Marcha atrás a unha das últimas medidas da Xunta para deter a expansión do coronavirus e duro pau xudicial ao "anómalo proceder" do Goberno galego. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de botar abaixo a obriga de presentar un certificado COVID para acceder ao interior de establecementos hostaleiros e locais de lecer nocturno porque non foi autorizada xudicialmente.
O TSXG advirte de que a Xunta non lle consultou a medida, que carece de vixencia, e acúsaa dun "anómalo proceder" que "induciu á confusión"
Os maxistrados explican en dous autos notificados este xoves que a medida "carece de vixencia" porque a Xunta só enviou ao TSXG para someter a autorización a orde do 21 de xullo, na que se establecían medidas de prevención fronte ao virus como as limitacións nas reunións, pero non a orde do 22 de xullo, que incluía o requirimento de presentar o certificado COVID --de vacinación, de recuperación ou de proba negativa-- en establecementos de hostalería e restauración.
"Chama poderosamente a atención", din os xuíces sobre a actuación do Executivo galego e a non petición de aval á medida, que leva vixente desde o pasado 24 de xullo en bares e restaurantes no caso de atopárense nun concello con nivel de restricións máximo ou alto. En canto ao lecer nocturno, a esixencia de certificado COVID leva vixente unha semana máis.
O TSXG aclara que a medida carece de vixencia porque a Xunta só pediu o aval ás medidas de prevención pero non ao requirimento de presentar o certificado COVID
“Este anómalo proceder por parte da Xunta induciu á confusión”, indican os maxistrados, que explican que na resolución emitida a semana pasada --na que denegaron a medida cautelarísima solicitada pola Asociación de Empresarios Lugo Monumental para que se suspendese, sen escoitar as razóns da Xunta, a obriga de presentar o certificado-- “non se fixo ningunha mención ás razóns que se expoñen nestes autos ao dar por sentado que as medidas a cuxa suspensión se instaba foran sometidas á previa autorización do TSXG”.
O Superior, xa que logo, deu por feito que a Xunta solicitara o seu aval para instaurar a esixencia de certificado COVID cando non fora así.
Nese auto, datado o 6 de agosto, os xuíces non avalaron o requirimento imposto polo Goberno galego, senón que, dado que a tramitación das medidas cautelarísimas supón que non se dea traslado do recurso á Xunta, o tribunal acordou, co obxectivo “de non furtar á administración a posibilidade de facer alegacións”, que se continuase a tramitación do procedemento como unha peza ordinaria de medidas cautelares. É dicir, unha vez que o Goberno galego tivese posibilidade de xustificar a adopción da medida fronte ao recurso interposto polos hostaleiros, o TSXG tomaría unha decisión sobre a súa procedencia.
Nos dous autos notificados este xoves, nos que a sección terceira da Sala do Contencioso Administrativo suspende o requirimento de presentar o certificado COVID-19, denega as medidas cautelarísimas para que se anulase esa obriga solicitadas pola Asociación Liberum e por titulares de establecementos de hostalería, restauración e lecer nocturno de Santiago de Compostela, pois a medida á que instan suspender xa carece de vixencia en Galicia ao non ter sido autorizada polo TSXG. O alto tribunal aclara que contra os autos non cabe presentar recurso.
Non é o primeiro pau a esta medida. Ao pouco de se instaurar, a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) requiriu á Consellería de Sanidade información sobre esa obriga de contar con certificado de vacinación ou de probas negativas de coronavirus para acceder a determinados establecementos de hostalería. A axencia querría “comprobar a licitude do tratamento de datos persoais”.
O aval xudicial ao certificado COVID para a hostalería e lecer nocturno, á espera do posible pronunciamento do TSXG no caso de que a Xunta llo pida, non foi conseguido polo momento por ningunha das comunidades autónomas que quixo poñelo en marcha.
Logo do auto emitido polo Superior, as reaccións non tardaron en chegar. "Os xuíces din que Galicia ante un goberno chapuza que salta os dereitos fundamentais da cidadanía sen pedir autorización xudicial", dixo Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG. “Necesitamos un goberno que non cree problemas, senón que os solucione; Feijóo non pode xogar cun sector da hostalería que o está pasando tan mal”, insistiu.
Desde o BNG, o seu deputado no Parlamento Ramón Fernández acusou a Xunta de causar "máis estragos que o virus" na hostalaría despois da suspensión do certificado covid e anunciou que o seu grupo demandará na Deputación Permanente da Cámara a comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para que ofreza explicacións.