As medidas de confinamento decretadas para tratar de conter o coronavirus provocaron que moitas mulleres que sofren violencia machista se vexan obrigadas a compartir as 24 horas do día co seu agresor. Esta situación fai que aumente o risco ao que están expostas e que elas teñan máis medo, máis ansiedade e máis depresión.
A psicóloga Blanca Castro, que atendeu a mulleres maltratadas, destaca que é frecuente que os maltratadores teñan "un baixo control dos impulsos", un problema que "se acentúa coa ansiedade que xera o confinamento e o non ter unha válvula de escape". As mulleres que viven unha situación de maltrato padecen "unha indefensión continua porque nunca saben cal vai ser a razón" do acceso de ira do seu maltratador. Isto provócalles "máis medo, máis ansiedade e máis depresión".
Os problemas de "baixo control dos impulsos" de moitos maltratadores acentúanse "coa ansiedade que xera o confinamento"
A asociación Si, hai saída avisa tamén do incremento do risco. "Son numerosas as mulleres que se atopan nesta situación que, por diversas razóns, aínda non tomaron a decisión de rachar co seu agresor", expón nun comunicado. A responsable da asociación, Marta Rodríguez, indica que o maior problema agora é "a falta de contacto" porque os casos máis graves cos que tratan "son as que máis incomunicadas están". "O primeiro que fai o agresor é controlarlles o teléfono e mesmo requisarllo. Non só non poden chamar, senón que nos vemos imposibilitadas para contactar con elas", relata.
Se teñen acceso ao teléfono, engade, unha chamada ou unha mensaxe de axuda "pode ser a sentenza" se a ve o agresor. Nesta situación, Rodríguez apela a que a policía faga "un seguimento o máis estreito posible" e a que os veciños, ante "calquera indicio, uns berros, uns golpes", dean aviso. "Unha simple chamada pode salvar unha vida", destaca e indica que "o máis grave que pode pasar" é ter que ir declarar ao xuízo. Pide lembrar que en moitas vivendas nas que se producen maltratos hai menores que tamén corren risco.
A asociación Si, hai saída avisa de que hai mulleres incomunicadas e apela ao traballo da policía e a que os veciños dean aviso ante "calquera indicio"
Blanca Castro avisa de que, neste contexto de confinamento, "é moi difícil que (as mulleres maltratadas) poidan facer nada" por mellorar a súa situación. As restricións do estado de alarma "complican aínda máis" que as mulleres poidan dar o paso de separarse do seu agresor. A súa recomendación é "que se preparen para separarse" e que busquen "alguén que as crea" para falar do que lles pasa, se teñen a posibilidade.
Unha das cousas que os maltratadores lles adoitan facer crer, di, é que "son as culpables do que pasa", polo que elas "perden a confianza en si mesmas e terminan por interiorizar a culpabilidade". "Tomar conciencia de que es unha muller maltratada e dar os pasos necesarios para separarte é moi complicado", subliña.
A procura de información a través de Internet para comprender os procesos psicolóxicos que as levaron a esa situación, agrega, "pódelles dar forza para buscar axuda" posteriormente. Castro considera que convén lembrar unha mensaxe: "Non hai nada que xustifique o maltrato. Absolutamente nada xustifica que te humillen, te insulten ou te ignoren".
Ana Saavedra, a presidenta da asociación Mirabal, que tamén apoia a mulleres vítimas de violencia de xénero, indica que as medidas contra o coronavirus provocaron dous tipos de consultas: mulleres maltratadas que queren dar o paso de separarse e outras xa separadas que teñen dúbidas sobre a entrega dos fillos en común á súa ex-parella.
Os xuíces deben decidir se modificar o réxime de custodia ou visitas durante as medidas especiais polo coronavirus
O Consello Xeral do Poder Xudicial indicou a semana pasada que queda en mans dos xuíces decidir sobre a modificación do réxime de custodia, visitas e estancias dos fillos de parellas separadas ou divorciadas, se non hai un acordo dos proxenitores. A modificación ou suspensión do réxime acordado pode ser "particularmente necesaria" se os servizos e recursos públicos, como os puntos de encontro, viron afectado o seu funcionamento.
Saavedra avisa de que hai casos con orde de afastamento nos que esta se quebrou e a muller ten medo porque, co confinamento, o agresor sabe onde está sempre. Tamén relata a situación dunha muller que está "contenta" porque as súas fillas teñen que pasar con ela estas semanas e non llas ten que entregar ao seu pai, que, denuncia, abusa delas.
Coincide en que "o máis necesario agora" é a dispoñibilidade da policía e, unha vez atendidas as necesidades máis urxentes, pasar a ofrecer atención psicolóxica ás vítimas de maltrato. Saavedra pon o foco na situación das mulleres do rural, "que moitas veces, se queren ir ao médico ou á policía, dependen de que as leve o agresor".
Unha guía gobernamental para mulleres que sofren maltrato indica que, ante unha emerxencia, poden chamar ao 112 ou á policía ou usar a aplicación ALERTCOPS
A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero publicou unha guía para mulleres que estean a sufrir maltrato durante o confinamento que lembra que segue en funcionamento o teléfono 016 de información e están dispoñibles os servizos de Whatsapp de apoio emocional inmediato nos números 682916136 ou 682508507. Nas situacións de emerxencia, débese chamar ao 112, á Policía Nacional (091) ou á Garda Civil (062). Se non se pode realizar unha chamada, a aplicación ALERTCOPS permite enviar un aviso á policía que indica a localización la vítima.
Ademais, lembra que se é unha emerxencia o que provoca que unha persoa saia á rúa, esta non será sancionada e que os centros de emerxencia e acollida seguen funcionando porque foron declarados servizos esenciais. Pódese pedir tamén a suspensión cautelar do réxime de visitas con motivo do estado de alarma, agrega.
A Xunta mantén activa a atención telefónica e a través de Internet e haberá un seguimento telefónico das vítimas que teñen unha orde de protección
Pola súa banda, a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta indicou que non constan chamadas específicas referidas ao confinamento estes días, pero isto, lembra, “non quere dicir que non as haxa”, posto que poderían terse feito directamente á policía. O Goberno galego anunciou un reforzo para tratar de garantir a seguridade das mulleres vítimas de violencia machista.
Mantense activo o número de atención telefónica 24 horas para mulleres vítimas de violencia de xénero (900400273), que recibe as chamadas ao 016 feitas desde Galicia. Tamén segue dispoñible o recurso para o asesoramento xurídico en Internet. A Secretaría Xeral de Igualdade asegurou que haberá un seguimento telefónico coas vítimas que teñen ordes de protección ou ás que se lle diten durante o estado de alarma.