"Estabamos no camiño da recuperación e estamos, pero temos que facer unha paréntese". O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, expresábase nestes termos este mércores antes de anunciar o que presenta como un "paso atrás" nas restricións da Xunta pola COVID-19.
A Xunta sinala que a concentración dos novos casos na xente máis moza, aínda non vacinada, leva a "modular" as restricións tendo máis en conta indicadores como a presión hospitalaria e non tanto as cifras globais de incidencia acumulada
Dende o sábado, 17 de xullo, sete concellos galegos quedan en nivel alto de restricións, entre eles a cidade de Ourense. Outros quince, incluídas as cidades de Vigo e Pontevedra, estarán en nivel medio. Non obstante, nos criterios para incluír un municipio nun ou noutro nivel comeza a pesar menos o criterio da incidencia acumulada do coronavirus (casos novos por cada cen mil habitantes) e, sinala Sanidade, de agora en diante "manda" a presión hospitalaria, mais tamén outros criterios asistenciais como "o número de doentes nos circuítos COVID das Urxencias". Esa é a razón, detalla, pola que concellos con incidencias acumuladas "realmente altas" non pasan a nivel máximo, que implica peche perimetral e clausura da hostalería, entre outras medidas.
Esa "modulación", indica a Xunta, débese á evidencia de que o groso das elevadas cifras de novos casos rexistrados do coronavirus se concentran nas persoas máis mozas, aínda non vacinadas, e non afectan por igual á poboación en xeral. Esta é tamén a razón esgrimida para outra das principais novidades nas restricións: dende a vindeira semana -previblemente, matiza Comesaña, dende o martes 20- para acceder a pubs e discotecas en calquera punto de Galicia onde poidan estar abertos -nos concellos de nivel alto seguen pechados- será preciso certificar un test negativo da COVID ou a vacinación completa. Comesaña indica que "non é descartable" inserir este mesmo requisito proximamente en eventos como "algúns concertos", pero sen nada definido polo momento.
O límite nas terrazas hostaleiras baixa a 10 persoas e 6 no interior dos locais. A Xunta "recomenda" esta referencia para os encontros privados
A Xunta estende así aos concellos de nivel baixo a esixencia implantada a principios de mes nos de nivel medio, onde ata ese momento pubs e discotecas seguían clausurados. Ademais, recupera a limitación de 10 persoas por mesa nas terrazas hostaleiras e 6 no interior do local para os de nivel medio (nos de nivel alto, o interior segue pechado). Esa mesma referencia dun máximo de 10 non conviventes no exterior e 6 baixo teito será incluída como "recomendación" para todos os demais ámbitos alleos á hostalería en toda Galicia. Sinala Comesaña que o Goberno galego non desbota recuperar este precepto como obriga se a situación epidemiolóxica non mellora.
766 casos novos e vacinación a menores de 30 a principios de agosto
Á espera de que a Xunta concrete o novo modelo de restricións no Diario Oficial de Galicia, Comesaña sinala as cifras de novos casos como mostra de que aínda "somos vulnerables" ante o virus e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, sinala os datos máis recentes de incidencia acumulada por idades -os feitos públicos polo Ministerio de Sanidade este martes- para evidenciar que "a realidade epidemiolóxica é distinta". Ambos introducían estes matices pouco despois de que o Sergas notificase 766 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes.
Con estas novas cifras, a incidencia acumulada a catorce días para o conxunto de Galicia rolda os 210 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e está na contorna dos 150 a 7 días. Non obstante, como amosa a táboa sobre estas liñas, entre os grupos de poboación aínda non incorporada á vacinación masiva ese dato de incidencia xeral practicamente se cuadriplica.
Neste sentido, tanto os dirixentes políticos da Consellería como os membros do comité clínico que a asesora -representados na comparecencia deste mércores polo doutor Pedro Rascado, xefe da UCI do Clínico de Santiago- apuntan a estas diferenzas como mostra de "son as vacinas as que nos van sacar desta situación". Preguntado sobre as datas previstas para incorporar á vacinación masiva ao seguinte grupo de poboación (de 20 a 29 anos), Comesaña estima que será "arredor do 9 de agosto", se ben "non é descartable", indica sen achegar máis detalles, unha flexibilización do sistema de autocita nas semanas previas.
"Impacto asistencial moderado"
Os responsables da Consellería de Sanidade realizan todas estas consideracións nun contexto no que as cifras de presión hospitalaria seguen contidas e evolucionando dun xeito moi diferente ao de anteriores vagas. Así, as 67 persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 nos hospitais galegos ás seis da tarde do martes eran apenas 9 máis ca unha semana antes.
Dez destas persoas ingresadas con test positivo do coronavirus estaban na UCI. Neste sentido Comesaña insta a ter en conta que aínda que son escasos, tamén hai persoas mozas ás que a infección conduce a coidados críticos. Neste sentido, indica o conselleiro, cos datos pechados nesa mesma xornada eran 5 as persoas menores de 40 anos coa COVID en coidados intensivos dos hospitais de Galicia. Sanidade sinala tamén este dato como mostra da importancia de acudir aos cribados poboacionais.