O portavoz popular defende a nova lei galega pola falta de actuación do Goberno central mentres que BNG e PSdeG cuestionan o seu “autoritarismo” e “limitación de dereitos fundamentais”
O Parlamento de Galicia comezou este mércores co apoio exclusivamente do PP a tramitación da reforma da lei de saúde galega que os populares argumentan na negativa do Goberno central a lexislar para actuar contra as pandemias como a do coronavirus. Unha norma que a Xunta advertiu que pode deixar sen axudas a vítimas de violencia machista. Pola súa banda, PSdeG e BNG cuestionan o “autoritarismo” e a “limitación de dereitos fundamentais” que ao seu ver supón a reforma, que se centra na regulación de sancións e que coincidiron en cualificar como “un estado de alarma permanente”.
O portavoz do PP, Pedro Puy, comezou a súa defensa da norma salientando que a Psicoloxía Social fala de tres xeitos de afrontar crises como a actual: negándoa como fixo o goberno estadounidense de Donald Trump, preocupándose só dun mesmo ou con eficacia, como asegura que está a facer a Xunta. Na súa réplica o deputado do PSdeG Julio Torrado, doutor en Psicoloxía Social, lembrou que desde ela tamén se salienta que “en momentos de incerteza tenden a aparecer os populismos totalitarios”.
En Galicia, di o PSdeG, "non hai un problema de antivacinas, hai un problema de pobreza" xa que é nos sectores máis desfavorecidos onde peores taxas de vacinación se rexistran
“O PP presume en público de que é unha lei de saúde, pero o que lle gusta en privado é que é unha lei que restrinxe dereitos”, dixo o socialista, quen entre outras cuestións censurou que os populares defendan a norma para poder obrigar á xente a vacinarse. “O debate é lexítimo, pero nós cremos máis na concienciación que na obrigatoriedade”, dixo, alertando de que podería avivar o rexeitamento ás vacinas. Torrado lembrou que as taxas de vacinación en Galicia están moi por riba doutros territorios e argumentou que “non hai un problema de antivacinas, hai un problema de pobreza”, apuntando que é nos sectores máis desfavorecidos onde máis dificultades hai de que aumenten as taxas. [A Xunta advirte que a reforma sanitaria que tramita o PP pode deixar sen axudas a vítimas de violencia machista]
"En Galicia a xente quere vacinarse e non hai vacinas", lembra o BNG en referencia tanto á actual campaña da gripe como a pasados desabastecementos de vacinas
En similar liña se pronunciou a nacionalista Montserrat Prado, quen dixo que o problema en Galicia é que “a xente quere vacinarse e non hai vacinas”, lembrando non só os problemas de abastecemento actuais da vacina da gripe senón anteriores desabastecementos doutras que obrigaban á cidadanía a mercalas en Portugal.
Na súa contrarréplica Puy asegurou que a obrigatoriedade de vacinación contemplada na reforma que promove o seu grupo só terá validez se o Goberno central así o contempla no futuro a nivel estatal: “mentres tanto a obrigatoriedade non existe”, asegurou Puy.
Torrado e Prado coincidiron en que a nova norma “fai un estado de alarma permanente para aplicalo cando considere”, en palabras da nacionalista, que censura que a lei non contempla “límites temporais para a supresión de garantías e dereitos fundamentais”. Prado cualificou a norma de “coercitiva” e salientou que non contempla “ningunha medida” para actuar contra as pandemias con melloras dos sistemas de rastrexo, o reforzo da saúde pública ou o cambio de modelo das residencias.