A vaga estival da COVID queda atrás na semana en que Galicia superará o 80% de poboación con vacina completa

Vacinación na Cidade da Cultura o 20 de agosto e mapa coa cobertura da vacina con pauta completa a 12 de setembro de 2021 CC-BY-SA Foto: Ana Varela / Xunta | Montaxe: Praza.gal

A vaga estival da COVID tocou teito en Galicia a finais de xullo no referido a casos novos detectados e con eles, nas incidencias acumuladas a 7 e 14 días. En cifras redondas, trouxo consigo arredor de tres de cada dez casos novos de toda a pandemia, pero apenas unha de cada dez hospitalizacións e cinco de cada cen mortes. A causa destas mudanzas na correlación entre casos novos, hospitalizacións e falecementos é o importante avance da vacinación, que esta semana superará a barreira do 80% do total da poboación galega con pauta completa.

Mentres chega ese novo fito -previsiblemente, sucederá na primeira metade da semana-, este luns o Sergas notifica 89 casos novos, os detectados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo. Son menos de cen nun destes ciclos de vinte e catro horas por primeira vez dende finais de xuño e, en termos de días naturais, a media de infeccións activas diagnosticadas nos últimos sete días xa cae por baixo das 160.

Con esta clara evolución á baixa dos casos novos detectados, as incidencias acumuladas seguen o seu descenso. A catorce días, o indicador para o conxunto de Galicia rolda os 110 casos e a 7 días está a piques de baixar dos 40, segundo os datos do último día completo dispoñible.

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, o descenso da incidencia a sete días prodúcese en todas as áreas sanitarias. A que presenta un valor máis elevado é a de Lugo, na contorna dos 72. Na banda contraria, na área de Ferrol xa cae por baixo dos 15 casos novos por cada cen mil habitantes na última semana.

43 hospitalizacións menos que o domingo anterior

Cómpre ter en conta, non obstante, que o devandito avance da vacinación provoca que os indicadores de incidencia continúen perdendo peso relativo nas decisións das autoridades en materia de restricións e outras medidas fronte á pandemia. No seu lugar, a carga hospitalaria ten cada vez máis peso e en Galicia tamén segue mellorando aos poucos. As 158 persoas ingresadas con test positivo da COVID ás seis da tarde do domingo eran 43 menos que unha semana antes. As cifras da fin de semana, non obstante, adoitan estar distorsionada polo feito de que é habitual que en sábado e domingo sexan tramitadas menos altas que de luns a venres.

Baixa a carga hospitalaria e tamén continúan facéndoo os casos considerados como positivos activos. As seis da tarde do domingo eran 3.466, un 40% menos que sete días antes.

Vacinacións sen cita, cara ao 80% de cobertura

Só quedan tres concellos cunha cobertura da vacina con pauta completa inferior ao 70% e nun cento xa supera o 90%

Así e como comeza, en termos epidemiolóxicos, a semana en que Galicia superará o 80% da poboación vacinada con pauta completa contra a COVID. Isto sucederá ao completar as pautas da poboación de 12 a 19 anos (o grupo máis mozo dos incluídos na 'poboación diana'). Os avances chegan tamén, non obstante, coa incorporación á inmunización das persoas repescadas que, por diversos motivos, non acudiran á administración da primeira dose a través da quenda por idades. 

Estas persoas incluídas na repesca están a facer uso do sistema de autocita e tamén están a responder ás convocatorias de vacinación sen cita. Así, por exemplo, o pasado sábado foron case 8.000 primeiras doses as administradas por esta vía, que continúa aberta este luns e martes nos puntos de vacinación instalados polo Sergas nos sete campus das universidades galegas.

Así como, a través destas diversas vías, se vai completando o mapa de vacinación. Por concellos, segundo os datos do Sergas actualizados ata o domingo, xa só quedan tres cunha cobertura con pauta completa inferior ao 70%: Beariz, Avión e Negueira de Muñoz. Xunto a eles, só están tamén por baixo do 80% Entrimo, Tui, Mondariz Baleario, Salvaterra, Ramirás, Boborás e A Lama. Mentres, en case un cento de concellos a cobertura con pauta completa supera xa o 90%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.