Un gran número de mozos e mozas galegas entre 12 e 19 anos recibiron a pasada semana, entre o luns e o sábado, as súas segundas doses da vacina contra a COVID, xusto na semana na que moitos e moitas delas comezaban un novo curso escolar en ESO, Bacharelato ou FP. A administración destas segundas doses elevou a porcentaxe de poboación de 12 a 19 anos completamente vacinada ata o 82,6%, aínda por debaixo da media galega (91,1%) pero xa por diante das persoas entre 20 e 29 anos (78,4%) e, sobre todo, da xeración entre 30 a 39 anos (76,8%).
O 91,2% dos mozos e mozas entre 12 e 19 recibiu cando menos unha dose, fronte ao 80,6% de 30 a 39 anos
Os trintañeiros e trintañeiras convertéronse no grupo de idade menos vacinado en Galicia, unha tendencia que semella difícil mudar a curto prazo, pois os datos das persoas que recibiron unha dose e están pendentes de recibir a pauta completa aínda os afastan máis do resto de grupos. Neste caso, a porcentaxe no grupo de 30-39 (80,6%) está lonxe do 84,6% do grupo de 20 a 29 anos e aínda máis do grupo de 12 a 19 anos (91,2%).
Non se trata dunha peculiaridade galega, senón que no conxunto do Estado Español o grupo de 30 a 39 anos é o que menos primeiras doses recibiu e probablemente ficará tamén como o que menos persoas en pauta completa teña, unha vez que todas as comunidades completen, como xa fixo Galicia, a vacinación da mocidade.
Entre as explicacións apuntadas para este fenómeno está, en primeiro lugar, o momento no que o grupo de 30 a 39 anos foi convocado para a súa vacinación, maioritariamente entre finais de xullo e agosto. É certo que os grupos de 12 a 19 anos e de 20 a 29 anos tamén foron chamados no medio do verán, un momento de maiores desprazamentos, alternativas de ocio e vacacións. Porén, probalmente as xeracións máis novas (especialmente no caso dos e das adolescentes) contan cun maior control por parte dos seus pais e nais, están máis asentados nunha localidade (fronte á mobilidade laboral que sofren os trintañeiros) e teñen unha relación máis estreita co seu médico ou médica de cabeceira, o que facilitou unha maior asistencia ás citas de vacinación.
Das 224.276 persoas de máis de 12 anos que aínda non contan coa pauta completa, case un terzo (74.974) teñen entre 30 e 39 anos
Sexa como for, a realidade é que a día de hoxe os mozos e mozas entre 30 a 39 anos conforman a bolsa de persoas non vacinadas máis numerosa en Galicia, alén dos e das menores de 12 anos, que aínda non poden acceder ás vacinas. Das 224.276 persoas de máis de 12 anos que aínda non contan coa pauta completa, case un terzo (74.974) teñen entre 30 e 39 anos. Mentres, entre os maiores de 50 anos hai tan só unhas 25.000 persoas sen a vacina completa.
Os expertos recomendan chegar a un 90% de poboación vacinada, un obxectivo complicado mentres non se abra a vacinación dos e das menores de 12 anos
Galicia iniciou hai unhas semanas unha nova fase no proceso de vacinación na que, alén de completar a protección dos e das adolescentes, se buscaba chegar ás persoas que non foran vacinadas na súa quenda de idade, ben porque non acudiran ás citas, ben por outro motivo. Abriuse primeiro un sistema de autocita para calquera persoa que o desexase e despois mesmo se permitiu acudir en determinadas xornadas sen cita ningunha. O obxectivo é incrementar aos poucos unhas porcentaxes de vacinación que son elevadas pero que -apuntan os expertos- poderían non ser suficientes, pois o ideal sería achegarse ao 90% da poboación total.
Galicia conta neste momento cun 82,7% da súa poboación completamente vacinada e un 84,9% cunha dose á espera dunha segunda, porcentaxes que se elevan ata un 91,1% e un 93,4% sobre os e as maiores de 12 anos. Na mediade en que estes últimos datos se acheguen ao 100%, os primeiros poderán ir subindo ata o desexado 90%, un obxectivo complicado mentres non se abra a vacinación dos e das menores de 12 anos.
Este martes comezará a administración dunha terceira dose da vacina nas residencias de maiores, despois de que hai uns días xa o fixera entre persoas inmunodeprimidas
De momento, ademais, este martes comezará a administración dunha terceira dose da vacina nas residencias de maiores, despois de que hai uns días xa o fixera entre persoas inmunodeprimidas. Esta terceira dose, en principio, só se administrará a colectivos vulnerables, aínda que este protocolo podería mudar nos vindeiros meses.
Entre os maiores de 40 anos, o 96,3% da poboación galega conta coa pauta completa da vacina, a porcentaxe máis elevada de todo o Estado, tres puntos por riba da media española (93,4%). Nos maiores de 60 anos o dato é aínda máis elevado e a práctica totalidade deste colectivo está xa inmunizado.
No conxunto da poboación diana, Galicia é a comunidade autónoma cunha maior porcentaxe de poboación vacinada (91,1%), por diante de Asturias (90,9%)
De feito, tamén no conxunto da poboación diana, Galicia é a comunidade autónoma cunha maior porcentaxe de poboación vacinada (91,1%), por diante de Asturias (90,9%) e Estremadura (90,6%) e moi por riba da media do conxunto do Estado (85,5%). En cambio, sobre o conxunto da poboación a porcentaxe de Asturias (83,3%) segue sendo lixeiramente superior á galega (82,7%). A media española fica neste caso no 75,9%