A Xunta deixa abrir pubs e discotecas en concellos no nivel medio de restricións da COVID e pecha parques e praias pola noite

Parque pechado na Coruña durante o confinamento pola COVID CC-BY-SA Praza Pública

"O lecer nocturno que non queremos é o do botellón". Así resume o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, o razoamento que o Goberno galego vén de aplicar no seguinte paso da desescalada de restricións para conter os contaxios da COVID-19. Na mesma xornada en que o Sergas notificou 367 novos casos detectados, a cifra máis alta en vinte e catro horas dende mediados de febreiro, a Xunta transmite a mensaxe de que "a desescalada está en perigo", mais tamén mantén que traslada que o avance da vacinación propicie medidas que non era posible aplicar antes.

Para entrar en pubs e discotecas dos concellos de nivel medio, onde ata agora tiñan que seguir pechados, será preciso presentar a acreditación dun test negativo da COVID dun máximo de 72 horas antes ou o certificado de contar coa pauta completa de vacinación

Con argumentos coma estes por tras, o Goberno galego permitirá dende a medianoite do sábado que nos concellos en nivel medio de restricións tamén poidan abrir pubs e discotecas. Dende ese día serán unha decena os municipios nese nivel de medidas, entre eles as cidades de Pontevedra -que xa estaba nel- e Ourense. 

Nestes concellos de nivel medio, para acceder a estas instalacións será preciso presentar a acreditación de pasar unha proba diagnóstica da COVID (PCR nasofarínxea ou de saliva ou test de antíxeno). Este xoves , Sanidade matizou que esa proba terá que ser realizada nun máximo de 72 horas (inicialmente, sinalara 48 como prazo) antes. "O Servizo Galego de Saúde pon a disposición dos cidadáns estas probas diagnóstica nos cribados poboacionais en curso e nas farmacias galegas adheridas ao plan da Consellería de Sanidade", agrega a Xunta.

Tamén será posible entrar nestes locais amosando o certificado oficial de ter a pauta completa de vacinación contra a doenza ou de "ter pasado a COVID-19 nos últimos seis meses". Na mesma comparecencia pública, García Comesaña evidenciou que as persoas vacinadas poden contaxiar a COVID aínda que teñan posibilidades moi baixas de desenvolver a enfermidade.

Parques, praias e prazas con "precinto" da medianoite ás seis da mañá

A Xunta xustifica o peche de espazos como parques e praias de doce da noite a seis da mañá para evitar botellóns

Xunto con esta medida, a Xunta confirma outra orientada, di, a tentar atallar os contaxios entre os grupos de idade máis mozos, os aínda non vacinados. Dende o sábado, o Goberno galego imporá a obriga de pechar "espazos onde habitualmente se celebraban botellóns" e que exemplifica con parques, praias e algunhas prazas. "Non queremos que o botellón peche o ocio nocturno", resume o conselleiro en referencia a pubs e discotecas. Nesas "concentracións", asegura, está a orixe de boa parte dos novos casos e o seu espallamento.

Resta saber, á espera da publicación desta nova restrición no Diario Oficial de Galicia, de quen dependerá a selección dos espazos precintados (se os elixirá a Xunta ou trasladará a responsabilidade aos concellos) e o réxime sancionador por utilizalos nese horario prohibido. A limitación estará, en calquera caso, en vigor dende o propio sábado, xornada dende a que só terán que seguir pechadas as discotecas e pubs en Vilagarcía, Vilanova, Cambados, A Illa e Sarria, os concellos situados en nivel alto de restricións. Mentres, nos concellos de nivel baixo, estes locais poderán abrir coas limitacións de capacidade vixentes dende principios de mes, pero sen a esixencia de certificados de test ou vacina.

"Respostas diferentes" ante as maiores cifras de casos novos dende o inverno

O Sergas rexistra máis de 300 casos novos en vinte e catro horas por primeira vez dende febreiro

Esta mudanza no esquema de restricións prodúcese nun contexto de evidente alza nas cifras de casos novos rexistrados, pero tamén da súa concentración entre os grupos de poboación aínda non vacinada, os máis mozos. Esta é a razón, sinala, pola que o comité avala "respostas diferentes" á hora de impoñer medidas. Neste sentido, o doutor Pedro Rascado, xefe das UCI do Clínico de Santiago e membro do comité clínico que asesora o Sergas, subliña este "cambio" na idade media das persoas afectadas grazas á vacinación, pero tamén chama a ter en conta a "consecuencias a medio e longo prazo" que pode ter a enfermidade en xente nova que agora, se a contrae, só desenvolva síntomas "leves".

As cifras totais nesta xornada veñen marcadas por eses máis de 300 casos novos detectados en vinte e catro horas por primeira vez dende o pasado febreiro. Esas suba eleva a incidencia acumulada a 14 días (con datos ata as seis da tarde do martes) por riba dos 100 casos novos por cada cen mil habitantes por primeira vez dende marzo e sitúa o indicador a sete días arredor dos 63. Así e todo, a velocidade de crecemento acouga un chisco nos últimos días.

Nos hospitais xa non preocupa o total de pacientes, senón a idade

Como vén sucedendo nas últimas semanas, o incremento das cifras de casos novos rexistrados e con el, o empeoramento das taxas de incidencia acumulada non vén acompañada dunha suba ao mesmo ritmo das cifras de hospitalización. Nese sentido, dende a Consellería de Sanidade manteñen que a "preocupación" agora xa non é "o número" total de pacientes coa COVID-19, porque xa non existe risco de colapso por esta vía. Si "preocupa", aseguran, a idade media das persoas atendidas e nesta liña, Comesaña asegura que na actualidade hai dúas persoas de 30 a 38 anos coa COVID que precisan atención en coidados intensivos.

As 58 persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus ás seis da tarde do martes eran catro máis que unha semana antes. Doce delas estaban na UCI, dúas máis que hai sete días.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.