As infraccións sanitarias moi graves contemplan como sanción accesoria “a prohibición de percibir calquera tipo de axudas” e a Secretaría Xeral da Igualdade sinala as “consecuencias que a aplicación práctica desta previsión pode ter” para vítimas de agresións machistas
Unha das principais críticas formuladas á reforma da Lei de Saúde que a Xunta está a impulsar non a través dun proxecto de lei propio, como é habitual, senón a través dunha proposición de lei tramitada por vía urxente polo PP é que pon o foco nas sancións. Nese eido é precisamente no que amosa as súas dúbidas a Secretaría Xeral da Igualdade do Goberno galego, agora integrada na Consellería de Emprego e Igualdade, que advirte de que unha das sancións que contempla a nova norma para as infraccións máis graves, a de prohibición de recibir axudas públicas ademais da multa que corresponda, pode afectar a mulleres vítimas de violencia de xénero.
Todas as novas leis, sexan propostas pola Xunta ou polos grupos parlamentarios, deben contar cun informe sobre o seu posible impacto en materia de xénero e igualdade entre homes e mulleres. Nesa análise elaborada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta sobre a proposición de lei de reforma sanitaria presentada polo PP sinálanse diversas correccións da terminoloxía empregada no texto para evitar unha linguaxe sexista ou garantir unha presenza equilibrada de homes e mulleres en diversos grupos de traballo, cuestións habituais noutros informes similares sobre outras leis. Pero o informe detense especialmente no artigo no que se gradúan as posibles infraccións sanitarias.
A nova lei diferencia entre infraccións leves, graves e moi graves. Entre as últimas sitúase “a falta de cumprimento voluntario” de forma “repetida ou reiterada” tanto dun illamento como dunha corentena sexan prescritos por profesionais sanitarios ou “polas autoridades sanitarias”, así como en xeral incumprir calquera normativa sanitaria “cando se produza un risco ou un dano moi grave para a saúde da poboación”.
Esas infraccións moi graves recibirán multas de entre 60.001 e 600.000 euros. Pero a nova lei sinala ademais que “no caso de infraccións moi graves, ademais da sanción de multa poderanse impoñer como sancións accesorias” a “prohibición de percibir calquera tipo de axudas ou subvencións por parte da Administración pública autonómica e local galega por un período de entre un e cinco anos”.
“Será conveniente ponderar a imposición desta medida accesoria", recomenda Igualdade sobre unha proposición de lei que xa só poden corrixir os grupos parlamentarios coas súas emendas
Sobre esa cuestión a Secretaría Xeral da Igualdade advirte no seu informe sobre “as consecuencias que a aplicación práctica desta previsión pode ter para as persoas que teñan a condición de vítimas de violencia de xénero, que son na maior parte dos casos mulleres”. E explica que “é posible que se a unha persoa se lle impón como sanción accesoria a prohibición de percibir calquera tipo de axudas ou subvencións e con posterioridade á imposición da sanción adquire a condición de vítima de violencia de xénero, esta persoa poida verse privada da posibilidade de optar ás axudas para as vítimas de violencia de xénero, algunhas das cales teñen por finalidade facilitarlle á vítima unha independencia económica ou un recurso habitacional que lle permita por fin á súa relación co agresor e rachar coa situación de violencia que está a sufrir, garantindo tamén a súa seguridade”.
O PP presentou a súa proposición de lei coa presenza e o aval do conselleiro de Sanidade nun acto no que se eloxiou a nova norma como "máis clara e completa" que a anterior
Igualdade recomenda no seu informe remitido ao Parlamento de Galicia que “será conveniente ponderar a imposición desta medida accesoria, que se prevé só para o caso de infraccións moi graves”. Agora serán os grupos parlamentarios os que decidan corrixir ou non a través das súas emendas esa redacción da lei proposta polo PP que non gusta á Consellería de Emprego e Igualdade do Goberno galego malia que outro conselleiro, o de Sanidade, Julio García Comesaña, a presentou conxuntamente co portavoz parlamentario popular, Pedro Puy, o 19 de novembro, día en que foi rexistrada para iniciar a súa tramitación no Parlamento. Unha presentación na que se eloxiou a nova norma como "máis clara e completa".
Esta é unha máis das varias discrepancias entre departamentos da Xunta ou entre o Goberno galego e o PP que se veñen evidenciando desde o comezo da pandemia do coronavirus, tras reiterados choques entre as consellerías de Sanidade e Política Social ou o distanciamento de Sanidade do bono creado por Turismo para profesionais sanitarios.