Tan só unha semana despois de que sorprendese anunciando que os centros de día para maiores non volverían abrir ata setembro logo de que permanecesen pechados polo coronavirus desde mediados de marzo, Feijóo di agora que podería adiantarse a súa apertura.
Feijóo di agora que a data de reapertura en setembro "é un horizonte" pero que a Xunta "non se pecha a outras posibilidades"
A decisión tomada o pasado venres, e ratificada este martes "por prudencia", non semella agora irreversible. No momento de anunciala, o presidente da Xunta colleu por sorpresa a maioría dos centros de día, que levaban semanas negociando coa Consellería de Política Social a súa reapertura nas vindeiras semanas. Facíano logo de que lles fose enviado un Plan de Reactivacion elaborado por Sanidade, do que agora desapareceu a mención a estes espazos, e no que se baseaban para ir preparando unha volta que consideraban inminente.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste venres, Feijóo asegurou que estuda adiantar a apertura dos centros de día. Asegura que "os criterios de sanidade van prevalecer sobre calquera outro criterio", pero advirte agora que setembro é "un horizonte" marcado e que "non se pechan a outras posibilidades".
"Seguiremos informando as familias e tomando decisións", engadiu sobre unha medida, a do peche, "que non é menor". "Por iso aprobamos un bono de 500 euros ao mes", apuntou o mandatario autonómico respecto dunha axuda que todos os profesionais do sector cualifican de insuficiente, ademais de advertir da insuficiencia da atención domiciliaria en comparación coas terapias, a intervención psicofísica e social ou os traballos de recuperación e rehabilitación física e cognitiva que os maiores reciben nun centro de día.
"Imos seguir estudando este asunto por se fose posible a reapertura antes de setembro", di Feijóo
Agora, Feijóo di que a Xunta "vai seguir estudando este asunto" por "se fose posible a reapertura antes de setembro". O xefe do Executivo galego recúa logo de que chovesen as críticas durante esta semana, tanto desde os centros de día como desde as persoas dependentes e as súas familias, que relatan a "grave deterioración" que os maiores sufriron e están a sufrir nestes meses sen a atención destes espazos, así como as consecuencias físicas e psicolóxicas, ademais de na conciliación, que a situación ten nos coidadores.
"Hai casos nas persoas usuarias que xa son irreversibles. "Hai familias que sofren ansiedade, depresión e conflitos sociais; outras, agresións e problemas derivados de non durmir", advertía Miguel Ángel Vázquez, presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX). Esta entidade foi unha das que criticou con dureza a decisión da Xunta, que atribuía ao "descoñecemento" e mesmo ao "desprezo" do labor dos profesionais do sector.
A Sociedade Galega de Xerontoloxía uniuse a familiares de persoas con dano cerebral, autismo ou Alzheimer e aos educadores sociais nas críticas ao peche dos centros de día
A esta voz sumáronse nos últimos días entidades como as que agrupan as persoas con parálise cerebral ou colectivos como a Federación Galega de Dano Cerebral Adquirido (Fegadace) e mais o Colexio de Educadoras Sociais de Galicia (Ceesg). O primeiro deles remitiu un escrito a Política Social para reclamar que o Goberno galego "reconsidere ou rectifique" ante unha situación, no caso do seu ámbito, que xa é de "emerxencia terapéutica e social". A segunda, advirte dunha medida que "agrava a situación vital de centos de persoas maiores que sofren demencias e outras doenzas dexenerativas".
A Plataforma de Centros de Día de Galicia, a primeira en dar a voz de alarma, asegura que "agardar ata setembro é inadmisible e atenta contra os dereitos máis elementais das persoas". Ademais, desde Autismo Galicia ínstanse a rectificar ante unha situación "insostible" e a Federación Alzhéimer Galiciareclama que se "poida atender as persoas con demencia e ás súas familias de forma inmediata".