O pasado venres Alternativa na Xustiza - CUT denunciou a situación de "caos" e "colapso" que se vive no xulgado de Violencia de Xénero e nos xulgados de Familia de Vigo pola falta de medios e a ausencia de resposta da administración, sinalando que en moitas ocasións "medidas urxentes relacionadas con vítimas de violencia machista e con menores "tardan meses en ser tramitadas". De feito, no que vai de ano, o xulgado de Violencia de Xénero da cidade olívica tramitou xa 900 asuntos, e a metade están sen resolver. Ten máis de 300 ordes de protección en vigor, 119 delas concedidas este 2015. O sindicato convocou paros alternos de tres horas os luns, mércores e venres das dúas últimas semanas de decembro (os días 14, 16, 18, 21 e 23) e celebrará concentracións os días 1 e 10 dese mes.
Unha das primeiras demandas é a incorporación dun novo maxistrado ou maxistrada que axude a axilizar o traballo, aínda que dende o sindicato aclaran que esta medida é necesaria, pero que debe complementarse con moitos outros recursos. "No xulgado de Violencia de Xénero é todo urxente, porque os asuntos que chegan no día teñen que saír no día, pois así o fixa a lei. Dende que entra a vítima e a súa denuncia ou as denuncias que chegan a través dos atestados policiais, as medidas que se tomen (afastamento e outras) teñen que decidirse esa mesma tarde. Aquí os máis dos días a xente está saíndo ás seis ou ás sete da tarde e moitas veces os traballadores e traballadoras non saben a que hora sairán", explica Valeiras.
"Reivindicamos medidas e medios de reforzo para poder sacar adiante os casos urxentes. Se non se saca o traballo, as prexudicadas son as mulleres maltratadas"
"O persoal do xulgado vese obrigado a levar a cabo funcións que non lle corresponden, funcións impropias" -comenta- "dende ofrecer atención psicolóxica, pois non hai ninguén no xulgado de asistencia neste eido, ou quedar cos fillos destas rapazas porque non elas teñen con quen deixalos". "Reivindicamos medidas e medios de reforzo para poder sacar adiante os casos urxentes, que son todos, para poder solucionar o traballo. Se non se saca o traballo, as prexudicadas son as mulleres maltratadas, que están nunha situación bastante mala de por si", destaca.
Valeiras advirte de que "se a persoa maltratada ten a sensación de que o seu paso polo xulgado non leva a que se executen de maneira inmediata todas as medidas de protección e axuda, esa persoa, que está xa sometida a ameazas e a unha presión psicolóxica moi forte, acabará por non ir ao xulgado, acabará por non denunciar. Ten a sensación que o proceso nunca vai rematar". "Acaban tendo a sensación de que denunciar aínda vai empeorar máis a súa situación, de que van ser máis maltratadas polo feito de denunciar. Esa é a sensación que teñen moitos cidadáns e cidadás e creo que non é de todo equivocada", afirma. "Vemos que moitas mulleres chegan con medo a que o xulgado non estea á altura do seu problema", resume.
"Acaban tendo a sensación de que denunciar aínda vai empeorar máis a súa situación, de que van ser máis maltratadas polo feito de denunciar"
Na súa denuncia, o sindicato estendía a súa valoración negativa aos xulgados de Familia da cidade, e ligaba a análise á do xulgado de Violencia contra a Muller, pois "todos os atrasos, todo o que non sei fai en Familia está tamén repercutindo no Xulgado de Violencia de Xénero", di. As medidas provisionais, sobre menores ou en relación á achega económica dun membro da parella ao outro, teñen un atraso de seis meses. "No último trimestre só no xulgado nº 5 de Familia seis casos que entraron como demandas normais de divorcio, polo atraso que foron acumulando, acabaron converténdose en casos de violencia de xénero", alerta.
"Os homes maltratadores que pasan por aquí teñen case todos unha educación na que se lles ensinou que eles son os que mandan e elas son as que teñen que obedecer"
Ademais de solucionar as carencias que na actualidade detectan nos xulgados, para loitar contra a lacra da violencia machista Valeiras pide "medidas educacionais". "Os homes maltratadores que pasan por aquí teñen case todos unha educación na que se lles ensinou que eles son os que mandan e elas son as que teñen que obedecer", di. Para Valeiras "son necesarias tanto as medidas preventivas e coma as solucións de tipo inmediato, para solucionar os problemas destas mulleres maltratadas. Este é seguramente o problema máis grave que hai na administración de xustiza".
"Tras cada morte por violencia de xénero prométese sempre que se van facer mil cousas, e ao final non se fai nada. En Vigo estamos igual que hai tres meses, pero con tres mulleres mortas"
Valeiras denuncia igualmente que "o tema da violencia de xénero utilízase cun único fin, o electoralista, e ao final as medidas prácticas que se poderían adoptar de inmediato para loitar contra esta lacra non se están adoptando. É unha arma política, que utilizaban antes os que gobernaban, e que utiliza agora este Goberno". "Tras cada morte por violencia de xénero prométese sempre que se van facer mil cousas, e ao final non se fai nada. É unha falta de respecto por parte dos políticos. Porque os atrasos no xulgado prodúcense por falta de medios, e teñen solución. En Vigo estamos igual que hai tres meses, pero con tres mulleres mortas", denuncia.
En canto aos paros e concentracións convocadas para decembro, Valeiras sinala que se vai "provocar un caos importante". "Ese día vaise atrasar todo e sairemos ás nove da noite. Pero nós o que reivindicamos non o pedimos polos traballadores e traballadoras, senón pola cidadanía e sobre todo polas mulleres", di.