A aprobación este pasado martes no Parlamento da reforma sanitaria impulsada polo PP para "xestionar a pandemia" ergueu, de súpeto, un balbordo que superou a política galega. A modificación da Lei de Saúde saíu adiante cos votos do grupo popular e o rexeitamento frontal da oposición, que ve na norma un "estado de excepción permanente", un "regulamento sancionador camuflado" e un intento de "utilizar o medo para recortar dereitos".
A alusión que a Lei de Saúde fai á posibilidade de obrigar a vacinarse ergueu a polémica sobre unha medida máis efectista que efectiva
Pero foi a alusión que a lei fai á posibilidade de impor a vacinación ou multar a quen a rexeite o que creou máis polémica polas interpretacións que aludían a unha obrigatoriedade de inmunización e polo debate impulsado polo PP e a Xunta arredor dunha medida máis efectista que efectiva. Pasado o trámite parlamentario, supón esta modificación lexislativa unha obriga xeral a vacinarse?
Non é así. A nova Lei de Saúde alude sistematicamente á Lei orgánica estatal 2/1986 de medidas especiais en materia de saúde pública e o que fai é detallar e especificar esas medidas xerais "preventivas de recoñecemento, tratamento, hospitalizacou ou control" aplicables ante "razóns sanitarias de urxencia ou necesidade" e para "controlar as enfermidades transmisibles".
A reforma sanitaria detalla as medidas xerais a aplicar que permite xa unha lei estatal e que deberán ser ratificadas por un xuíz de afectar dereitos fundamentais
Ao abeiro desta Lei orgánica estatal, que xa permite a aplicación de tratamentos obrigatorios, a nova Lei de Saúde prevé a adopción dunha serie de medidas preventivas, entre as que inclúe "o sometemento a medidas profilácticas de prevención da enfermidade, incluída a vacinación ou inmunización, con información, en todo caso, dos posibles riscos relacionados coa adopción ou non adopción destas medidas".
Non é, xa que logo, unha obriga xeral de vacinación, xa que as medidas que se impoñan teñen que ser motivadas e deberán ser ratificadas xudicialmente de afectaren a dereitos fundamentais, como é o caso. "A adopción destas medidas requirirá a necesaria garantía xudicial conforme o disposto na lexislación procesual aplicable", aclara a Lei de Saúde.
A reforma sanitaria establece, iso si, moreas de medidas sancionadoras, tamén no caso da "negativa inxustificada ao sometemento a medidas de prevención consistentes na vacinación ou inmunización prescritas polas autoridades sanitarias". Neste caso, sería considerada unha infracción leve, cuxas multas poden chegar aos 3.000 euros.
"A nova Lei de Saúde non fai a vacinación obrigatoria porque non é competencia da Xunta", explica o PPdeG; Feijóo insinuara esa posibilidade para acabar admitindo que non era o propósito
Con todo, a deputada popular, Encarna Amigo, advertiu este martes durante o debate en pleno que a obrigatoriedade da vacinación ou a infracción no caso de negativa só se produciría "en circunstancias moi concretas", mentres que a Xunta insiste en que só se crea un marco legal no caso de que se considere obrigada a inmunización, unha situación que non é "o caso actual".
O propio PPdeG, en resposta vía redes sociais, insistiu en que a Lei de Saúde "non fai a vacinación obrigatoria" porque "non é competencia da Xunta", tras insistir no argumento da creación dun "marco legal para xestionar a pandemia con garantías, incluído no caso de que a autoridade competente decida facer obrigatorio vacinarse". O propio presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, insinuara en varias declaracións públicas a posibilidade de impor a inmunización para acabar admitindo que non era ese o propósito.
"Moito fume nese ámbito para tapar cambios que si son relevantes e dubidosamente legais", advirten fontes sanitarias e xurídicas respecto da polémica sobre a presunta imposición das vacinas. E avisan tamén, como fixo a oposición, do "dislate absoluto" dunha lexislación cun "encaixe legal máis que discutible" e que podería ser tombada de ser recorrida por anticonstitucional.
A oposición advirte do "máis que discutible encaixe legal" e o Goberno central espera informes xurídicos para decidir se a recorre ao Constitucional
A ministra de Sanidade, Carolina Darias, xa advertiu este mércores que "podemos estar ante unha limitación de dereitos fundamentais" e aclarou que no Goberon central esperan xa os informes xurídicos para decidir se recorren a norma ante o Tribunal Constitucional.
s. “Podemos estar ante una limitación de derechos fundamentales”, alertó ayer la ministra de Sanidad, Carolina Darias, aunque aclaró que esperarán a contar con informes jurídicos ad hoc para decidir si recurren la norma ante el Tribunal Constitucional
Entre o destacado alén da polémica das vacinas, as elevadas contías das multas propostas, a súa posible arbitrariedade e o feito de que sexan os concellos os encargados de tramitar as sancións en practicamente todos os supostos que indica a lei. Ademais, e como pano de fondo, a posibilidade de restrinxir dereitos fundamentais sen necesidade de tirar dun estado de alarma.
Elevadas sancións
A reforma sanitaria establece unha morea de infraccións (leves, graves e moi graves) para as que se establecen sancións desde 100 euros e ata os 600.000. Entre as que considera leves, inclúe o incumprimento da obrigatoriedade do uso de máscara ou da prohibición de consumir bebidas alcohólicas na vía pública. Tamén a negativa a pasar probas, como as PCR, ou non cumprir coas restricións de mobilidade ou de limitación de agrupación de persoas, así como a participación en festas e reunións vetadas. Tamén serán sancionados aqueles que non garden as medidas de hixiene esixidas en locais ou lugares de traballo ou os que incumpran co horario de apertura ou peche de establecementos, ademais de aqueles que non elaboren os protocolos requiridos.
A reforma sanitaria establece unha morea de infraccións (leves, graves e moi graves) para as que se establecen sancións desde 100 euros e ata os 600.000
As multas para infraccións leves poden chegar ata os 3.000 euros, mentres que nas graves elevaríanse ata un máximo de 60.000. Nestas últimas inclúense a denegación de auxilio ou colaboración coas autoridades sanitarias, o incumprimento das instrucións recibidas como de illamento ou corentena, a resistencia fronte a estas autoridades ou forzas e corpos de seguridade, así como non comunicar unha doenza contaxiosa e achegar datos falsos ou negarse a facilitalos. Tamén se inclúe neste grupo a apertura de locais pechados polas condicións sanitarias ou a organización de eventos prohibidos, así como a reincidencia en faltas leves no último ano.
En canto ás infraccións moi graves, a multa pode chegar aos 600.000 euros no caso de incumprir coa normativa sanitaria, medidas preventivas ou de restricións, illamento ou corentena de forma reiterada ou doutras medidas xa citadas "cando se produza un risco ou un dano moi grave para a saúde da poboación".
Coa nova redacción da Lei de Saúde queda "prohibido o consumo en grupo de bebidas alcohólicas na vía pública, parques e prazas públicas, e noutros lugares de tránsito público"
No caso de infraccións moi graves, ademais da multa poderanse impoñer como sancións accesorias o peche temporal dos establecementos ou servizos por un prazo máximo de cinco anos e a prohibición de percibir calquera tipo de axudas ou subvencións por parte da Administración pública autonómica e local galega por un período de entre un e cinco anos. Neste último caso, a propia Xunta advertiu de que se abría a posibilidade a deixar sen axudas a vítimas de violencia machista.
Fin do botellón
Pero ademais, a nova Lei de Saúde supón mudanzas importantes noutros ámbitos. De facto, queda vetado o botellón ao quedar "prohibido o consumo en grupo de bebidas alcohólicas na vía pública, parques e prazas públicas, e noutros lugares de tránsito público".
"Prestación de servizos persoais"
A Lei prevé a aplicación de "medidas preventivas en materia de saúde pública" e "de obrigado cumprimento" cando "exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e grave para a saúde da poboación". Entre elas, a incautación de produtos, o peche de empresas, suspensión ou limitacións de actividades, intervención de centros de servizos sociais ou a obriga de subministrar os datos necesarios "que permitan a identificación de persoas procedentes de lugares ou asistentes a actividades ou establecementos que presenten un risco de transmisión de enfermidades infectocontaxiosas".
Pero tamén advirte da posibilidade de "ordenarlles aos cidadáns a prestación de servizos persoais, de acción ou omisión, sempre de forma proporcionada á situación de necesidade".
Illamentos e corentenas
Tamén se establece posibilidade de adoptar medidas para o "control" das persoas enfermas e ditar o "illamento en domicilio, o internamento en centro hospitalario ou o illamento ou internamento noutro lugar adecuado para tal fin". E establece tamén o "sometemento das persoas enfermas a tratamento adecuado".
Ademais, dá capacidade á Administración para o control "das persoas que estean ou estivesen en contacto coas persoas enfermas" mediante corentenas, o sometemento a "observación ou a medidas de vixilancia do estado de saúde, a exame médico ou a probas diagnósticas de persoas que presenten síntomas compatibles coa enfermidade transmisible".
Nos casos de impoñer illamentos ou corentenas, a Administración deberá garantir a subministración de alimentos, bens de primeira necesidade e a dispoñibilidade de medios para a comunicación, correndo cos gastos, ao igual que se estas medidas tivesen que aplicarse fóra do domicilio.
Restricións de mobilidade e cribados masivos
A reforma sanitaria contempla restricións de mobilidade como as que, antes do segundo estado de alarma, requiriron sempre de aval xudicial
Alén desas medidas, tamén establece outras para o "control do contorno inmediato dos enfermos ou das persoas que estean ou estivesen en contacto con eles, así como das zonas afectadas". Entre elas, restricións de circulación e mobilidade ou de agrupacións de persoas, controis de saídas e entradas e cribados masivos en "sectores ou grupos da poboación particularmente afectados ou vulnerables".
No que ten que ver coas restricións de mobilidade, foron aplicadas pola Xunta nos últimos meses por mor da COVID pero requiriron sempre dunha ratificación xudicial ata a aprobación do segundo estado de alarma que agora se pretende evitar.
Intervención de residencias
Ademais, "en casos de risco inminente e grave para a saúde da poboación", a Xunta podería "intervir os centros de servizos sociais de carácter residencial de persoas maiores, persoas con discapacidade ou outros centros de servizos sociais de análoga natureza, de carácter público ou privado".
Uso de novas tecnoloxías
A Lei prevé tamén a "protección da saúde pública a través das novas tecnoloxías" co desenvolvemento de "sistemas de información e aplicacións para dispositivos móbiles" como medidas complementarias para a xestión de crises sanitarias como a do coronavirus. O obxectivo é a recepción de información ou alertas, xeolocalización, determinación do nivel de risco transmisor ou de contacto. Todo, segundo o documento, "con respecto á normativa vixente en materia de protección de datos e confidencialidade das comunicacións".
"Innecesaria e redundante"
Desde colectivos como Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) ou SOS Sanidade Pública critican unha lei que "utiliza a figura de proposición de lei como PP en lugar de como Xunta para evitar o informe dos servizos xurídicos, sobre a legalidade, o acerto e a oportunidade do anteproxecto elaborado".
SOS Sanidade Pública ou a AGDSP cualifican a reforma de "márketing que pretende utilizar a alarma social para tentar gañar vantaxes políticas"
Ademais, consideran a lei "innecesaria e redundante" e unha medida "de claro márketing que pretende utilizar a alarma social da pandemia para tentar gañar vantaxes políticas". "Supón a aplicación en Galicia da chamada Doutrina do Shock, utilizando a situación de alarma ou temor social para introducir medidas que limitan dereitos e liberdades", di a AGDSP, que advirte tamén da "creación dun amplo abano de autoridades sanitarias, incluíndo as forzas de orde pública".
"A reforma incumpre unha das motivacións esgrimida para cambiar a lei como é delimitar con claridade as actuacións nesta pandemia", di o colectivo, que cualifica de "obscenas" a contía das sancións previstas e denuncia que nada fala a lexislación sobre a falta de recursos ou as melloras no sistema sanitario público.