- ACTUALIZACIÓN (VENRES, 22) | O novo protocolo, publicado no DOG
Restaurantes e bares poderán abrir nas fins de semana ata as 1.30 horas. Os pubs ata as 4.30 e discotecas ata as 5 e ambos poderán empregar xa o 100% da súa capacidade, pero con certificado COVID
O Consello da Xunta deste xoves aprobou o levantamento da situación de emerxencia sanitaria pola pandemia da COVID-19 que estableceu o 13 de marzo de 2020, hai máis de ano e medio. A decisión chega coincidindo co período de estabilidade máis prologando de incidencia mínima da enfermidade en Galicia desde que hai datos comparables e leva aparellado un novo levantamento de restricións en diversos eidos que entrará en vigor ás cero horas deste sábado 23 de outubro.
Á espera da publicación oficial das medidas no DOG -a fin da emerxencia sanitaria xa foi publicada e entrou en vigor este xoves, aínda que a Xunta anunciara a mudanza para as 00:00 do sábado-, e segundo informou este xoves o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, encargado da rolda de prensa posterior ao Consello por unha viaxe do presidente Feijóo a Madrid, tras escoitar este mércores aos expertos que o asesoran o Goberno galego decidiu “o levantamento das medidas excepcionais que aínda se mantiñan en vigor nas residencias”. Agora “todos os residentes poderán saír e os familiares visitalos sempre que queiran”, co único requisito de facelo con cita previa “para regular chegadas ordenadas das familias”. Ata agora, pola contra, non todas as residencias estaban a realizar visitas con citas previas.
Na hostalería os bares e restaurantes poderán abrir media hora máis nas noites de venres a sábado e de sábado a domingo, ata as 1.30 horas, mentres que o resto de días deberán pechar á 1. Pola súa banda, os pubs poderán abrir nas fins de semana ata as 4.30 horas e o resto de días ata as 4, e as discotecas e salas de festa ata as 5 todos os días, e ambas poderán elevar ao 100% o uso da súa capacidade, ao igual que xa ocorría co resto da hostalería, pero seguirán tendo que esixir á clientela que ensine un certificado COVID.
Do mesmo xeito, os albergues tamén pasarán na súa capacidade do 75% ao 100%, igualmente coa necesidade de que os usuarios amosen un certificado COVID, pero no seu caso o levantamento da restrición producirase dentro dunha semana, o sábado día 30, segundo Rueda. Nos dous casos da hostalería nocturna e dos albergues, a esixencia de certificado COVID deberá ser avalada aínda polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O vicepresidente da Xunta tamén lembrou que nos recintos deportivos pechados a capacidade de uso continúa no 80% “porque é un acordo tomado a nivel estatal” e avanzou que o Goberno galego estudará a “viabilidade xurídica e sanitaria” de que nos espazos escolares exteriores como os patios de recreo poida tamén levantarse a obriga de que a rapazada teña que seguir empregando máscara. Á espera da concreción no DOG, o groso de actividades sociais, económicas e culturais que dende hai dúas semanas tiñan as súas ocupacións máximas ao 90% pasan tamén ao 100%.
O período de estabilidade máis prolongado na menor incidencia con datos comparables
A incidencia a 14 días rolda os 14 casos novos por cada cen mil habitantes e as persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 roldan a trintena, os niveis máis baixos dende o verán de 2020
Esta nova relaxación das restricións sectoriais que aínda persistían chega mentres Galicia continúa atravesando polo período máis estable nos niveis máis baixos dende que hai datos comparables da pandemia, isto é, dende que a capacidade diagnóstica (dende o outono de 2020) é máis ou menos semellante á actual. Alén das oscilacións de días concretos, a media diaria a sete días de infeccións activas diagnosticadas está por baixo de 30 dende finais de setembro.
Estas baixas cifras de casos novos detectados permiten manter as incidencias acumuladas estables en niveis moi baixos tanto a sete como a 14 días. Nas últimas dúas semanas, en Galicia rexistráronse pouco máis de 14 casos novos por cada cen mil habitantes e o indicador a sete días está un chisco por baixo de 7, o que implica que a tendencia segue sendo levemente descedente, dentro da escasa marxe que fica a causa, precisamente, do baixo número de casos novos.
A incidencia, así e todo, continúa sendo por si soa un elemento cada vez menos determinante para as autoridades sanitarias á hora de decidir sobre as restricións. A Xunta, como o resto de gobernos da contorna, dá cada vez máis importancia á ocupación hospitalaria e neste indicador a tendencia continúa sendo claramente favorable. Ás seis da tarde do mércores quedaban 29 persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 nos hospitais galegos, a cifra máis baixa dende agosto de 2020 e 14 menos que o mesmo día da semana anterior.
Todos os grupos da 'poboación diana' por riba do 80% con pauta completa
Estes datos e as decisións sobre as restricións están intimamente ligados coa ampla extensión da vacinación. A campaña avanza agora diariamente a un ritmo baixo, de escasas décimas -alén das doses de reforzo dos colectivos que as teñen indicadas- porque é xa case un 85% da poboación total de Galicia a que recibiu xa a pauta completa, segundo os datos oficiais do Sergas. Isto implica, daquela, que está xa cuberta o 93% da poboación diana, a maior de 11 anos.
Os datos de vacinación por grupos de idade fornecidos polo Ministerio de Sanidade -a Xunta dispón deles e transmíteos ao Estado, pero non os publican- indican que as doses administradas nos últimos días permitiron que o único grupo de idade que seguía por baixo do 80% con pauta completa, o da poboación de 30 a 39 anos, tamén cruzase este limiar. Cómpre ter en conta, non obstante, que cando menos unha parte das persoas que constan como non vacinadas no Sergas son poboación residente no exterior que si recibiu a inxección nos seus lugares de residencia.