Galicia principia setembro con tres cuartos da poboación vacinada e a incidencia da COVID baixa ao maior ritmo en seis meses

Vacinación contra a COVID ao grupo 12-19 anos en Pontevedra e gráfico coa evolución da razón de taxas en Galicia CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

Tres de cada catro habitantes de Galicia recibiron xa a pauta completa da vacina contra a COVID-19 e máis do 80% do total da poboación xa recibiu cando menos unha dose. Nun dos grupos de idade que maiores cotas de incidencia acadou na que se deu en coñecer como quinta vaga da pandemia, o de 20 a 29 anos, a cobertura con pauta completa xa supera o 50% e na rapazada de 12 a 19 anos xa a teñen unha de cada cinco persoas.

Nun dos grupos máis afectados pola última vaga da pandemia, o de 20 a 29 anos, a cobertura coa vacina completa xa supera o 50%

Estes datos de cobertura da vacinación, pechados a 1 de setembro polo Ministerio de Sanidade, continuarán a incrementarse nos vindeiros días. Esta fin de semana, por exemplo, están citadas unhas 31.000 persoas que pasaron a COVID e que, cunha única dose, engrosarán as cifras de poboación con pauta completa. Ademais, segue a vacinación dos grupos máis mozos e, paralelamente, as repescas de persoas de maior idade que non recibiran a vacina na súa quenda por diversos motivos e que están a ser incorporadas mediante a autocita.

O avance do proceso de vacinación é clave para contextualizar todos os demais datos relativos á pandemia. Tanto a foto fixa de novos casos rexistrados -o Sergas notifica este venres 235, os computados entre as seis da tarde do mércores e a mesma hora do xoves, a cifra máis baixa en vinte e catro horas dende o 6 de xullo- como a tendencia das incidencias acumuladas: descenden a 14 días en todos os grupos de idade e a 7 días baixan en seis das sete áreas sanitarias.

O Sergas notifica 235 casos novos rexistrados en 24 horas, a cifra máis baixa en dous meses

Para o conxunto de Galicia, cos datos do último día completo dispoñibles no Sergas (o 1 de setembro), o indicador a 14 días rolda os 247 casos novos por cada cen mil habitantes e a 7 días sitúase na contorna dos 91 -menos de cen por primeira vez en dous meses-. Nesta incidencia máis inmediata, a dos últimos sete días, a comparación coa semana anterior -a coñecida como razón de taxas- amosa ás claras que o seu ritmo de descenso é o máis pronunciado dos últimos seis meses.

Para o gráfico baixo estas liñas, o cálculo da razón de taxas realízase dividindo a incidencia acumulada dun día entre a da mesma xornada da semana anterior. Se o resultado é superior a 1, a tendencia da incidencia é á alza. Se baixa de 1, o ritmo de descenso será máis elevado canto máis se achegue a 0. Actualmente, a razón de taxas do indicador a 7 días é de 0,63.

Ese ritmo de descenso para o conxunto de Galicia vén dado porque a baixada da incidencia a 7 días é a tónica dominante en seis das sete áreas sanitarias. Entre elas, o valor máis elevado é o de Lugo (185) e o máis baixo, o de Pontevedra - O Salnés (44,7). Na única área sanitaria na que o descenso non é claro, a de Ourense, a tendencia é á estabilidade na contorna dos 100 casos novos por cada cen mil habitantes a 7 días.

Tras unha quinta vaga na a vacinación minorou con claridade o impacto hospitalario da COVID, as cifras de ingresos xa descenden con claridade e agora roldan as 200 persoas

Todos estes datos, non obstante, deben ser lidos ao carón da cobertura da vacinación, toda vez que xa está a propiciar que un gran número de positivos non sexan sinónimo de enfermidade e que aínda menos precisen asistencia hospitalaria. Tamén, segundo investigacións recentes que recolle GCiencia, unha menor transmisión do virus.

O menor impacto nos hospitais desta última vaga é evidente ao observar a serie completa de hospitalización do Sergas, que dende os últimos días de agosto reflicte un claro alivio. Os últimos datos (pechados ás seis da tarde do día 2) reflicten 201 persoas coa COVID hospitalizadas en Galicia, 47 delas na UCI. Son 73 menos que unha semana antes.

O impacto da vacinación tamén é claro nas cifras de falecementos de persoas coa COVID -dunha media superior a 25 mortes diarias na vaga posterior ao Nadal a un máximo dunhas 4 no pico da vaga actual, con incidencias acumuladas semellantes-, se ben nos últimos días o Sergas segue a comunicar mortes. Na última semana foron, de media, algo máis de 3 persoas que morreron cada día con test positivo do coronavirus. O total sitúase en 2.577.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.