Os centros de día prepararon durante semanas no mes de maio a súa reapertura inmediata baseándose nun protocolo do Sergas datado no día 12 dese mes. Na fin de semana do 16 e 17, estas instalacións recibiron o documento, que debullaba o xeito en que debían realizar o desconfinamento as residencias de maiores --iniciado o pasado 25, co comezo da fase 2--, pero tamén os centros de día para persoas maiores e con discapacidade. Durante días, e en coordinación coa Consellería de Política Social, moitos centros de día foron adaptando os seus espazos e cumprindo cos requisitos indicados no texto, logo tamén de que o Ministerio de Sanidade dese autorización para reapertura. O día 29, e por sorpresa, Feijóo anunciou en rolda de prensa que non retomarían a súa actividade "ata o curso que vén", malia que varios deles anunciaran xa que volvían abrir as portas coa chegada de xuño. Ao mesmo tempo, as dez páxinas do plan de reactivación referentes aos centros de día desaparecían da súa versión pública.
O protocolo para a reactivación, enviado aos centros de día a mediados de marzo, foi retirado ao anunciar Feijóo que adiaba a súa reapertura ata setembro
As críticas e o desconcerto de profesionais e responsables dos centros de día e das persoas usuarias e as súas familias sucedéronse desde aquel anuncio inesperado, que colleu moitas instalacións en plenos preparativos para a reapertura, mercando o material de hixiene e seguridade necesario ou avisando da próxima apertura. Mentres, as alertas pola "deterioración" das condicións dos maiores e dependentes pola falta de terapias e atención habitual continuaban e continúan.
Tan só tres días despois, a Xunta ratificaba setembro como a data de apertura "por prudencia", pero o venres seguinte Feijóo abría a porta a un posible adiantamento. Este pasado mércores, o Goberno galego anunciaba que permitía terapias individuais e con cita previa e a conselleira de Política Social, Fabiola García, avisaba da "configuración dunhas semanas de progresiva recuperación da normalidade" nos centros de día de maiores e de discapacidade, aínda que sen poñer data de regreso. De súpeto, a parte do protocolo de reactivación referente aos centros de día volvía aparecer na versión pública do documento, semana e pouco de ser retirada, tal e como se pode comprobar na súa ligazón.
A Xunta abre a porta agora a unha "progresiva recuperación da normalidade" baseada no protocolo antes eliminado e que agora volve ser público
E agora que? O desconcerto segue. O pasado luns, nunha xuntanza mantida coa Plataforma de Centros de Día de Galicia (PCDG), Política Social puxo as bases para unha futura apertura, pero antes o persoal dos centros de día deberá recibir "formación específica para todo o seu persoal" e dispor de equipos de protección que a Xunta subministrará "a través da plataforma Clonegal". Cada instalación, ademais, deberá preparar protocolos propios e "adaptados á súa propia realidade", como aclara a Administración. Unha vez cumpridas estas tres premisas, será Sanidade quen deberá dar o seu "visto e prace". A partir de aí, poderán retomar "progresivamente" o seu funcionamento.
O Goberno galego esixe agora que o persoal dos centros de día reciba "formación específica" e establece as condicións de reapertura que xa figuraban no protocolo
Como? Nos primeiros quince días (fase 1) ao 50% de capacidade, na quincena seguinte (fase 2) ao 75% e na última (fase 3) xa ao 100%. Exactamente os mesmos criterios que establecía o protocolo, que adiantara Praza.gal, a mediados de maio e que fora borrado do Plan de Reactivación xeral ao anunciar Feijóo que a reapertura quedaba adiada a setembro.
Precisamente, Feijóo, preguntado por este tema este xoves, advertiu de que a Xunta ten que "dedicar u período á formación". "Hai que formar ás persoas que tratan os maiores e as persoas con discapacidade nos centros de día", dixo, tras aclarar que a Xunta xa ten "os protocolos de apertura" pero que se deben "implementar todas as medidas hixénico-sanitarias e de circuítos nas instalacións", en referencia a uns requisitos que xa estaban especificados no documento datado no pasado 12 de maio e que foron borrados días despois.
Ademais, segundo fontes da PCDG, a Xunta quedou tamén en enviar uns protocolos máis detallados que completen a este plan que é "a base" e sobre o que cada centro deberá traballar "de forma individual".
As protestas, no entanto, non rematan. No que a maioría de centros de día ven "unha rectificación" da Xunta ante o malestar provocado entre profesionais e familias, uns ven o "camiño" por fin para intentar reabrir as portas mesmo dentro dun mes e outros "unha forma máis de dilatar o proceso", máis aínda naqueles que, como denuncian, xa se adaptaran a este protocolo hai máis dunha semana, formando os seus empregados, adquirindo o material axeitado, establecendo as separacións requiridas e dispoñendo dos espazos necesarios no caso de a aparición dalgún caso de coronavirus. "Temos todo listo pero agora seguirán facéndonos esperar", di unha responsable dun destes servizos.