A incidencia da COVID en poboación aínda fóra da vacinación masiva supera as taxas totais que Galicia rexistrou tras o Nadal

Ringleira para a vacinación contra a COVID-19 o pasado 6 de xullo na Cidade da Cultura CC-BY-NC-SA Praza Pública

O Sergas notificou este venres, 16 de xullo, 1.342 casos novos da COVID-19, os rexistrados dende as seis da tarde do mércores ata a mesma hora do xoves. É a cifra máis alta nun período de 24 horas coma este dende o 30 de xaneiro e supón que na primeira metade do mes de xullo detectou 11.258 positivos. No total dos dous meses anteriores, abril e maio, sumou 9.703 casos novos.

O Sergas rexistrou na primeira metade do mes de xullo case 11.300 casos, o groso concentrados nos grupos de idade máis mozos, aínda non incorporados á vacinación masiva. A suma dos meses de abril e maio quedou en 9.700

Este importante incremento achega a incidencia acumulada a 7 días aos 200 casos novos por cada cen mil habitantes e o dato a 14 días, aos 300 no conxunto de Galicia. O indicador máis inmediato, o da última semana, xa supera o da vaga do outono e o ritmo de crecemento é superior ao daquela.

Sendo todo isto certo, non o é menos que existe un factor diferencial a respecto de anteriores ondas da pandemia. O estoupido desta nova vaga produciuse entre os grupos de idade máis mozos, isto é, as persoas aínda non incorporadas á vacinación masiva. É nestes grupos nos que a incidencia acumulada iguala e mesmo supera o dato global galego posterior ao Nadal, cando Galicia chegou a rozar os 800 casos novos por cada cen mil habitantes.

Os datos divulgados polo Ministerio de Sanidade este venres (a hora de peche da información é diferente á do Sergas, de aí a lixeira diferenza nas cifras de incidencia), con datos do xoves, volveu acreditar esta circunstancia. Nos grupos de 12 a 19 e de 20 a 29 anos a incidencia acumulada a 14 días xa supera os mil casos novos por cada cen mil habitantes, con crecementos superiores aos 700 puntos en apenas unha semana.

No grupo de 30 a 39 anos, o que actualmente está inmerso na administración das primeiras doses dentro do proceso de vacinación masiva, este indicador está na contorna dos 400 casos e o crecemento é duns 200 puntos nunha semana. De 40 anos en diante, onde a cobertura con dúas doses supera o 80% no conxunto desta poboación, as incidencias acumuladas e os seus crecementos son máis baixas canto maior é a idade. O proceso de vacinación comezou, precisamente, pola poboación maior.

As áreas sanitarias de Ourense e Pontevedra, á cabeza da incidencia

Sempre coa notable diferenza de incidencias por idades como variable clave neste novo momento da pandemia, as incidencias tamén son dispares territorialmente. Así o amosan os datos por áreas sanitarias, aínda que en todas elas a tendencia sexa ascendente e coa carencia de que a Xunta non divulga os datos por idades en cada área -aínda que dispón deles-.

Como amosa o gráfico baixo estas liñas, a área sanitaria de Ourense segue encabezando a incidencia máis inmediata, a sete días, superando os 350 casos novos por cada cen mil habitantes tras rematar xuño con menos de 30. Tras ela sitúanse as áreas de Pontevedra-O Salnés (312) e Vigo (217). Na banda contraria, o dato máis baixo a sete días é o da área de Ferrol, con 107 casos novos por cada cen mil habitantes.

Malia aos incrementos dos últimos días, Sanidade decidiu este venres manter sen cambios o mapa de restricións que entra en vigor ás cero horas deste sábado, 17 de xullo

Estes datos estiveron este venres sobre a mesa do comité que asesora o Sergas a respecto das restricións pola COVID-19. Malia ao empeoramento nalgunhas áreas e concellos, Sanidade decidiu manter sen cambios o mapa de restricións que entra en vigor ás cero horas deste sábado, 17 de xullo, con sete concellos en nivel alto de restricións e outros 15 en nivel medio [podes consultar as restricións sobre o mapa, concello a concello, nesta ligazón] e a principal novidade de implantar, dende a semana que vén, a obriga de presentar certificado de vacinación ou de test negativo da COVID-19 para acceder a pubs e discotecas.

Catro dos sete concellos en nivel alto, o cal implica medidas como o peche do interior dos locais de hostalería, sitúanse na comarca do Salnés. Entre algúns destes municipios esténdese o malestar polo que consideran un agravio comparativo con outros concellos da zona. Así o expresou, por exemplo, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, quen se declarou "sorprendido" de que o concello vilagarcián, xunto con Vilanova, Cambados e A Illa queden en nivel alto "mentres outros municipios con maior incidencia están nun nivel máis baixo". Boa parte destes receos diríxense cara a Sanxenxo.

Incremento da hospitalización, pero aínda por baixo de anteriores vagas

As 96 persoas ingresadas con test positivo da COVID son 36 máis que hai unha semana

A baixa media de idade no groso das persoas que se están a infectar da COVID-19 está intimamente relacionada co feito de que o impacto desta vaga nos hospitais estea a ser moi inferior á das anteriores. Así e todo, os datos notificados este venres si amosan un incremento maior ao das xornadas previas: as 96 persoas ingresadas ás seis da tarde do xoves eran 17 máis que un día antes e 36 máis que a mesma xornada da semana anterior. Hai que remontarse ao pasado mes de febreiro para observar un incremento intersemanal semellante.

En calquera caso, a maior parte da presión desta nova vaga continúa situándose noutros puntos do sistema sanitario, nomeadamente na Atención Primaria e nos servizos de rastrexo. Non en van, os 8.319 positivos activos que se rexistraban ás seis da tarde do xoves eran 4.649 máis que hai unha semana.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.