A aclaración explícita que o Goberno galego incluirá na lei pecha o conflito co Estado sen agardar a que se pronuncie o Constitucional, que o venres decidiu manter suspendido ese precepto da norma
Cinco meses despois de aprobar coa maioría absoluta do PP no Parlamento unha nova reforma da Lei de Saúde de Galicia, a novena en 13 anos, para entre outros obxectivos ter máis "seguridade xurídica", a Xunta corrixirá novamente o texto para, desta volta, recoñecer nel explicitamente a evidencia de que, de momento, en España as administracións non poden obrigar a vacinar á cidadanía fronte a ningunha enfermidade. Unha disposición adicional que se engadirá ao texto así o lembrará, o que permitirá que o Goberno de España retire o recurso de inconstitucionalidade que presentou e que mantiña suspendida a lei e a Xunta dea por superada unha máis das sucesivas supostas aldraxes por parte de Pedro Sánchez que vén denunciando desde o comezo da pandemia.
A reforma aprobada en febreiro da Lei de Saúde de Galicia incluíu a posibilidade de que a Xunta adopte diversas medidas de control de enfermidades transmisibles, entre elas o “sometemento a medidas profilácticas de prevención da enfermidade, incluída a vacinación ou inmunización”. Tamén a de decidir illamentos domiciliarios, o control de persoas infectadas ou dos seus contactos ou o confinamento perimetral de zonas xeográficas.
O Goberno de España recorreu a norma ante o Tribunal Constitucional por considerar que afectaba a dereitos que non son competencia da Xunta, o que supuxo a suspensión inmediata da lei galega á espera do que resolvese o tribunal e, posteriormente, a apertura de xeito paralelo dun procedemento de negociación política entre os dous executivos.
O venres o Constitucional levantou a suspensión do resto de preceptos da lei galega lembrando que as medidas que afecten a desprazamentos e reunións de persoas deben contar con aval da xustiza, como ata agora
O pasado venres o Constitucional, á espera de pronunciarse sobre o fondo da cuestión, decidiu levantar de xeito cautelar a suspensión do resto de medidas contempladas na lei por entender que, como xa sucede na actualidade, calquera das restricións que poida decidir a Xunta amparada nesa norma e que afecte aos desprazamentos de reunións de persoas debe contar co aval da xustiza. Pola contra, o Constitucional decidiu manter en suspenso a disposición que permitiría a vacinación obrigatoria porque a súa aplicación podería “provocar prexuízos certos e efectivos que poden resultar irreparables ou de difícil reparación".
Cinco días despois desa decisión do Constitucional, e un día antes de que este xoves fose publicada no BOE, este mércores Feijóo avanzou que o seu goberno e o de Pedro Sánchez veñen de chegar a un acordo para poñer fin ao preito ante o Constitucional antes de que o tribunal se pronuncie definitivamente sobre todas as cuestións recorridas polo Estado. Segundo o presidente, a Lei de Saúde galega quedaría validada por parte do Goberno de España coa introdución dunha disposición adicional que aclare que a vacinación non pode ser obrigatoria se non o permite así a lexislación estatal.
A Xunta indica que agora a lei galega "aclarará o carácter voluntario da vacinación con carácter xeral, e que se aplicará de acordo co establecido pola Administración Xeral do Estado no exercicio das súas competencias e de acordo tamén coa estratexia nacional de vacinación vixente, no marco do que determine o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde". O Goberno galego engade que "ademais, as campañas de vacinación vanse articular sobre o principio da colaboración voluntaria das persoas afectadas coas autoridades sanitarias". Como ata agora.