A decisión da Xunta de Galicia de manter pechados os centros de día e ocupacionais ata setembro provocou protestas entre persoas dependentes, familiares e profesionais. A "deterioración" das condicións das persoas usuarias dos centros de maiores e o "drama" relatado polos seus coidadores tras tres meses sen as terapias e a atención habitual foi a máis, ata que Feijóo abriu a porta a un adiantamento da reapertura e o Goberno galego anunciou unha "progresiva recuperación da normalidade" pero sen data e que non acaba de contentar o sector, que baseou nun protocolo logo descartado temporalmente o seu plan de reactivación e que agora ve como a Administración esixe máis e máis estritas medidas nunha nova guía.
Un mes despois de enviar o primeiro protocolo de reactivación, a Xunta envía outro para que cada centro especifique as medidas de adaptación ás novas esixencias
O protocolo para a reapertura datado o día 12 de maio e enviado aos centros catro días despois foi a base sobre a que moitos centros prepararon a súa reapertura para xuño, en coordinación con Política Social. Pero o anuncio de Feijóo por sorpresa o día 29, no que advertía de que a reapertura quedaba adiada "ao curso que vén", parou todo. A referencia aos centros de día dese documento desapareceu ata a pasada semana. E o pasado venres, xusto un mes despois da elaboración do devandito protocolo xeral, a Consellería enviou as directrices para que o persoal recibise desde este luns a "formación específica" agora esixida para todo o persoal e unha nova guía que cada centro debe cubrir para adaptar as esixencias da Xunta "á súa propia realidade".
Unha vez detalladas as medidas a tomar, reenviado o documento e comprobado o cumprimento dos requisitos, será Sanidade quen deberá dar o visto e prace para unha futura apertura que, no entanto, non ten data aproximada. Logo, aplicaranse as condicións de apertura --por fases e cunha capacidade reducida do 50% ao 75% e de aí ao 100% cada quince días-- que xa especificaba o protocolo que fora retirado e logo recuperado.
"A apertura dos centros poderase realizar cando finalice a formación dos profesionais, cando os centros estean adaptados ás medidas establecidas no protocolo de centros de día, dispoñan dos medios precisos para iniciar a actividade con todas as garantías sanitarias para o persoal, usuarios e familiares e conten co visado da área sanitaria correspondiente", aclara Política Social a preguntas deste diario.
Os responsables dos centros de día están desde esta semana recibindo a formación esixida pola Xunta, que consiste en tres días de vídeoconferencias --dúas horas por xornada-- cunha especialista. Ademais, cobren o Plan de Acción para a Prevención do Contaxio da Covid-19, un protocolo que establece as pautas de actuación precisas para minimizar o risco de contaxio, identificar os casos sospeitosos e os seus contactos e establecer a actuación no caso de confirmarse un positivo.
Cada centro debe detallar como cumprirá cos requisitos esixidos pola Xunta, máis estritos que as indicacións do protocolo xeral. O plan, ao que tivo acceso Praza.gal, establece dous posibles escenarios --un de prevención e sen sospeita de casos de coronavirus e outro no caso de que se dean casos sospeitosos-- e esixe un estrito control e detalle nos responsables dos espazos.
Así, Política Social advirte da necesidade de establecer uns responsables non só de aplicar o plan, senón de manter a comunicación co centro de saúde e co Servizo de Medicina Preventiva do Sergas, así como de comunicarse cos servizos de cátering e transporte e coas familias e as persoas usuarias, ás que se debe facer un seguimeto exhaustivo para identificar calquera síntoma respiratorio.
Os centros deberán controlar o acceso, adecuar espazos no interior, crear grupos de traballo dun máximo de dez persoas ou suspender o servizo de transporte
Entre os rexistros que deberán levar a cabo, os centros de día deberán facer inventario coa entrada e saída do material por día e semana e garantir o abastecemento do material necesario para levar a cabo a hixiene esixida. O protocolo demanda tamén un control do acceso ao centro, mediante constancia documental diaria e prohibición de visitas, así como a adecuación de espazos no seu interior para poder gardar as distancias, permitir a creación de grupos de dez ou menos persoas, a creación de zonas de illamento ou lugares para colocar a roupa das persoas usuarias. Tamén se establecen directrices para unha axeitada limpeza das instalacións, así como para a eliminación de residuos e a xestión do material.
Entre as medidas, o control de temperatura á entrada e á saída, o lavado de mans frecuente, o uso de máscara hixiénica e máscara protectora no seu caso. Tamén se recomenda concentrar o horario de atención nas oito horas e ordénase suspender o servizo de transporte agás en casos excepcionais nos que sexa imposible outra alternativa. En canto á formación de grupos de dez ou menos persoas, establécese que sexan atendidas sempre, na medida do posible, polos mesmos profesionais.
As actividades externas ou aquelas internas que supoñan entradas de persoas alleas ao centro quedarán tamén suspendidas. Ademais, os espazos deberán adaptar as súas actividades "ás circunstancias actuais" nas que se equilibre "a prevención e a atención de calidade". No caso de exercicios de actividades manipulativas, extremaranse as precaucións e desinfectaranse os materiais logo do seu uso.
Son varios os centros de día que critican que, logo de adaptarse ás esixencias do primeiro dos protocolos enviados, hai un mes, agora teñan que volver establecer medidas, algunhas delas xa implementadas. "Parecese como se o único que quixesen facer é dilatar aínda máis no tempo todo e atrasar a reapertura", coinciden varios responsables.