O Sergas notifica a aparición de 269 novos positivos, por debaixo dos 402 de hai sete días
Cando o mes de agosto está a piques de rematar, a situación da pandemia continúa a mellorar en Galicia, tanto no que atinxe ao número de casos detectados coma aos indicadores hospitalarios. Este martes o Sergas notifica a aparición de 269 novos positivos, por debaixo dos 402 de hai sete días e dos 405 do martes anterior.
A incidencia acumulada a 14 días sitúase nos 264 casos por cada 100.000 habitantes e a incidencia acumulada a 7 días continúa a descender, baixando ata os 115 casos por cada 100.000 habitantes.
Lugo segue a ser a área sanitaria con máis incidencia a sete días (219 casos por cada 100.000 persoas), pero comeza a rebaixar os seus datos, dende os 235 casos do día anterior. O resto das áreas tamén experimentan baixadas, aínda que semella que o ritmo de mellora se ralentiza na Coruña e Vigo.
Nos hospitais o número total de camas ocupadas por pacientes COVID baixa ata as 224, 76 menos que hai sete días
Nos hospitais o número total de camas ocupadas por pacientes COVID baixa ata as 224, 76 menos que hai sete días. É a cifra máis reducida dende o 24 de xullo, deixando atrás de forma definitiva a meseta na que se instalaron os datos hospitalarios durante boa parte do mes de agosto.
Queda aínda por trasladarse este efecto nas UCI, onde se manteñen 55 persoas cun diagnóstico positivo de COVID, aínda preto do pico da quinta onda da pandemia (63).
Agosto foi o mes con máis mortes dende marzo
O Sergas notifica tamén dous novos falecementos, elevando a 106 a cifra total de mortes no que levamos de mes de agosto, a falta dun día para rematar o mes. Agosto foi, polo tanto, o mes con máis mortes dende marzo.
Nas cidades, todas melloran os seus datos este martes, agás Lugo, que se mantén como a urbe con máis incidencia acumulada
Baralla, Ordes, A Veiga, Melide, Monforte de Lemos, A Pastoriza, Viana do Bolo, A Pobra de Trives, Agolada e Castro de Rei manteñen incidencias acumuladas a 14 días por riba dos mil casos por cada 100.000 habitantes. Os gromos detectados na última semana seguen afectando a estas localidades e tamén a outras, como Monterroso, Curtis, Palas de Rei ou Arzúa.
Nas cidades, todas melloran os seus datos este martes, agás Lugo, que se mantén como a urbe con máis incidencia acumulada, incrementando as súas cifras de contaxios por oitavo día consecutivo.