As ordes contrapostas da Xunta desconcertan os centros de día tras tres meses de peche obrigado

Desinfección do centro de día Raiola de Verín, realizada en previsión dunha reapertura inminente en xuño © Centro de Día Raiola

A decisión da Xunta de Galicia de manter pechados os centros de día e ocupacionais ata o vindeiro mes de setembro ergueu protestas entre persoas dependentes, familiares e profesionais. A "deterioración" das condicións das persoas usuarias dos centros de maiores e o "drama" relatado polos seus coidadores logo de tres meses sen as terapias e a atención habitual foi a máis, ata que Feijóo deixou a porta aberta á posibilidade dun adiantamento da ansiada reapertura. O Goberno galego admite agora unha "progresiva recuperación da normalidade" que non acaba de contentar o sector, desconcertado, tras remitirse a un protocolo que fora descartado temporalmente e endurecer as condicións anteriores. 

O sector divídese entre os que ven na nova folla de ruta "un camiño" para a reapertura e os que só ven "un parche" que "dilatará" a volta á actividade

O protocolo para a reapertura datado o día 12 de maio e enviado aos centros catro días despois foi a base sobre a que moitos centros prepararon a súa reapertura para xuño, en coordinación coa Consellería de Política Social. Pero o anuncio de Feijóo por sorpresa o día 29, no que advertía de que a reapertura quedaba adiada "ao curso que vén", parou todo. A referencia aos centros de día dese documento desapareceu ata esta semana, na que xa volve ser público na web que o Sergas dedica ao coronavirus. Ao tempo, unha xuntanza da Administración coa Plataforma de Centros de Día de Galicia (PCDG) sentou as bases apra unha "progresiva recuperación" da normalidade, aínda que sen data aproximada de reapertura. 

Actividades nun centro de día de Galicia CC-BY-SA Xunta

Desde a PCDG cren que este acordo "xa marca polo menos un camiño". Os requisitos aumentan, xa que o persoal dos centros de día deberá recibir "formación específica para todo o seu persoal" e dispor de equipos de protección que a Xunta subministrará "a través da plataforma Clonegal". Cada instalación, ademais, deberá preparar protocolos propios e "adaptados á súa propia realidade" para despois agardar a recibir o visto e prace de Sanidade. Logo aplicaranse as condicións de apertura --por fases e cunha capacidade reducida do 50% ao 75% e de aí ao 100% cada quince días-- que xa especificaba o protocolo que foi retirado e agora recuperado. 

Malia que moitos centros xa cumpren cos requisitos do protocolo reactivado, a Xunta endurece as condicións e esixe "formación específica" para o persoal

"O importante é que estamos no camiño, que temos unha folla de ruta; agora, traballemos todos, a Administración e nós, para que todo se faga o máis rápido posible e nun prazo decente", di Silvia de Cal, portavoz da PCDG. 

Non todo o sector pensa igual. Desde o centro de día municipal Raiola, de Verín, dos primeiros que se ergueu contra a decisión da Xunta, consideran que as últimas decisións da Xunta son "un parche" e que o único que fan é "dilatar máis a situación e alongar os prazos para a reapertura".

Respecto da opción que, polo momento, deu Política Social de abrir os centros con cita previa e para terapias individuais, a directora do centro, Chelo Ferreiro, pregúntase "se a Administración coñece como funciona un centro de día". "Se o soubesen, non se atreverían a facer nin tan sequera a proposta, que é inviable", conta quen aclara que o usuario que menos tempo está "bota seis horas ao día" nas instalacións. 

"Abrir para terapias individuais con cita previa é inviable para un centro de día", explica Chelo Ferreiro, do centro Raiola de Verín

Ademais, Ferreiro denuncia que a Xunta esixa agora "formación para o persoal" e outros requisitos que o seu centro de día "xa cumpre" logo de seguir as indicacións dun protocolo que logo foi retirado e agora recuperado outra vez. "Os meus empregados foron formados por unha empresa de prevención de riscos laborais, teño todos os equipos de protección requiridos, fixen a desinfección en todos os espazos e dispuxen dunha sala destinada a posibles casos de covid. Se xa cumpro con todo, que teño que agardar?", pregúntase quen sospeita que os novos requisitos da Administración a abocan de novo "a setembro" como data de posible apertura. 

Ademais dos centros de día, os centros ocupacionais que atenden persoas con discapacidade están tamén afectados por esta situación. O centro Limisi, en Xinzo de Limia, foi outro dos primeiros que denunciou o mantemento do peche ata setembro, difundindo nas redes sociais mensaxes e vídeos de persoas usuarias reclamando unha solución. 

"Seis meses sen terapias e intervencións son anos de retrocesos nas persoas con discapacidade intelectual, ao tempo que ás súas familias se lles impide volver ás súas vidas normais e poder conciliar", explica o persoal do Limisi Diversidade Funcional, asociación sen ánimo de lucro. Agora, consideran as novas medidas da Xunta "un parche" e explican que, á marxe das notas de prensa, non teñen "ningunha información oficial", aínda que agardan que a posibilidade de atención individual e con cita previa poida "axudar algo" a paliar a deterioración que sofren os seus usuarios. 

"Seis meses sen terapias e intervencións son anos de retrocesos nas persoas con discapacidade intelectual"

Desde Raiola, en Verín, piden celeridade advirten de que "non se conseguiu nada". "Dáme a impresión de que o único que fai a Xunta é dilatar; eu sigo sen poder abrir a porta a pesar de que as condicións que me esixían no protocolo que me chegou a mediados de maio xa as teño cumpridas", remata. 

Precisamente, este mesmo xoves, a deputada do BNG, Noa Presas, visitou o centro de día de Verín e pediu a Feijóo que "deixen de vender fume" e permita que abran estas instalacións, logo dunah xuntanza con familiares e persoas usuarias. 

"É radicalmente mentira que os centros de día vaian abrir, como anunciou Feijóo. É fume, un parche autoexculpatorio", asegurou Presas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.