A nova lei galega de saúde --reforma do texto de 2008-- impulsada polo PP foi aprobada este martes no pleno do Parlamento galego cos únicos votos do grupo popular e o rexeitamento frontal da oposición (BNG e PSdeG).
A reforma sanitaria impulsada polo PP foi aprobada cos únicos votos do seu grupo e o rexeitamento frontal da oposición
O PP culminou así unha reforma ás présas, iniciada a principios do pasado mes de decembro e impulsada polo grupo parlamentario para ser tramitada por vía urxente, saltando así, por exemplo, a avaliación do Consello Consultivo. A nova Lei de Saúde busca consolidar legalmente e garantir a seguridade xurídica de actuacións derivadas da pandemia xa vixentes en Galicia, pero tamén incorpora novas medidas sancionadoras e restritivas que xa non terían que pasar polo referendo continuo dos tribunais en ausencia de estado de alarma. Da posibilidade da vacinación obrigatoria a elevadas multas (ata 600.000 euros) por saltar a corentena e non acudir a un cribado ou restricións de mobilidade.
Segundo a oposición, a lei agora aprobada non é máis que un "regulamento sancionador camuflado", un "estado de excepción permanente" que pretende "enfocar un problema de saúde pública coma se fose un problema de orde pública". Para o PP, unha normativa "garantista", que dá "certezas" e "cobre un baleiro legal".
BNG e PSdeG cualifican a nova le de "regulamento sancionador camuflado" e acusan o PP de "utilizar o medo para recortar dereitos"
Desde o PSdeG, o seu deputado Julio Torrado, advertiu precisamente deste "estado de alarma permanente" que impulsa o PP logo de que Feijóo insistise no "demoledor" que era ao ser aplicado desde o Goberno central. "Utilizan o medo para recortar dereitos", insistiu o parlamentario, que dubida do "encaixe legal" dunha lei que, advirte, "pode saltar polos aires no xulgado".
Ademais, asegurou que a normativa "non resolve nada" porque "non fala de saúde". "É un regulamento sancionador excesivo e inapropiado legalmente", engadiu, logo de lembrar que a lei non regula temas claves como comprometer máis investimento en invetigación, máis medios e recursos no sistema sanitario ou a necesidade de garantir material de protección contra unha pandemia. "Pretende facer un relato político pero non amaña problemas", insistiu.
Tanto Torrado como a deputada do BNG, Iria Carreira, criticaron con dureza a posiblidade de obrigar á vacinación que recolle a lei preguntándose "que comité ou sociedade científica o avala" e advertindo do contraproducente que é instaurar a obrigatoriedade nun tema no que "non hai problema ningún" e que podería dar azos a movementos negacionistas e antivacinas. No PP aseguran que a posibilidade da obrigatoriedade é só en casos moi determinados.
A oposición critica a posibilidade de obrigar á vacinación que permite a lei e advirte dos azos que dá a movementos negacionistas ou antivacinas
"Coma se este fose o problema real da sanidade deste país", advertiu Carreira, que lembrou que "a porcentaxe de vacinación en Galicia é enorme" porque "o pobo acredita na ciencia". "Non é que a xente non queira vacinarse, é que non pode cando non hai vacinas suficientes, como ocorreu na última campaña da gripe", recordou.
Fronte ás "imposicións e obrigas" da lei, dixo Carreira, o PP obvia "medidas para a educación sanitaria" ou para "reforzar o coñecemento científico" e a Atención Primaria" ou dotar de medios aos profesionais. "Tamén debera ser a oportunidade para crear un sistema público de investigación", lamentou a deputada nacionalista, que cre que "combater unha pandemia pola vía de sanción e multas non ten máis sentido que esquivar as responsabilidades de atender o sistema sanitario".
"Para curar pneumonías non precisamos multas, senón profesionais", rematou a parlamentaria, logo de que Torrado advertise dunha lei "que restrinxe dereitos e crea trincheiras e confrontacións". "É imposible, desde o rigor, a sensatez e a ciencia, estar a favor dela", rematou.
Desde o grupo do PP, a súa deputada Encarna Amigo rexeitou todas as críticas para gabar unha lei que "dá garantías e actúa con responsabilidade"e acusou a BNG e PSdeG de "mentir e enlamar" e "defender a inacción de Pedro Sánchez".
Ademais, e aludindo ás críticas e manifestacións contra a Lei de Saúde por parte de grupos negacionistas, Amigo dixo "esperar" que a oposición "non estea a favor de cantas barbaridades lles escoitamos". "A min ninguén me dique simpatizo co negacionismo", retrucou Torrado, que acusou o PP de "alimentar" estes grupos ao "xerar problemas onde non os hai", en referencia á obrigatoriedade da vacinación que impulsa a reforma sanitaria.
Mentres acontecía o debate, fronte ao Parlamento, unhas decenas de negacionistas do coronavirus concentráronse en contra da aprobación da Lei de Saúde. Con pancartas con lemas como "a televisión é o virus" ou "co pobo ou cómplices", os manifestantes cargaron contra a nova normativa mentres non usaban máscara ou a levaban baixada.