Os hospitais galegos tamén van deixando atrás a 'quinta vaga' da pandemia, marcada pola vacinación

Preparación de doses da vacina contra a COVID-19 en Expocoruña o pasado maio CC-BY-SA Sergas

No pico de hospitalización do que se deu en chamar quinta vaga da pandemia do coronavirus, en Galicia chegou a haber unhas 350 persoas hospitalizadas ao mesmo tempo con test positivo da COVID-19. Sucedeu nos primeiros días de agosto, cando a incidencia acumulada a 14 días roldaba os 650 casos novos por cada cen mil habitantes e a 7 días, os 350.

O 'pico' da hospitalización na vaga estival non superou os 350 ingresos simultáneos de persoas coa COVID. Tras o Nadal, con incidencias semellantes, chegaran a ser máis de mil. Agora quedan 93; 65 menos que hai unha semana

Na vaga pandémica posterior ao Nadal, Galicia chegara a achegarse ás 1.500 hospitalizacións simultáneas de persoas coa COVID. Daquela, as incidencias en torno a 650 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días cadraran con máis dun milleiro de ingresos de pacientes co coronavirus.

A diferenza clave entre ambas vagas foi a ampla extensión da vacinación -especialmente, entre as persoas de idade máis avanzada- cando estourou a vaga estival que o país xa deixou atrás en termos epidemiolóxicos e que agora xa vai abandonando tamén en termos de carga hospitalaria. Non en van, as 93 persoas ingresadas ás seis da tarde do domingo eran 65 menos que unha semana antes e menos de cen por primeira vez dende o 16 de xullo.

Este descenso resulta especialmente relevante polo feito de que é o dato correspondente a un domingo, cando as cifras de hospitalizacións adoitan ser máis avultadas porque, durante as fins de semana, é habitual que os hospitais tramiten menos altas das habituais. A esa hora do domingo había 25 persoas na UCI con test positivo da COVID; unha semana antes eran 42.

Esta mellora das cifras de carga hospitalaria ligadas directamente á pandemia chega tras máis de mes e medio de pronunciado descenso das incidencias acumuladas. Este luns, o Sergas notificou 61 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo. É a cifra máis baixa nun destes períodos de vinte e catro horas dende o 21 de xuño e contribúe a que continúen á baixa as incidencias tanto a 14 (arredor de 65 casos novos por cada cen mil habitantes) como a 7 días (xa por baixo de 25).

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a liña descendente da incidencia acumulada máis inmediata (a sete días) é obvia en todas as áreas sanitarias dende hai semanas. Nas únicas onde apunta a unha lixeira estabilización, Ferrol e Vigo, faino en niveis baixos, con arredor de 7 casos novos por cada cen mil habitantes a sete días na área ferrolá e en torno a 26 na viguesa.

Todo isto sucede nun contexto no que as autoridades sanitarias dan por practicamente finalizada a campaña de vacinación masiva contra a COVID-19 mediante chamamento ordinario por idades a todos os grupos incluídos na poboación diana, isto é, todas as persoas de 12 ou máis anos, cuxa cobertura con pauta completa xa supera o 90%. Restan agora inxeccións mediante autocita e a través das quendas libres, entre outras vías.

Sobre o conxunto da poboación, os datos máis recentes apuntan a que algo máis do 83% está protexida con pauta completa e máis do 85% recibiu polo menos unha dose. Entre a poboación maior de 40 anos, a proporción ascende ao 96,3%, segundo reflicten os datos do Ministerio de Sanidade. Este é o contexto no que, esta mesma semana, o Sergas comezará a administrar as doses de reforzo a residentes en centros da terceira idade, na liña do aprobado no Consello Interterritorial de Saúde.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.