravidade ou polas "situacións sociofamiliares máis complexas".
Ademais, en Murcia, tamén o Goberno rexional deu orde de comezar a reabrir os centros de día para persoas con discapacidade, de atención temperá e promoción de autonomía persoal a partir do 25 de maio pasado, comezando coa atención individualizada mediante sistema de cita previa, tal e como autorizou unicamente a Xunta aínda a semana pasada, pero tamén coa posibilidade de incorporar grupos reducidos e ir establecendo quendas rotatorias co límite de número de contactos que permita cada fase da desescalada.
Galicia, a primeira comunidade en superar a fase 3, aínda non determinou cando se poderán realizar actividades grupais nestas instalacións e, de feito, algúns centros de día que comparten espazo coas residencias nun mesmo recinto, estes espazos están a ser utilizados como o lugar para que os maiores alí aloxados reciban as visitas dos familiares.
Noutras comunidades autónomas, o reinicio dos servizos nos centros de día comezaron en xuño, como o caso de Cantabria. Foi o pasado 1 de xuño cando comezaron a reabrir as portas estes espazos logo de que a Consejería de Políticas Sociales comezase a dar xa en maio o visto e prace aos plans de reactivación remtidios por cada instalación e no que se detallaba o uso de superficies, os ratios ou o tipo de atención de cada persoa usuaria. Na primeira semana, oito dos vinte centros que presentaran cadanseu plan xa tiñan a autorización.
No caso de Galicia, onde tamén se pedirán plans individualizados a cada centro, os profesionais agardan aínda polas condicións específicas que terán que cumprir para entregar a documentación e agardar polo visto e prace de Sanidade.
En Cantabria os centros de día comezaron a reabrir as súas portas a principios de xuño, como en Andalucía; en La Rioja a data para a volta é o 22 deste mes
En Andalucía, pola súa banda, foi o pasado 4 de xuño cando unha orde da Consejería de Salud y Familias acordaba levantar "a suspensión da actividade da atención presencial ás persoas usuarias dos centros de día, incluíndo os centros de día de maiores, de persoas con discapacidade de outros asimilados de carácter sociosanitario". Todo seguindo unha serie de medidas de prevención e sanitarias e cunha incorporación progresiva dos usuarios.
Ademais, en La Rioja, unha resolución do 8 de xuño establecía o "plan de transición de transición á nova normalidade no servizo de centro de día de persoas maiores no Sistema Público rioxano de Servizos Sociais". Nel establécese unha fase previa de preparación dos espazos e outra, a partir do 22 de xuño coa entrada na nova normalidade, no que se abrirán os espazos co 50% das persoas usuarias.
Madrid tamén "restablece o servizo"
Na Comunitat Valenciana estableceuse tamén un plan que se iniciou ao entrar o territorio na fase 2 da desescalada, momento no que se recuperaron servizos de fisioterapia, podoloxía ou terapias rehabilitadoras. Na fase 3 permitíronse xa os talleres de envellecemento activo en grupos reducidos de ata dez persoas. En Illes Balears, pola súa banda, acordouse reabrilos coa entrada tamén na fase 3 coa condición de que cada espazo dispuxese dun plan de continxencia para facer fronte a posibles casos de coronavirus. Ademais, a Conselleria de Salut encárgase de realizar as probas ás persoas usuarias para descartar posibles casos de covid.
Mesmo en Madrid, coa entrada na fase 2, a Comunidad acordou o "restablecemento do servizo para os usuarios de maior vulnerabilidade con limitación da capacidade do centro dun máximo do 50% das prazas autorizadas". En Castilla y León, pola súa banda, os centros de día comezan tamén a reabrir as súas portas tras o pase á fase 2 e a entrada de parte do seu territorio en fase 3, priorizando os horarios flexibles e os grupos pequenos nas actividades.
No caso de Catalunya, a Generalitat indica que na fase 2 será preferible seguir facendo servizo domiciliario, aínda que nos centros de día poderíase atender presencialmente, dun en un e con cita previa. A reapertura está prevista ao alcanzar a fase 3, cunha afluencia máixima do 50% das persoas usuarias nun principio e priorizando a xente máis necesitada e a alternancia.