A Xunta insiste en manter os centros de día e ocupacionais pechados. Semana e pico despois de que Feijóo sorprendese anunciando que estes espazos para maiores non volverían abrir ata setembro logo de permanecer inactivos polo coronavirus desde mediados de marzo, o presidente galego abriu a porta o pasado venres a adiantar a súa reapertura e reiniciar a súa actividade normal. Non chegará de momento.
Feijóo abriu a porta o pasado venres a adiantar a reapertura dos centros de día, pero, polo momento, a Xunta só permitirá terapias individuais con cita previa
A Xunta tan só abriu a man para autorizarlles a estes centros pretar atención terapéutica individual con cita previa aos seus usuarios, "garantindo sempre todas as medidas de seguridade e hixiene necesarias". Foi o que Feijóo e a conselleira de Política Social, Fabiola García, lles trasladaron ás principais federacións de entidades de discapacidade, o Cermi-Galicia, nunha xuntanza mantida este mércores. Xa que logo, retoman só unha mínima parte da súa actividade, sen a posibilidade dunha estancia continuada que usuarios e coidadores reclaman.
Malia que só hai uns días Feijóo dixo non pecharse "a outras posibilidades" e que setembro só era "un horizonte", desta vez volveu incidir en que a Xunta quere ser "prudente" respecto á reapertura e que busca "dar unha resposta ás necesidades que poidan ter as persoas maiores ou con discapacidade e as súas familias". O único "compromiso" foi o de "facer todo o posible para normalizar progresivamente a situación", pero sen poñer data de regreso, malia que son moitas as comunidades que están recuperando xa estes servizos sociais ou teñen un plan definido sobre a súa volta.
O Goberno galego tan só se comprometeu, sen data, a "facer todo o posible para normalizar progresivamente a situación"
"A Xunta xa está a traballar coas entidades para retomar o resto de actividades que se ofrecen nun centro de día. Para iso, estáselles a ofrecer formación específica para todo o seu persoal, procederase ao subministro centralizado de equipos de protección a través da plataforma Clonegal e cada centro deberá preparar protocolos adaptados á súa propia realidade". aclara a Administración autonómica, que advirte, sen data, que "unha vez se cumpran esas condicións e a autoridade sanitaria dea o seu visto e prace, os centros poderán retomar progresivamente o seu funcionamento".
A decision da Xunta do pasado 29 de maio colleu por sorpresa a maioría dos centros de día, que levaban semanas negociando coa Consellería de Política Social a súa reapertura nas vindeiras semanas. Facíano logo de que lles fose enviado un Plan de Reactivacion elaborado por Sanidade, do que agora desapareceu a mención a estes espazos, e no que se baseaban para ir preparando unha volta que consideraban inminente.
A medida provocou duras críticas, tanto desde os centros de día como desde as persoas dependentes e as súas familias, que relatan a "grave deterioración" que os maiores sufriron e están a sufrir nestes meses sen a atención destes espazos, así como as consecuencias físicas e psicolóxicas, ademais de na conciliación, que a situación ten nos coidadores.
"Hai casos nas persoas usuarias que xa son irreversibles. "Hai familias que sofren ansiedade, depresión e conflitos sociais; outras, agresións e problemas derivados de non durmir", advertía Miguel Ángel Vázquez, presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX). Esta entidade foi unha das que criticou con dureza a decisión da Xunta, que atribuía ao "descoñecemento" e mesmo ao "desprezo" do labor dos profesionais do sector.
A Sociedade Galega de Xerontoloxía uniuse a familiares de persoas con dano cerebral, autismo ou Alzheimer e aos educadores sociais nas críticas ao peche dos centros de día
A esta voz sumáronse nos últimos días entidades como as que agrupan as persoas con parálise cerebral ou colectivos como a Federación Galega de Dano Cerebral Adquirido (Fegadace) e mais o Colexio de Educadoras Sociais de Galicia (Ceesg). O primeiro deles remitiu un escrito a Política Social para reclamar que o Goberno galego "reconsidere ou rectifique" ante unha situación, no caso do seu ámbito, que xa é de "emerxencia terapéutica e social". A segunda, advirte dunha medida que "agrava a situación vital de centos de persoas maiores que sofren demencias e outras doenzas dexenerativas".
A Plataforma de Centros de Día de Galicia, a primeira en dar a voz de alarma, asegura que "agardar ata setembro é inadmisible e atenta contra os dereitos máis elementais das persoas". Ademais, desde Autismo Galicia ínstanse a rectificar ante unha situación "insostible" e a Federación Alzhéimer Galiciareclama que se "poida atender as persoas con demencia e ás súas familias de forma inmediata".