O Sergas administrou durante a xornada do sábado, 17 de xullo, algo máis de 22.000 doses de vacinas. Á espera de coñecer os detalles do avance por franxas de idade que publica de luns a venres o Ministerio de Sanidade -a Xunta dispón deles, pero só publica unha parte-, nos datos que si divulga a Consellería de Sanidade pódese observar que o groso destas inxeccións foron primeiras doses para o grupo de 30 a 39 anos, o máis mozo e último ata agora en incorporarse ao proceso de vacinación masiva.
Son xa así 1,82 millóns as persoas que xa teñen posta cando menos unha dose de vacina contra o coronavirus en Galicia. As que xa recibiron a pauta completa son 1,61 millóns, isto é, practicamente o 60% da poboación total do país, limiar que no caso da poboación diana da campaña de inmunización xa se superou hai días.
Os datos de vacinación son xa inseparables das cifras de casos novos detectados e as conseguintes incidencias acumuladas para entender a actual situación da pandemia en Galicia, no conxunto do Estado, en Europa e, en xeral, en todas as zonas do mundo onde o proceso de inmunización marcha xa notablemente avanzado. Mesmo poñendo sobre a mesa as diversas variantes do SARS-CoV-2 e de xeito parello ás mudanzas nos mapas de restricións que, no caso galego, volverán ser revisadas o vindeiro martes.
Este domingo, 18 de xullo, o Sergas notificou os 1.170 casos novos que rexistrou entre as seis da tarde do venres e a mesma hora do sábado, apenas 170 menos que nas vinte e catro horas previas. Son xa así máis de dez mil (concretamente, 10.704) os novos casos rexistrados dende o comezo do mes de xullo. Como amosa o gráfico baixo estas liñas, o disparo de novos casos dende finais do pasado xuño provoca que, en termos de días naturais, a media a sete días de infeccións da COVID-19 diagnosticadas supere os 800 casos por primeira vez dende os primeiros días do pasado febreiro.
Pero, sendo isto certo, non o é menos que aínda que as cifras sexan comparables coas de principios de ano, o avance da vacinación fai que o panorama sexa notablemente distinto. Así o veñen acreditando os datos de incidencia acumulada por idades que o Ministerio de Sanidade vén divulgando nas últimas semanas, co groso dos novos casos concentrados nos grupos de idade máis mozos, os aínda non vacinados. A Xunta, que non fai pública esta información detallada malia dispoñer dela, tamén deixou plasmado no DOG esta semana que dous terzos do novos casos se rexistran neses grupos de poboación menos cubertos pola vacina.
As Rías Baixas e Ourense, na cabeza da incidencia
Concellos como Ourense, O Barco e Sanxenxo seguen destacando polas súas altas incidencias acumuladas
Sempre coa clave das notables diferenzas de incidencias por idades, sobre o mapa a situación tampouco é homoxénea. As áreas sanitarias de Ourense e Pontevedra seguen encabezando os indicadores de incidencia acumulada e, dentro delas, a capital ourensá e a comarca do Salnés nun contexto no que a mala situación tamén se dá á outra beira da ría de Arousa, xa na área de Santiago-Barbanza, por concellos como Boiro.
A cidade de Ourense e o concello lindeiro de Barbadás achéganse aos mil casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días, limiar ao que tamén se achega Boiro e que superan municipios como O Barco de Valdeorras ou Sanxenxo. A situación deste último segue incomodando a outros municipios da contorna, xa que na última revisión de restricións foi situado en nivel medio mentres concellos próximos con incidencias máis baixas, caso de Vilagarcía ou Vilanova, ascenderon ao nivel alto, o que se traduce fundamentalmente en máis limitacións para o sector hostaleiro en plena campaña estival.
No que atinxe ás sete principais cidades, a peor situación segue sendo, con diferenza, a de Ourense. A capital ourensá, que xa fora a que maior incidencia acumulada a 14 días chegara a ter tras o Nadal, supera o seu dato máximo do pasado xaneiro e marca máis de 988 casos novos por cada cen mil habitantes a sete días. A segunda cidade en peor situación é Pontevedra, por riba dos 500. Séguena Vigo (486) e, a maior distancia, Lugo (353).
Máis de cen persoas hospitalizadas por primeira vez en mes e medio
Malia aos obvios incrementos dos últimos días, as persoas actualmente ingresadas con test positivo da COVID son dez veces menos que a anterior ocasión na que o ritmo de novos diagnósticos era semellante ao actual
O efecto da vacinación séguese reflectindo, sobre todo, no reflexo nos hospitais do incremento de casos novos detectados. A última vez que Galicia rexistrou un ritmo semellante de novas infeccións detectadas, a principios de ano, Galicia superaba as mil persoas ingresadas nos seus hospitais con test positivo da COVID-19. Agora son practicamente unha décima parte malia aos obvios incrementos dos últimos días.
As 122 persoas ingresadas con test positivo do coronavirus ás seis da tarde do sábado eran 55 máis que o mesmo día da semana anterior, un ritmo de incremento semanal que non se rexistraba dende febreiro. Vinte e dúas delas estaban na UCI, dez máis que unha semana antes. Así e todo, cómpre ter tamén en conta que é habitual que durante as fins de semana se tramiten menos altas hospitalarias e que o Sergas non informa de cantas se producen, polo que cómpre agardar ao martes para ter unha visión máis certeira da situación nos hospitais, alén do efecto fin de semana.
Nove de cada dez persoas falecidas ata agora en Galicia con test positivo da COVID-19 tiñan máis de 70 anos, o grupo de idade que agora leva máis tempo con maior protección a través da vacina
As diferenzas coa vaga posterior ao Nadal e mesmo coa que chegou tras o verán de 2020 -cando a capacidade diagnóstica era xa semellante á actual- son obvias tamén en termos de mortalidade. No que vai de mes de xullo, con máis de dez mil casos novos detectados, o Sergas notificou 6 mortes de persoas coa COVID. Nos meses de xaneiro e febreiro en Galicia morreran máis de 400 persoas que foran diagnosticadas como positivas nesta doenza.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, case nove de cada dez das 2.442 persoas que ata agora morreron en Galicia con test positivo da COVID-19 tiñan máis de 70 anos. Estes grupos de idade son agora, precisamente, os que máis tempo levan con maior protección contra a enfermidade a través da vacinación.