A mocidade entre 12 e 19 anos, aínda non vacinada, convértese no grupo de idade con máis incidencia da COVID en Galicia

Dispositivo de vacinación masiva na Coruña CC-BY-SA Xunta de Galicia

A quinta vaga da pandemia estivo marcadas por dúas grandes cuestións. Por unha banda, a decisiva protección achegada polas vacinas, que dende o final da primavera inmunizaron á poboación máis vulnerable, abranguendo tamén ao groso das persoas de 40 a 49 anos dende mediados de xullo. Pola outra, o elevado número de contaxios, motivados pola relaxación das restricións, o incremento da mobilidade e o impacto da variante delta, máis contaxiosa.

Na quinta vaga da pandemia, entre as xeracións que maioritariamente aínda non contaban coa vacina, os contaxios eleváronse ata niveis nunca vistos con anterioridade na pandemia

Esta escalada no número de casos positivos afectou, sobre todo, aos grupos de idade que aínda non foran vacinados, de xeito que a poboación por riba de 60 anos só nos últimos días superou unha incidencia acumulada media de 200 casos por cada 100.000 habitantes. As persoas entre 40 e 60 anos incrementaron tamén o seu nivel de contaxios, pero a incidencia acumulada nunca superou os 400 casos por cada 100.000 habitantes, moi por debaixo da media galega.

En cambio, entre as xeracións que maioritariamente aínda non contaban coa vacina, os contaxios eleváronse ata niveis nunca vistos con anterioridade na pandemia. Especialmente entre os mozos e mozas entre 20 e 29 anos, nos que a incidencia acumulada chegou a acadar os 2.600 casos por cada 100.000 persoas, é dicir, un de cada 25. E tamén entre os e as adolescentes entre 12 e 19 anos, cunha IA que chegou a ser de 2.266 casos por cada 100.000 persoas. Ambos os dous indicadores chegaron a situarse entre os máis elevados de todo o Estado, unha situación que se explicou entre outros motivos polo reducido número de contaxios nas ondas anteriores, o que concedeu á mocidade galega unha menor protección natural ante o virus.

Son os mozos e mozas entre 12 e 19 anos (aínda sen vacinar na súa práctica totalidade) os que presentan peores datos de incidencia, con 1.396 casos por cada 100.000 persoas

Tamén os mozos e mozas entre 30 e 39 anos chegou a ter incidencias que roldaron os 900 casos por cada 100.000 persoas, pero esta comezou a descender nos últimos días de xullo, en parte debido ao efecto das vacinas, que nas últimas semanas comezan xa a protexer a este colectivo. Finalmente, os nenos e nenas por debaixo de 11 anos, para quen as vacinas aínda non están indicadas, tamén chegaron a acadar valores de incidencia importantes, superiores á media galega nos últimos quince días.

Aínda que o número de contaxios vén reducíndose de forma clara dende finais de xullo nos grupos de idade entre 12 e 29 grazas ás restricións adoptadas polo Goberno galego, a incidencia acumulada nestas xeracións segue moi por riba da media galega, por riba dos 1.400 casos por cada 100.000 persoas, case tres veces máis que o dato global para o conxunto da poboación galega.

O proceso de vacinación do grupo de mozos e mozas entre 20 e 29 avanza con rapidez nos últimos días e a primeira dose chegou xa ao 66% do total, aínda que só o 13% ten a pauta completa

Nos últimos días, ademais, coincidindo co inicio do proceso de vacinación do grupo de idade de 20 a 29 anos, este deixou de ser o que acumula un maior número de positivos por persoa. Dende este xoves, son os mozos e mozas entre 12 e 19 anos (aínda sen vacinar na súa práctica totalidade) os que presentan peores datos de incidencia, con 1.396 casos por cada 100.000 persoas, fronte aos 1.391 do segundo grupo. O proceso de vacinación do grupo de mozos e mozas entre 20 e 29 avanza con rapidez e a primeira dose chegou xa ao 66% do total, aínda que só o 13% ten a pauta completa.

O terceiro grupo de idade con máis incidencia é o dos e das menores de 11 anos, tamén sen vacinar

O terceiro grupo de idade con máis incidencia é o dos e das menores de 11 anos, tamén sen vacinar (neste caso aínda non hai previsión para a súa protección), cunha incidencia acumulada de 599 casos por cada 100.000. Supera así ao grupo de persoas entre 30 e 39 anos, cunha IA de 583 casos por cada 100.000. Neste caso o proceso de vacinación está moito máis avanzado, e o 74% conta xa cunha dose cando menos e o 46% coa pauta completa.

Nos grupos de idade cunha maioría de poboación vacinada, as cifras de incidencia son moito menores que nas xeracións máis novas, situándose entre os 209 e os 322 casos por cada 100.000 persoas

Os restantes grupos de idade presentan niveis de vacinación moi superiores, dende o 87% de persoas entre 40 e 49 anos con pauta completa ata o 99,6% das persoas entre 70 e 79 anos ou o 100% das persoas de 80 anos ou máis. Nestes grupos as cifras de incidencia son moito menores que nas xeracións máis novas, situándose entre os 209 e os 322 casos por cada 100.000 persoas. Cómpre salientar que nestes grupos as cifras de incidencia seguen a amosar unha leve tendencia de ascenso, motivada seguramente pola relaxación nas medidas de precaución e tamén polos contaxios con orixe nas persoas máis novas. 

 Unha vez finalizada a inmunización dos grupos que actualmente se están a vacinar (de 20 a 29 e de 30 a 39 anos), só quedaría protexer ao grupo de adolescentes entre 12 e 19, neste momento o que sofre máis contaxios

Nas vindeiras semanas continuará avanzándose na protección dos mozos e mozas entre 20 e 29 anos, completando a administración das primeiras doses e iniciando a aplicación das segundas doses. Así mesmo, completarase a pauta completa nas persoas de 30 a 39 anos que aínda non contan con ela. Unha vez finalizada a inmunización destes grupos, só quedaría protexer ao grupo de adolescentes entre 12 e 19 anos, neste momento o que sofre máis contaxios. O obxectivo inicial era que todas as persoas deste grupo contasen coa pauta completa da vacina antes do inicio do curso escolar, algo que nestes momentos semella difícil.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.