Cando está a piques de rematar o mes de agosto, a quinta vaga da pandemia segue avanzando cara ao seu remate, despois de dous meses nos que sumou case 50 mil positivos de COVID en Galicia e, sobre todo, 128 falecementos.
Lugo continúa a ser, con gran diferenza, a área sanitaria con maior incidencia a 7 días: 235 casos por cada 100.000 habitantes
Este luns o Sergas informa da detección de 305 novos casos, moi por debaixo dos 447 da pasada semana e dos 566 do luns anterior. A incidencia acumulada a 14 días cae ata os 264 casos por cada 100.000 habitantes, a cifra máis baixa dende o 13 de xullo. E a incidencia acumulada a 7 días descende ata os 120 casos por cada 100.000 persoas, o dato máis reducido dende o pasado 10 de xullo.
A incidencia acumulada a 7 días descende ata os 120 casos por cada 100.000 persoas, o dato máis baixo dende o pasado 10 de xullo
Lugo continúa a ser, con gran diferenza, a área sanitaria con maior incidencia a 7 días: 235 casos por cada 100.000 habitantes, case o dobre que a media galega. A lucense é, ademais, a única que aínda non mellora os seus indicadores de forma clara, xunto con Ourense. Santiago (141) e A Coruña (125) tamén se atopan por riba da media galega, pero con tendencia a descender.
Nos hospitais tamén se percibe a mellora, cun número total de camas ocupadas (255) moi por debaixo da cifra de hai sete días (331)
Nos hospitais tamén se percibe esta mellora, cun número total de camas ocupadas (255) moi por debaixo da cifra de hai sete días (331). A mellora nas UCI vai máis lenta e o número de pacientes COVID nestas unidades segue a ser de 54, tamén en descenso (o pasado luns había 63) pero aínda preto do pico da quinta onda da pandemia.
Continúan, ademais, as mortes, con catro novos falecementos notificados este luns, o que eleva a 2.564 o número total de mortes por COVID dende o inicio da pandemia en Galicia, 104 tan só no que levamos de agosto.
Hai gromos de importancia en Baralla, Ordes, Monforte, Melide, Curtis ou Monterroso
O concello con maior incidencia acumulada a 14 días é Baralla (1.853 casos por cada 100.000 habitantes), con 37 positivos detectados tan só nos últimos sete días. Continúan ademais os gromos que xurdiron a pasada semana en Ordes, Monforte ou Melide, que manteñen incidencias por riba dos mil casos por cada 100.000 persoas. Así mesmo, Monterroso e Curtis están tamén a rexistrar un grande aumento de casos nos últimos días, con incidencias que se sitúan preto dos mil casos por cada 100.000 habitantes.
Lugo converteuse na urbe con máis casos por habitante, superando a Ferrol
Nas cidades, Lugo converteuse xa na urbe con máis casos por habitante nas últimas dúas semanas, superando a Ferrol. A Coruña e Vigo melloraron moito os seus datos e xa se achegan a Ourense, cunha leve tendencia de ascenso. Pontevedra e Santiago son as cidades en mellor situación.