Galicia cruza o limiar do 80% de poboación coa vacina completa contra a COVID

Vacinación contra a COVID no campus de Ourense este 13 de setembro © UVigo

Algo máis de oito de cada dez persoas residentes en Galicia teñen xa pauta completa da vacina contra o coronavirus. Segundo os datos actualizados polo Sergas este 14 de setembro, ao remate da xornada de vacinación do luns, día 13, xa completaran a pauta 2,18 millóns de persoas. Isto supón superar o 80% tanto das cifras provisionais de poboación a 1 de xaneiro de 2021 (2,69 millóns de persoas) como se a referencia é o dato poboacional oficial do INE para 2020 en Galicia (2,70 millóns de persoas).

As vacinacións sen cita previa e, sobre todo, o avance nos grupos de poboación máis mozos -os últimos en ser incorporados á vacinación- permiten que o país entre no outono avanzando cara ao 90% de poboación protexida coa pauta completa da vacina. Este é o limiar que algunhas voces expertas sinalaron para, atendendo á actual conxuntura da pandemia, poder afondar con máis vigor no levantamento das restricións.

Os datos actualizados polo Ministerio de Sanidade este martes amosan, como reflicte o gráfico sobre estas liñas, as amplísimas coberturas con pauta completa nos grupos de máis idade, todos eles por riba do 90%. Mostra disto é que no conxunto da poboación galega maior de 40 anos, esa cobertura xa supera o 96%. Nas persoas de 20 a 39, a vacinación con pauta completa estaba xa a piques de sobrepasar ese 80% e só faltaría o empurrón final na infancia e adolescencia de 12 a 19 anos, que se producirá esta semana nun grupo que, non obstante, xa está por riba do 50%. A vacinación de cero a 11 anos é aínda un debate pendente na comunidade científica e entre as autoridades sanitarias.

As cifras de casos novos detectados polo Sergas son as máis baixas dende finais de xuño; a incidencia acumulada a 14 días está a piques de baixar dos 100 casos por cada cen mil habitantes e a 7 días xa está por baixo de 40

Esta recta final da campaña de vacinación prodúcese mentres o Sergas detecta as menores cifras de casos novos da COVID dende finais de xuño. Coa fin da temporada alta do verán e o avance da vacinación como pano de fondo, Sanidade notificou este martes 75 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns, a menor cifra en vinte e catro horas dende a véspera de San Xoán. En termos de días naturais, no último con datos completos dispoñibles (o domingo, día 12) o total quedou en 89.

Con estas cifras absolutas, as taxas de incidencia acumulada seguen caendo. A 14 días está a piques de descender dos 100 casos novos por cada cen mil habitantes e a 7 días xa está por baixo de 40. O descenso é xeneralizado en todas as áreas sanitarias e a que presenta un maior valor a 7 días, a área de Lugo, xa baixou de 60 casos novos por cada cen mil habitantes nese período.

A comparación das incidencias acumuladas a 7 e 14 días cos indicadores das mesmas xornadas da semana anterior apuntan a que a tendencia continuará sendo descendente. A comparación -división- deste indicador e do mesmo da semana anterior denomínase razón de taxas e indica descenso se o resultado é inferior a 1 e esa baixada é máis pronunciada canto máis próximo estea o resultado a cero. Actualmente, en ambos casos a razón de taxas está un chisco por baixo de 0,6.

As incidencias acumuladas evolucionan favorablemente e tamén o fan as cifras que son cada vez máis relevantes para as autoridades sanitarias á hora de establecer restricións e tomar decisións sobre a pandemia: a carga hospitalaria. Unha vez tramitadas as altas hospitalarias pendentes da fin de semana, ás seis da tarde do luns eran 149 as persoas ingresadas con test positivo da COVID, isto é, 41 menos que unha semana antes. Trinta e sete delas estaban en coidados intensivos, nove menos que o mesmo día da semana anterior.

Neste contexto, os falecementos de persoas que contraeran a COVID tamén van amosando sinais de acougo aos poucos. Sanidade ten datadas unha media dunhas 2,6 mortes de persoas co coronavirus cada día da última semana e o total chega a 2.608. Durante a coñecida como quinta vaga da pandemia, este indicador apenas superou as 4 mortes diarias nunha media a sete días. Na vaga posterior ao Nadal, aínda sen a protección das vacinas, chegara a superar as 25. [A quinta vaga provocou en Galicia o 30% dos casos de toda a pandemia, pero só o 10% de hospitalizacións e o 5% das mortes]

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.