O ente que vela pola privacidade da información persoal quere “comprobar a licitude do tratamento de datos” e advirte de “efectos discriminatorios"
A Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) informou este venres de que vén de requirir á Consellería de Sanidade información sobre a obriga que impuxo de contar con certificado de vacinación ou de probas negativas de coronavirus para acceder a determinados establecementos de hostalería. A axencia quere “comprobar a licitude do tratamento de datos persoais”.
Protección de Datos salienta que “as autoridades europeas de protección de datos expresamos a nosa preocupación pola utilización de certificados dentro dos Estados para finalidades tales como o acceso a tendas, restaurantes ou ximnasios, así como o seu uso noutros contextos como o laboral”. “A utilización para estes fins de certificados acreditativos da situación sanitaria en relación coa COVID-19 implica a necesidade de contar cunha base legal apropiada que se axuste aos principios de eficacia, necesidade e proporcionalidade, atendendo á existencia doutras medidas de protección que poidan resultar menos invasivas, evitando efectos discriminatorios e establecendo as garantías adecuadas”, sinala a axencia estatal.
Protección de Datos lembra que "a vacinación non é obrigatoria" e hai poboación que aínda non puido recibir a vacina
O organismo que vela pola privacidade dos datos persoais salienta que “debe terse en conta que a vacinación non é obrigatoria, que hai colectivos que non poden recibir a vacina por razóns médicas ou doutro tipo e que, se non hai máis remedio, o proceso de vacinación baséase nuns criterios de priorización que supoñen que parte da poboación aínda non puidese acceder á vacina”.