2.275.893 persoas recibiran ata este luns en Galicia a pauta completa de vacinación contra a COVID, o 92,72% dun total de 2.454.497 persoas de 12 anos ou máis, a poboación á que por idade se lle pode administrar o antíxeno. Nas últimas semanas, unha vez que fora xa convocado o grupo de 12 a 19 anos, o Sergas iniciou un proceso de procura destas persoas que estaban pendentes de seren vacinadas, unhas 178.604. Fíxoo primeiro abrindo os centros de vacinación para que calquera persoa puidese asistir reservando unha cita previa; e, posteriormente, mesmo sen esta cita previa, simplemente presentándose co seu documento de identificación.
O obxectivo é achegarse ao 90% de persoas vacinadas sobre o total da poboación (o 100% da poboación diana) para que a protección xeral contra novos gromos da pandemia sexa a maior posible
Esta fin de semana os últimos centros de vacinación pecharon as súas portas, despois de meses de intenso traballo. En paralelo, un amplo grupo de enfermeiras e enfermeiros comezaron a realizar dende os centros de saúde chamadas ás persoas que, tendo tarxeta sanitaria galega, constan como non vacinadas en Galicia, ao non ter acudido ás convocatorias que se lles fixeron nos últimos meses.
O obxectivo é achegarse ao desexado 100% de persoas vacinadas dentro da poboación diana, o que implicaría situarse preto do 90% de poboación total protexida, tendo en conta que os e as menores de 12 anos (que aínda non poder recibir a vacina), representan algo máis do 9% dos habitantes de Galicia. O concepto de inmunidade de grupo foi posto en cuestión nos últimos meses, pero en todo caso é necesario achegarse ao 90% de persoas vacinadas sobre o total da poboación para que a protección xeral contra novos gromos da pandemia sexa a maior posible.
Quen son esas 178.604 persoas que aínda non recibiron a pauta completa? En primeiro lugar, cómpre indicar que aínda que o ritmo de administración se ralentizou moito nas últimas semanas, a cifra de persoas vacinadas segue a medrar e, de feito, hai unhas 25.000 persoas que recibiron a primeira dose e están pendentes de ter a segunda, o que deixaría o número de persoas non vacinadas nunhas 152.727.
Das 178.604 persoas pendentes de recibiren a pauta completa, o grupo de 30 a 39 anos é o máis numeroso, con algo máis de 67 mil
En calquera caso, sobre esas 178.604 persoas pendentes de recibiren a pauta completa, o grupo de 30 a 39 anos é o máis numeroso, con algo máis de 67 mil. Os grupos de 40 a 49 e 20 a 29, ambos con algo máis de 40 mil persoas pendentes de ser inmunizadas son os seguintes e a moita distancia aparecen os grupos de 12 a 19 e de 50 a 59, por debaixo de 20 mil persoas en cada caso.
Os grupos de 30 a 39 anos e de 20 a 29 anos son que contan aínda cunha menor proporción de persoas vacinadas (79,2% e 82,1%, respectivamente), máis de dez puntos por debaixo da media galega (92,5%) e case dez puntos por detrás dos datos dos e das adolescentes de 12 a 19 anos (89%)
Hai varios factores que poden explicar estas baixas porcentaxes de poboación vacinada entre os 20 e os 40 anos. En primeiro lugar, ambos os dous grupos foron chamados nos meses de xullo e agosto, tempo de vacacións, lecer e moita mobilidade, o que puido provocar que algunhas persoas optasen por non presentarse ás citas ou que, directamente, non se atopasen no seu lugar de residencia nesas datas. A máis elevada porcentaxe de asistencia dos máis novos e novas (de 12 a 19 anos) explicaríase, ademais, polo maior control das súas familias e pola relación máis estreita cos seus médicos e médicas de cabeceira.
Os grupos de 30 a 39 anos e de 20 a 29 anos son que contan aínda cunha menor proporción de persoas vacinadas (79,2% e 82,1%, respectivamente), máis de dez puntos por debaixo da media galega (92,5%)
Porén, hai tamén outros factores que pode estar rebaixando as porcentaxes de poboación vacinada en todos os grupos, pero especialmente nas xeracións entre 20 e 50 anos, e que están a ser detectados a través do persoal sanitario que dende hai uns días realiza dende os centros de saúde un seguimento telefónico das persoas non vacinadas.
O persoal sanitario en xeral, e o de enfermaría en particular, levou a cabo un gran número de actividades imprescindibles ao longo da pandemia, dende á atención directa ás persoas enfermas, primeiro, ao proceso de vacinación, despois. E neste novo estadio, que pode ser o definitivo, coa localización das persoas que por un ou outro motivo ficaron descolgadas do proceso de inmunización.
En cada centro de saúde enfermeiros e enfermeiras contan cun listado das persoas de máis de 12 anos cuxa tarxeta sanitaria está asignada a ese lugar e que non constan como vacinadas
En cada centro de saúde enfermeiros e enfermeiras contan cun listado das persoas de máis de 12 anos cuxa tarxeta sanitaria está asignada a ese lugar e que non constan como vacinadas. Así, cada día proceden a chamalas por teléfono, para informalas de que, se queren ser vacinadas, poden pasar polo hospital cando o desexen, sen necesidade de convocatoria nin cita previa.
O panorama que están a atopar é en primeiro lugar, o dun gran número de teléfonos non operativos, o que tamén supuxo no seu momento un gran obstáculo para as convocatorias ordinarias de vacinación. E, así mesmo, están a atopar unha gran cantidade de persoas que aínda que figuran como non vacinadas en Galicia, en realidade xa recibiron as dúas doses, pero fóronlles administradas noutras comunidades autónomas ou mesmo noutros países.
Brais, enfermeiro do Centro de Saúde de Ribas de Sil, explica que unha parte das persoas ás que están a chamar en realidade residen noutra comunidade autónoma ou noutro país, aínda que seguen a constar nas bases de datos do Sergas
Brais, enfermeiro do Centro de Saúde de Ribas de Sil, explica que unha parte das persoas ás que están a chamar en realidade residen noutra comunidade autónoma ou noutro país, aínda que seguen a constar nas bases de datos do Sergas. Trátase sobre todo de persoas novas que traballan ou estudan noutras zonas do Estado español. De igual xeito, xorden moitas persoas de idade avanzada, residentes en países de América, que contan con tarxeta sanitaria galega e que xa foron foron vacinadas nos seus lugares de residencia. Hai tamén casos de persoas nacidas no estranxeiro, que nalgún momento residiron en Galicia, e que nestes momentos se atopan de novo nos seus países de orixe, pero que seguen a constar nas bases de datos dos centros de saúde.
Dende a Consellería de Sanidade recoñécese que "non se estableceu seguimento con outras comunidades" para intercambiar ou cruzar datos das persoas que estando rexistradas nun territorio se puideron vacinar noutro
Dende a Consellería de Sanidade recoñécese que "non se estableceu seguimento con outras comunidades" para intercambiar ou cruzar datos das persoas que estando rexistradas nun territorio se puideron vacinar noutro, e viceversa. O traballo de localización telefónica que se está a realizar procura solucionar este problema, pois ás persoas que din que foron vacinadas noutros lugares se lles pide que remitan o seu certificado por correo electrónico, para que figuren como inmunizadas tamén en Galicia, explica Pablo, un enfermeiro de Sada.
Tamén están a atopar algunhas persoas que por padecer algunha patoloxía non pode recibir a vacina. E, igualmente, unha parte significativa das persoas que están sen inmunizar optou por non facelo porque acababa de superar a enfermidade e pensaba erroneamente que non podía vacinarse, como explica Pablo: "antes había que esperar seis meses despois de recibir a alta, pero dende hai un tempo, unha vez que se recibe a alta e non hai síntomas, a vacinación pode ser inmediata". "Hai moita desinformación sobre isto, e sobre todo afecta a xente nova que se infectou este verán e que por iso non se vacinou", advirte.
"Atopamos algunhas reticencias sobre todo entre persoas que no seu momento foron convocadas para recibir a vacina de AstraZeneca e que non se presentaron polas dúbidas que esta marca espertou no seu momento"
E, finalmente, como apunta Brais están a aparecer algunhas "renuncias", de persoas que directamente rexeitan vacinarse, pero que son unha minoría entre as chamadas que está a realizar. "Atopamos algunhas reticencias sobre todo entre persoas que no seu momento foron convocadas para recibir a vacina de AstraZeneca e que non se presentaron polas dúbidas que esta marca espertou no seu momento", explica Pablo, que destaca que "aquí o que facemos é explicar os beneficios das vacinas, tentando convencelos para que acudan a recibila".
A distorsión que se produce pola presenza nos listados das persoas sen vacinar que en realidade foron vacinadas noutros lugares complétase pola existencia, á inversa, de moitas persoas que se vacinaron en Galicia sen ter tarxeta sanitaria galega, sobre todo no momento en que se abriu a posibilidade de facelo sen cita, presentando unicamente un DNI, principalmente persoas nacidas noutros países que chegaron nos últimos anos.