Case 8.000 persoas vacinadas nun día sen cita previa contra a COVID, que segue a reducir os contaxios

Vacinación contra a COVID na Cidade da Cultura, en Santiago CC-BY-SA Sergas

Case 8.000 persoas vacináronse sen cita previa na primeira xornada aberta a esta posibilidade, o 75% do total de doses administradas

Máis do 75% das doses da vacina contra a COVID postas este pasado sábado en Galicia foron para persoas sen cita previa, concretamente 7.923 das 10.531 administradas nas áreas sanitarias, segundo o balance facilitado polo Sergas. 

Foi neste sábado cando se abriron todos os puntos de vacinación masiva do país para a inxección de primeiras doses sen cita previa, un proceso que se completará o vindeiro luns e martes coa inoculación da vacina a estudantes e persoal universitario, tamén sen cita.

Por áreas, na Coruña foron inoculadas 3.001 doses, das que 2.184 foron sen cita e 817 con ela; en Ferrol, dos 498 totais, 383 foron libres e 115 con cita; na área de Santiago, das 1.634 inxectadas, 1.000 foron sen cita; mentres que en Pontevedra 896 picadas dos 1.422 totais, foron tamén libres -e 526 con cita-. Na de Vigo, inxectáronse este sábado 2.403 vacinas, das que 490 foron mediante cita previa, e os 1.913 restantes, libres; na de Lugo, 691 de 925 totais se inocularon sen cita; e na de Ourense, 856 foron libres e 192 con cita, o que suma 1.048 doses. 

Así, en toda Galicia, 7.923 doses inxectáronse de forma libre e 3.008 administráronse con cita, co que, ao peche da xornada de vacinación, Sanidade contabilizou 10.931 doses inoculadas.

Segundo cifra a Consellería de Sanidade na mañá deste domingo con datos ata a media tarde do sábado, a todas estas doses hai que sumar, como mínimo, xa que o corte horario non é o mesmo que o que se ten en conta para as primeiras doses, outras 3.880 inxeccións que se corresponden con segundas doses para completar pautas.

Deste xeito, un total de 2.150.056 persoas están inmunizadas contra a covid, o que supón un 87,59% da poboación susceptible de recibir a vacina e un 79,63% da poboación total. Galicia conta nestes momentos con 4.336.979 doses, das que se administraron -ata as 18 horas do sábado- 4.230.385, o 97,5%.

Os novos contaxios detectados foron 146, 23 menos que na xornada anterior

Os datos da vacinación seguen coinciden cun progresivo descenso do impacto da COVID en Galicia. Os casos activos baixaron dos 4.000 logo de superar lixeiramente esta cifra na xornada anterior. Ademais, os novos contaxios detectados quedan en 146, segundo os datos do Sergas recollidos ata o sábado, o que supoñen 23 casos novos que un día antes. 

Así, Sanidade informa de que Galicia conta agora con 3.754 persoas coa infección por COVID activa, 287 menos que os notificados o sábado. 

A presión hospitalaria pola COVID aumenta en seis persoas pero hai tres menos nas UCI

En canto á presión hospitalaria, aumentou nas últimas 24 horas en seis persoas ingresadas, aínda que hai tres menos na UCI. Son 109 pacientes en planta e 40 en coidados intensivos. 

Desde que se iniciou a pandemia, en Galicia superaron a COVID un total de 174.727 persoas, das que 431 recibiron a alta epidemiolóxica nas últimas horas. Ademais, faleceron xa por coronavirus 2.604 galegos e galegas, tras dúas mortes máis, unha delas a dun home de 49 anos no CHUAC da Coruña que contaba con patoloxías previas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.