O vindeiro 9 de setembro comeza o curso escolar en educación infantil, educación primaria e educación especial e o 15 de setembro farao na educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional. Nesas datas a Xunta espera que a práctica totalidade do estudantado entre 12 e 19 anos conte coa pauta completa da vacina contra a COVID.
Estamos a 20 días do inicio do curso no ensino secundario, o 15 de setembro. A maior parte dos mozos e mozas entre 12 e 19 anos recibirá a segunda semana da vacina na semana do 13 ao 19 de setembro
De momento o proceso avanza a un ritmo moi elevado e, por exemplo, este mércores (último día con datos dispoñibles) máis de 30.000 mozos e mozas menores de 19 anos recibiron a súa primeira dose. Nos últimos días a porcentaxe de rapaces e rapazas entre 12 e 19 anos que recibiron a primeira dose da vacina elevouse dende o 24% do pasado venres ata o actual 72%. Ao tempo, afianzouse a protección dos mozos e mozas entre 20 e 29 anos, que chega xa ao 75,6% (unha dose) e ao 28,5% (pauta completa).
A asistencia dos mozos e mozas de 12 a 19 anos está a ser moi elevada, sobre todo se temos en conta que nos atopamos no mes de agosto, acudindo preto dun 80% das persoas citadas, unha porcentaxe que se sitúa preto (e mesmo por riba) da rexistrada entre as persoas de 30 a 49 anos.
Estamos a 20 días do inicio do curso no ensino secundario (ao que acode a maior parte do grupo entre 12 e 19 anos). Dado que estes mozos e mozas están a recibir a vacina de Pfizer, para a que se establece unha separación de 21 días entre as dúas doses, unha porcentaxe moi elevada deste colectivo si poderá contar coa pauta completa na semana do 13 ao 19 de setembro, coincidindo co inicio do curso. O obxectivo de protexer ao estudantado de secundaria antes do inicio do curso ficará, polo tanto, preto de conseguirse.
A incidencia máis elevada segue a darse entre os mozos e mozas de 12 a 19 anos, triplicando a media galega
Esta protección demostrou ser moi importante, dado o elevado número de contaxios que seguen a producirse entre os mozos entre 12 e 29 anos, que de forma maioritaria aínda non recibiron a protección completa da vacina. As cifras de incidencia por idade revela que os positivos detectados entre os mozos e mozas de 12 a 19 anos seguen a ser moi numerosos (942 por cada 100.000 persoas en 14 días), o mesmo que entre os mozos e mozas de 20 a 29 (751 casos por cada 100.000 persoas). Cifras que duplican e case triplican a media galega. O terceiro grupo con máis incidencia é o dos menores de 12 anos, tamén sen vacinar
O 90% da poboación maior de 12 anos (a única que pode recibir a vacina) ten cando menos unha dose e o 79,7,% desta poboación diana recibiu a pauta completa. Se temos en conta o conxunto da poboación a porcentaxe redúcese ata o 81,7% cunha dose e o 72,4% coa pauta completa
Cantas persoas quedan, pois, sen vacinar en Galicia? Cantas son necesarias para acadar a desexada inmunidade de grupo? Esta segunda pregunta é difícil de responder. Nun comezo, e tendo en conta a capacidade de contaxio das primeiras variantes do virus, estableceuse o 70% da poboación como o limiar que debía ser superado para acadar o obxectivo de protexer do contaxio comunitario ao conxunto da sociedade. Porén, a maior transmisibilidade das novas variantes (especialmente da Delta, predominante en Galicia) obrigou a elevar este cálculo ata o 80% ou o 85%.
Neste momento, en Galicia o 90% da poboación maior de 12 anos (a única que pode recibir a vacina) ten cando menos unha dose e o 79,7,% desta poboación diana recibiu a pauta completa. Se temos en conta o conxunto da poboación a porcentaxe redúcese ata o 81,7% cunha dose e o 72,4% coa pauta completa. Cómpre ter en conta, iso si, que a porcentaxe máxima de poboación vacinada que neste momento se pode acadar é do 90,9% (a cidadanía de 12 anos ou máis). No momento en que se autorice a vacinación dos e das menores de 12 anos esta porcentaxe incrementarase.
Este xoves o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou que "xa se insistiu nas repescas e seguirase insistindo", engadindo que "é case imposible chegar ao 100% de vacinados, pero tentaremos chegar ata onde se poida"
A práctica totalidade da poboación de 80 anos e máis (100%) e de 70 a 79 anos (99,7%) conta coa pauta completa. A porcentaxe é tamén moi elevada nas persoas de 60 a 69 anos (97,5%) e comeza a descender nos grupos de 50 a 59 anos (94,1%) e 40 a 49 anos (87,9%), grupos aos que xa lles foi ofrecida a vacina de forma total.
As persoas destes grupos etarios que aínda non contan coa pauta completa ou ben escolleron non vacinarse ou tiveron problemas de axenda ou desprazamentos (en boa medida por causa do verán), aínda que contan coa posibilidade de volver solicitar unha cita para inmunizarse. Este xoves o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou que "xa se insistiu nas repescas e seguirase insistindo", engadindo que "é case imposible chegar ao 100% de vacinados, pero tentaremos chegar ata onde se poida".
Están aínda pendentes de seren inmunizadas ao redor de 750 mil persoas. Delas, unha terceira parte son menores de 12 anos e aínda non poden ser vacinadas
En Galicia conta coa pauta completa o 79,7% da poboación que pode recibir a vacina (o 72,4%, se a conta se realiza sobre a poboación total). Isto significa que están aínda pendentes ao redor de 750 mil persoas. Entre elas o grupo máis importante é o dos e das menores de 12 anos (247.322 persoas), pero tamén destaca o grupo de 12 a 19 anos (160 mil persoas pendentes) e o de 20 a 29 anos (165 mil persoas pendentes). No grupo de persoas de 30 a 39 anos hai aínda 95 mil persoas pendentes e nos colectivos de maior idade son 83 mil as persoas aínda sen a pauta completa.