O 80% da poboación galega maior de 12 anos recibiu a pauta completa da vacina contra a COVID-19. Ademais, xa o pasado xoves superouse a porcentaxe do 90% de poboación con cando menos unha dose da vacina, unha porcentaxe que rolda agora o 91%. En canto aos datos sobre o total da poboación, as cifras son do 82,5% (unha dose) e do 72,7% (pauta completa), o que achega o obxectivo de acadar a inmunidade de grupo antes de que remate o verán.
A porcentaxe supera o 90% en Vilar de Barrio e outras oito localidades e nas cidades oscila entre o 76% de Vigo e o 81% de Compostela
A distribución da vacina está a ser regular e uniforme ao longo da xeografía galega, como reflicten os datos feitos públicos este domingo pola Xunta, que informou a porcentaxe de poboación maior de 12 anos vacinada en cada concello. As cifras van dende o 91,44% de Vilar de Barrio ata o 56,92% de Negueira de Muñiz (un concello de só 215 habitantes), pero case tres de cada catro localidades superan o 80% de poboación con pauta completa. Os datos toman como referencia as persoas que en cada concello contan con tarxeta sanitaria do Sergas.
Ademais de Vilar de Barrio, tamén Montederramo, Baleira, Abadín, Larouco, Sobrado, Sarreaus, Vilardevós e Beade superan o 90%. Son todas localidades con porcentaxes de poboación maior de 65 anos moi elevadas (entre o 38% e o 48%) e con pouca poboación menor de 20 anos (entre o 4% e o 10%).
Só Negueira de Muñiz, Avión, Beariz e A Lama baixan do 70%
No outro extremo, ademais de Negueira de Muñiz tamén Avión, Beariz e A Lama baixan do 70%. Son igualmente concellos envellecidos, pero cunha elevada porcentaxe de poboación residente noutros países, o que pode explicar o dato, tan baixo. O resto de concellos con porcentaxes inferiores ao 75% si que contan na súa maioría con poboacións máis novas que a media, como é o caso de Tui, Salvaterra do Miño, Ponteareas, Ribeira, O Porriño ou O Grove.
En canto ás cidades, Compostela é a que presenta unha porcentaxe máis elevada (81,02%), aínda que tamén Ferrol, Lugo e Ourense superan o 80%. As cidades con poboación máis nova teñen porcentaxes máis reducidas, dende o 78% da Coruña, o 77,4% de Pontevedra e ata o 75,6% de Vigo.
Finalmente, neste gráfico pode observarse a relación directa entre a porcentaxe de poboación vacinada con pauta completa e a proporción de poboación maior de 65 anos nese concello. Unha relación directa da que escapan algúns casos, seguramente por razóns diversas