"A vacinación debe permitirnos ter un outono máis tranquilo, pero debemos manter as precaucións ante a COVID"

Estudantes nunha aula da Universidade de Vigo máscaras covid © UVigo

O verán está camiño de rematar, o mesmo que a quinta vaga da pandemia, unha onda dominada pola variante delta do virus e que significou un incremento moi importante dos contaxios (máis de 50.000 positivos detectados en Galicia en só dous meses) e tamén un aumento dos ingresos hospitalarios e as mortes, aínda que moito menor. 

"Debería ser un outono máis tranquilo. Non debería haber unha vaga significativa, como foi a quinta vaga que vimos de sufrir este verán. Pero debemos manter as precaucións e seguir avanzando na vacinación"

Afortunadamente, o proceso de vacinación seguiu avanzando, conseguindo unha protección moi elevada para a maior parte da poboación vulnerable e reducindo ao mínimo os falecementos provocados pola COVID. A vacinación é o elemento diferencial que, se ben non eliminou a presenza do virus, só limitou moito os seus efectos e o que pode permitir o regreso a unha certa normalidade nas vindeiras semanas, coincidindo co inico do curso escolar, o regreso ao traballo e o retorno ás dinámicas e hábitos cotiáns, despois do verán.

E agora que? Rematou a pandemia? Van desaparecer todas as restricións? A vacinación masiva e o remate da quinta vaga da pandemia achégannos á desexada normalidade? Pois a resposta podería ser 'si e non', ou 'depende' ou pode variar en función do que cada persoa considere 'normalidade'. O virus segue aí, cunha gran capacidade de contaxio, e aínda que a protección ofrecida pola vacina é moi elevada, iso non significa que non nos poidamos contaxiar e transmitir a enfermidade a outras persoas; tampouco impide por completo a posibilidade de sufrir efectos graves (especialmente ás persoas vulnerables). 

"A maior capacidade de contaxio da variante Delta fai que a porcentaxe mínima de poboación vacinada se deba elevar ata practicamente o 90%"

"Debería ser un outono máis tranquilo. Non debería haber unha vaga significativa, como foi a quinta vaga que vimos de sufrir este verán", destaca Francisco Caamaño Isorna, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e director do Departamento de Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública, Enfermaría e Medicina da universidade compostelá. Porén, Caamaño destaca que se deben manter as precaucións e, sobre todo, debemos seguir avanzando no proceso de vacinación.

"As novas variantes obríganos a movernos con coberturas máis altas das que temos. A maior capacidade de contaxio da variante delta fai que a cifra -que inicialmente estimamos no 70% como a porcentaxe mínima necesaria de poboación vacinada para acadar unha protección de grupo- agora se eleve ata practicamente o 90%", explica. Neste momento o 76,7% da poboación galega conta coa pauta completa (84,4% da poboación vacinable) e o 83% ten cando menos unha dose (91,4% dos maiores de 12 anos).

"Hai que ter precaución, porque unha parte moi importante do planeta está sen vacinar. Isto fai que poidan aparecer novas variantes de interese, máis ou menos problemáticas. É unha bomba de reloxería"

Porén, lembra Caamaño, "ao redor do 10% da poboación ten menos de 12 anos, polo que de momento non pode ser vacinada. Ogallá poidamos usar pronto algunha vacina entre os menores de 12 anos, pero de momento non pode ser. Isto fai que na poboación maior desa idade haxa que acadar porcentaxes de poboación vacinada superiores ao 95%", para achegarnos así ao desexado 90% da poboación total.

Así mesmo, advirte, "hai que ter moita precaución, porque unha parte moi importante do planeta está sen vacinar, mesmo en Europa, no caso de países coma Romanía ou Bulgaria. Isto fai que poidan aparecer novas variantes de interese, máis ou menos problemáticas, o que nos xerará sempre unha preocupación. É unha bomba de reloxería".

Xorde aquí a cuestión da conveniencia de inxectar de inmediato unha terceira dose nos países desenvolvidos, especialmente á poboación máis vulnerable. Neste tema Francisco Caamaño amósase crítico e pide centrar o esforzos en distribuír canto antes as vacinas polos países nos que o proceso está máis atrasado. "É un tema de priorizar. Mentres non estea vacinado todo o planeta, a prioridade debería ser esa e non dar unha terceira dose", di, engandido que "o noso primeiro obxectivo, unha vez vacinado o conxunto da nosa poboación, debería unha distribución xusta e efectiva das vacinas no resto de países". "Primeiro, por solidariedade e humanidade, pero tamén de forma egoísta, pola nosa propia conveniencia, para evitar que aumente a posibilidade de que aparezan novas mutacións máis perigosas", apunta.

"Mentres non estea vacinado todo o planeta, a prioridade debería ser esa e non dar unha terceira dose. Ata agora, no que se está publicando, aínda non apareceu unha evidencia clara de que sexa necesario dar unha terceira dose de forma masiva a toda a poboación"

Caamaño explica que "ata agora, no que se está publicando, aínda non apareceu unha evidencia clara de que sexa necesario dar unha terceira dose de forma masiva a toda a poboación. Si que quizais nalgún grupo específico de inmunodeprimidos ou en colectivos concretos si que podería ser recomendable unha dose de reforzo, pero grupos moi concretos". "Parece que a decisión de poñer a terceira dose está tomada, pero non hai evidencias de que isto deba ser así", engade.

En efecto, a maior parte das investigacións publicadas ao respecto apuntan que aínda que co paso dos meses e, especialmente, coa chegada da variante Delta as vacinas perderon eficacia, esta perda non é importante e non xustifica a administración dunha terceira dose, algo que tamén foi desaconsellado pola OMS. Ademais, mantense unha moi elevada protección ante a enfermidade grave.

Outra das boas novas que trouxeron investigacións recentes destaca o efecto das vacinas no control da transmisibilidade do virus. A pesar de que a comezos de agosto un informe destacou que as persoas vacinadas tiñan a mesma carga viral nas súas vías respiratorias altas que os non vacinados, varios estudos recentes apuntan que as persoas vacinadas teñen entre un 50% e un 90% menos posibilidades de infectarse. Ademais, as persas vacinadas eliminarían do seu organismo o virus de forma moito máis rápida que as non vacinadas, mesmo no caso da variante Delta.

"As altas taxas de poboación vacinada van permitir que este outono sexa moi distinto aos meses anteriores nos colexios, nas universidades, nos espazos de ocio... Moi distintos son as discotecas ou bares, nos que a mascarilla debe seguir sendo obrigatoria e onde debemos seguir sendo moi prudentes"

Caamaño destaca que os datos da quinta vaga da pandemia, con máis de 52.000 casos detectados en Galicia e menos de 1.800 persoas hospitalizadas e unhas 134 mortes, confirman o bo funcionamento das vacinas, pois a proporción de persoas que sufriron efectos graves da enfemidade é moi inferior á dos meses anteriores, ademais, o número de casos graves entra dentro das cifras de efectividade previstas para as vacinas. "A chegada doutras variantes, coma a Delta, fixo que a a efectividade baixase un pouco. Pero hai que ter claro que mesmo así as vacinas seguen sendo moi efectivas e seguen sendo unha ferramenta efectiva", destaca.

Todo isto pode permitir -mentres non mude radicalmente o actual contexto e aparezan novas variantes resistentes ás vacinas- que vivamos un outono máis tranquilo, como apuntaba Caamaño. O profesor da USC sinala que "as altas taxas de poboación vacinada van permitir que este outono sexa moi distinto aos meses anteriores nos colexios, nas universidades, nos espazos de ocio...". "Permite, por exemplo, non confinar as persoas que xa están vacinadas, non confinar aulas enteiras...", di.

"Temos un problema cos nenos ata os 12 anos, que están sen vacinar. Creo que é algo que aínda vai tardar. Non temos esta vacina e mesmo cando a teñamos posiblemente xurdan temores e resistencias"

Aínda que no ensino secundario e superior a práctica totalidade do alumnado vai contar coa protección da vacina, isto non vai ser así en Infantil e Primaria. "Temos un problema cos nenos ata os 12 anos, que están sen vacinar. Creo que é algo que aínda vai tardar. Non temos esta vacina e mesmo cando a teñamos posiblemente xurdan temores e resistencias", di Caamaño. 

En canto á Secundaria, o obxectivo da Xunta é chegar ao 19 de setembro con todos os alumnos de máis de 12 anos vacinados. O presidente Alberto Núñez Feijóo vén de destacar que Galicia está "preparada" para o inicio do curso escolar, afirmando que "hai máis certezas que o ano pasado, cun escenario diferente, máis seguro e previsible".

Con todo, Caamaño cre que aínda que se suavicen restricións e controis, imos ter que manter algunhas medidas, cando menos en contextos concretos. Por exemplo salienta que "a mascarilla pode que siga sendo obrigatoria nos espazos pechados cando menos ata o Nadal, non me estrañaría que así fose". E engade que "as mascarillas poden permitir, ademais, incrementar os aforos nos espazos pechados, traballando conxuntamente con ventilación e medidores de CO2". "E mesmo en contextos determinados, nos que a xente está calada e non quita a máscara, por exemplo teatros, aulas ou cines, non será necesario que nos obsesionemos coas distancia mínimas", sinala. Con todo, Caamaño deixa claro que "moi distintos son as discotecas ou bares, nos que a mascarilla debe seguir sendo obrigatoria e onde debemos seguir sendo moi prudentes".

"A máscara pode que siga sendo obrigatoria nos espazos pechados cando menos ata o Nadal"

Neste senso, o presidente da Xunta reafirmou este venres está previsto relaxar de forma importante as restricións da hostalaría nas vindeiras semanas. "O obxectivo é manter unha porcentaxe mínima en interiores con independencia da situación en cada concello, porque a inmensa maioría da poboación está vacinada e, aínda que pode haber algún repunte ou brote, sería de menor mortalidade. No que hai que porse de acordo é nese nivel basal", dixo Núñez Feijóo, que apuntou á posibilidade de abrir máis a man na capacidade das terrazas, engadindo que "hai que destacar que gran parte dos galegos aposten polos exteriores, independentemente da situación meteorolóxica".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.