O Sergas notificou este 23 de xullo un total de 1.593 novos casos positivos polo coronavirus, os rexistrados entre as seis da tarde do mércores e a mesma hora do xoves. Nos últimos sete días naturais con datos completos (ata as doce da noite do mércores ao xoves), diagnosticou unha media diaria dunhas 1.200 infeccións activas e, tamén en termos de días naturais, os 1.534 casos sumados o mércores supoñen un máximo da actual vaga.
O Sergas notifica máis de 1.500 casos rexistrados nun día e volve evidenciar que a maior parte son das persoas menos protexida ata agora pola vacinación
As cifras medias de novas infeccións activas diagnosticadas segue á alza, pero o seu ritmo de incremento vai acougando aos poucos. Faino nun contexto no que, ademais, cómpre non perder de vista que o groso dos novos casos se detectan nos grupos aínda menos protexidos pola vacinación. A proporción, como veñen amosando diariamente os datos do Ministerio de Sanidade e volveu plasmar a Xunta no DOG, é de dous terzos dos novos casos están concentrados na poboación de entre 15 e 39 anos.
Con estas cifras de novos casos, a incidencia acumulada a 14 días para o conxunto de Galicia supera os 500 casos novos por cada cen mil habitante e a 7 días rolda os 320. Ambos indicadores seguen á alza pero a comparación cos mesmos datos da semana anterior volve ratificar un día máis que o ritmo de incremento segue acougando. A coñecida como razón de taxas (comparación da incidencia a 7 e 14 días coa da mesma xornada da semana anterior), representada no gráfico sobre estas liñas, amosa con claridade ese freo e reflicte, ademais, que a que máis frea é a incidencia a 7 días, a máis inmediata. Con todo, este indicador non amosará descenso da incidencia ata que cruce o limiar do 1.
A área de Ourense comeza a mudar a tendencia
Como vén acontecendo nas últimas semanas, o empeoramento non é homoxéneo por niveis de idade e o seu ritmo tampouco o é territorialmente. Así, boa parte da explicación ao acougo no ritmo de incremento de incidencia atópase nunha das áreas sanitarias que máis empeorara nas semanas previas, a de Ourense. A súa incidencia acumulada a 7 días comeza a trazar o que semella un cambio de tendencia para comezar a baixar malia seguir, polo momento, moi alta (360 casos novos por cada cen mil habitantes nunha semana).
O Grove, Sanxenxo ou Cambados son os concellos coas incidencias máis altas a 14 días. Tamén a cidade de Ourense onde, non obstante, o freo no incremento é claro
Baixando máis ao detalle, as contornas con incidencias acumuladas máis altas seguen concentrándose, sobre todo, en concellos das Rías Baixas. No Salnés, municipios como O Grove, Sanxenxo ou Cambados seguen por riba dos mil casos novos por cada cen mil habitantes -sen contar positivos de persoas non residentes- e na Barbanza, Boiro tamén supera o milleiro. Máis cara ao interior, segue destacando a alta incidencia da cidade de Ourense que, non obstante, acouga tamén no seu incremento e semella estar chegando ao pico da vaga [a evolución da incidencia a 14 días por cidades, nesta ligazón]
116 persoas hospitalizadas máis que hai unha semana e por riba dos 15.000 activos
Con todos estes datos sobre a mesa, condicionados polo avance da vacinación e a súa ampla cobertura na poboación de máis idade (máis do 90% das persoas maiores de 40 anos teñen xa posta a pauta completa en Galicia), a situación asistencial segue sendo diferente á de anteriores vagas. Así, as 212 persoas ingresadas con test positivo da COVID ás seis da tarde do xoves eran 116 máis que unha semana antes, pero seguían en torno a un milleiro menos que na anterior ocasión en que os casos detectados aumentaban a un ritmo semellante ao actual.
Deste xeito, as autoridades sanitarias seguen subliñando que cando menos de momento o foco non está posto tanto na cantidade de persoas hospitalizadas -o risco de colapso nas UCI, por exemplo, está moito máis lonxe que en anteriores vagas- como na idade media das persoas que ingresan. Nesta liña, subliñan que aínda que a mocidade é menos propensa a sufrir unha enfermidade grave se se infecta, segue habendo xente nova coa COVID que precisa atención hospitalaria.
A carga asistencial ligada á COVID é, polo momento, moito menor nesta vaga que nas anteriores. Pero non sucede o mesmo na Atención Primaira ou nos servizos de rastrexo. O pasado xoves Galicia cruzou o limiar dos 15.000 casos activos por primeira vez dende febreiro, co conseguinte impacto de asistencia e seguimento tanto nos centros de saúde como nun sistema de rastrexo que aínda segue sen contrato estable por parte da Xunta.