"De que vale vacinar se non ten efecto na hostalería?". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expuxo deste xeito o argumento que, sinalou, está por tras dos cambios no mapa de restricións cos que o Goberno galego aposta por facer fronte á actual vaga da pandemia dende as cero horas do sábado, 24 de xullo.
O Goberno galego restrinxe os encontros de non conviventes a 10 persoas ao aire libre, 6 no interior ou dúas unidades de convivencia e volve prohibilos a partir das horas en que a hostalería ou pubs e discotecas están pechados
Un mes e medio despois de suprimilas, a Xunta recupera as limitacións aos encontros entre non conviventes e, como na pasada primavera, volve acompasalas aos horarios de peche de bares e restaurantes e, agora tamén, de pubs e discotecas naqueles concellos onde poden seguir abertos. Así, nos municipios incluídos nos niveis máximo e alto de restricións, as reunións de non conviventes prohibiranse de 1 a 6 da madrugada e no resto de Galicia (niveis medio e baixo), de 3 a 6.
Ademais, o Goberno galego retoma tamén os límites no número de persoas non conviventes que poden xuntarse, neste caso en toda Galicia. A limitación xeral volverá ser de 10 persoas ao aire libre e de 6 no interior, pero coa novidade de que en ambos casos o límite poderá superarse se os que se xuntan son dous grupos de conviventes. Trátase, exemplificou Feijóo, de permitir que dúas familias se reúnan nunha casa ou de que persoas que veranean en vivendas en Galicia poidan recibir nelas a outro grupo de conviventes.
Todas estas limitacións aos encontros entre conviventes, ao restrinxir dereitos fundamentais, requiren o visto e prace do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia antes de entrar en vigor. A intención da Xunta é, se obtén a ratificación, aplicalas dende esa medianoite do venres ao sábado.
Fin dos peches perimetrais e das clausuras da hostalería en nivel máximo, pero con certificado
Implanta a obriga de amosar certificado de vacinación, de test negativo ou de enfermidade superada para consumir no interior de bares e restaurantes dos concellos en nivel máximo e alto, entre eles Vigo, Ourense e e Pontevedra, e mantena para pubs e discotecas alí onde poden abrir
O novo mapa de medidas da Xunta, representado sobre estas liñas, trae consigo unha suba de nivel de diversos concellos, pero significativas mudanzas nas restricións asociadas a cada un. Así, nos concellos en nivel máximo, que pasan de cero a 7, xa non rexerá peche perimetral e tampouco a orde de clausura dos locais hostaleiros (si terán que seguir pechados pubs e discotecas). Para entrar no interior destes establecementos, non obstante, a Xunta impón a obriga de amosar certificado de vacinación completa, de ter un test da COVID negativo nas últimas 72 horas ou de ter a enfermidade superada. É dicir, o requisito que impulso a pasada semana para pubs e discotecas.
Esa obriga de amosar certificado de vacinación, de test negativo ou da COVID superada para consumir no interior dos bares e restraurantes tamén rexerá nos concellos de nivel alto de restricións, que pasan a ser 29 -entre eles, as cidades de Vigo, Ourense e Pontevedra-. Nestes concellos, pubs e discotecas tamén estarán pechados, segundo o exposto por Feijóo. Como amosa o mapa, boa parte destes concellos con máis restricións atópanse en contornas de gran afluencia turística.
Nos municipios de nivel medio (agora son 38, entre eles as cidades da Coruña, Santiago, Lugo e Ferrol) non será preciso amosar estes certificados para acceder ao interior dos bares e restaurantes. Si continuarán sendo un requisito para acceder a pubs e discotecas.
Por riba dos mil casos detectados, pero ritmo de crecemento da incidencia á baixa
A Xunta anunciaba o seu novo mapa de restricións pouco despois de que o Sergas volvese notificar máis de mil novos casos da COVID-19 detectados en 24 horas. Foron, concretamente, 1.092 os rexistrados entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes. En termos de días naturais, o domingo 19 -último día completo dispoñible- concluíu con 1.304.
O incremento no número de infeccións activas diagnosticadas cada día xa amosa, non obstante, certos sinais de freo. Sitúase nunha media duns 1.115 cada día dos últimos sete cun ritmo de incremento que frea, polo momento, levemente.
Alén do lixeiro freo no ritmo de crecemento dos novos casos, os datos seguen reflectindo fortísimas diferenzas de incidencia entre a poboación que aínda non está incorporada á vacinación masiva e a que leva máis tempo protexida pola inmunización
Como vén sucedendo nas últimas semanas, a lectura destes datos xa non é completa sen acompañala da distribución por idades dos novos casos e, á súa vez, sen combinar esta variable coa cobertura da vacinación. Os datos divulgados polo Ministerio de Sanidade o martes, correspondentes ao luns (a Xunta dispón desta información e transmítea ao Ministerio, pero non a publica) seguen reflectindo con claridade as fortísimas diferenzas de incidencia acumulada a 14 días entre os grupos menos protexidos pola vacina (arredor de 1.700 casos novos por cada cen mil persoas de entre 12 e 19 anos e uns 1.900 entre 20 e 29) e os que levan máis tempo máis cubertos pola inmunización, coa poboación maior de 70 anos arredor dos 60 casos novos por cada cen mil persoas.
Mentres todo isto sucede, non obstante, a comparación das incidencias acumuladas para o conxunto de Galicia cos mesmos indicadores de hai unha semana -a coñecida como razón de taxas- amosan, por cuarto día consecutivo, sinais de freo no crecemento. O dato para toda Galicia a 7 días está agora arredor dos 300 casos novos por cada cen mil habitantes e a 14 días rolda os 450. As incidencias acumuladas máis elevadas seguen sendo as das áreas sanitarias de Pontevedra-o Salnés e Ourense, se ben a ourensá é a primeira que, a sete días, comeza a amosar sinais de descenso, polo momento moi leves.
Malia aos incrementos da última semana, a presión da actual vaga sobre os hospitais segue moi por baixo das anteriores, pero a demanda asistencial si é elevada na Atención Primaria e no rastrexo
Como é habitual, os empeoramentos na situación epidemiolóxica tardan en reflectirse no número de persoas coa COVID-19 que precisan atención hospitalaria. As 174 persoas ingresadas ás seis da tarde do martes eran 107 máis que unha semana antes. Vinte e unha delas estaban na UCI, once máis que hai sete días.
A demanda asistencial que está a xerar a actual vaga da pandemia nos hospitais segue a ser, daquela, moito menor á de anteriores ondas. Non obstante, a atención e seguimento a máis de 12.000 persoas consideradas como positivos activos que teñen encomendadas corentenas domiciliarias ata daren negativo seguen presionando notablemente a Atención Primaria. Así o vén evidenciando o persoal dos centros de saúde dende hai semanas e a propia Xunta tamén o admitiu esta mesma semana pola vía dos feitos, ao pedir que as persoas consideradas contactos estreitos que non teñen que gardar corentena por seren asintomáticas non chamen nin acudan á Atención Primaria.