Despois de que este xoves pola tarde o TSXG anulase a obriga de presentar un certificado COVID para acceder ao interior de establecementos hostaleiros e locais de lecer nocturno pola falta de autorización xudicial para esta medida, a Xunta vén de anunciar que de forma inmediata solicitará ao Tribunal Superior a ratificación deste requisito. A solicitude, que busca "evitar calquera dúbida en relación coa vixencia e eficacia destes certificados e fomentar así a seguridade xurídica", realizarase este venres pola mañá para que o TSXG se pronuncie de xeito inmediato.
A solicitude realizarase este venres pola mañá para que o TSXG se pronuncie de xeito inmediato
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia advertiu en dous autos que a Xunta non lle consultara a medida, e que esta carecía polo tanto de vixencia. Este xoves, polo tanto, non existe a esixencia do certificado COVID para o acceso ao interior dos locais de hostalaría nos concellos en nivel máximo ou alto e para a entrada aos locais de ocio nocturno nas localidades en nivel medio ou baixo. O Goberno galego tenta coa solicitude que presentará mañá que a medida si estea en vigor de novo a partir da fin de semana.
Para o Goberno galego, "a esixencia deste certificado permitiu a apertura dos interiores da hostalería e restauración en situacións en que antes estaban pechados"
A Xunta afirma que as medidas en cuestión "non afectan a dereitos fundamentais", ao limitar unicamente o acceso a locais de ocio. E defende que o certificado COVID buscaba servir como apoio ao sector da hostalaría, "garantindo o libre exercicio destas actividades económicas e compatibilizándoo coa maior seguridade
sanitaria posible". Para o Goberno galego, "a esixencia deste certificado permitiu a apertura dos interiores da hostalería e restauración en situacións en que antes estaban pechados, así como do lecer nocturno, en circunstancias en que antes estaba suspendida".
O Executivo subliña que a esixencia do certificado COVID é "unha medida alternativa menos gravosa ao peche destas actividades", dando a entender que a súa anulación podería levar ao peche total do ocio nocturno en todo o país e a maiores restricións para os locais de hostalaría nos concellos con maior incidencia.
Segundo a Xunta, a Lei de Saúde Pública de Galicia ofrece base legal á medida
O Goberno galego defende que as medidas se apoian no artigo 38.1 da Lei de Saúde pública de Galicia, aprobada recentemente, "que permite que ao obxecto de protexer a saúde pública, as autoridades sanitarias autonómicas poderán adoptar medidas preventivas de obrigado cumprimento cando exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e grave para a saúde da poboación". Estas medidas poden consistir en: “Medidas de seguridade sanitaria e hixiene en determinados lugares e/ou para o desenvolvemento de actividades”. Segundo a Xunta, a norma tamén ofrece base legal á medida ao permitir o establecemento polas autoridades sanitarias dunha obriga de “subministración de datos” necesarios para o control e contención de riscos para a saúde pública.