Dende hai un tempo a pandemia de Covid-19 entrou nunha nova fase. A protección, a través da vacinación masiva, da maior parte da poboación máis vulnerable, reduciu moito o número de falecementos e de ingresos en UCI motivados pola enfermidade. Isto, unido ao descenso no número de contaxios dende o mes de xaneiro (cunha cuarta onda que finalmente ficou en ondiña) levou á redución nas restricións aplicadas, buscando un progresivo regreso a unha situación de normalidade.
A incidencia na poboación entre 12 e 19 anos triplica a media do conxunto da poboación
Porén, a pandemia segue aí, co risco engadido da chegada dunha nova mutación do virus (a variante Delta), máis contaxiosa que as anteriores, e que en breve se converterá na dominante no noso país. Ademais, a relaxación das precaucións, coincidente co inicio do verán, levou nas últimas semanas a un rápido incremento das cifras de incidencia en todo o Estado Español e tamén en Galicia.
Este aumento do número de contaxios prodúcese principalmente entre a poboación máis nova, os menores de 40 anos, que aínda non foi vacinada. Fronte a unha incidencia acumulada no conxunto de poboación de 73 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días, os adolescentes entre 12 e 19 anos superan amplamente os 200 casos e os mozos entre 20 e 29 achéganse aos 190 casos. Tamén a poboación entre 30 e 39 anos (o outro grupo non vacinado) superan amplamente a media galega, na que se sitúan as persoas entre 40 e 49 anos (que na súa maioría só recibiu unha dose da vacina). O resto de grupos de idade presentan unha incidencia acumulada por debaixo da media galega.
Os riscos asociados a celebracións nocturnas poden derivar na aparición de gromos coma o que se iniciou en Mallorca e que afectou a centos de mozos e mozas de todo o Estado que se desprazaran á illa. A presenza dun imporante grupo de galegos e galegas contaxiadas, procedentes en boa medida de Pontevedra, levou a un rápido incremento da incidencia e provocou o endurecemento das restricións na cidade e a súa contorna, prexudicando especialmente á hostalaría. A reapertura do ocio nocturno, que tivo lugar este xoves, engade novos riscos que poden levar a un aumento da incidencia neste comezo do verán.
"Non procede que haxa moita xente xunta nunha festa nocturna ou nun concerto. Non é o momento aínda. Chegará, pero aínda non o é"
Falamos con Francisco Caamaño Isorna, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e director do Departamento de Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública, Enfermaría e Medicina da universidade compostelá. Preguntámoslle sobre as precaucións que debemos ter neste verán no que as medidas de prevención se están a relaxar, pero no que contamos coa protección engadida dun proceso de vacinación moi avanzado.
As restricións e medidas de precaución son moi inferiores agora e hai unha sensación xeral de relaxación. Con todo, a pandemia segue aí e continúa a haber contaxios. Que podemos facer e que debemos evitar para ir camiñando cara á normalidade pero evitando riscos?
Hai que manter unha mínima prudencia para evitar posibles contaxios. É dicir, podemos saír á rúa e podemos facelo destapados, non temos por que levar xa máscara. Podo atoparme cun amigo e pasear con el ou sentar a tomar algo nunha terraza, pero mantendo sempre unha certa distancia e con esa idea de precaución. Pero, dende logo, non procede facer festas, esas festas nas que nos achuchamos, sexa nun local de hostalaría ou nunha vivenda. Non procede que haxa moita xente xunta nunha festa nocturna ou nun concerto. Non é o momento aínda. Chegará, pero aínda non o é.
Dende hai uns días xa non é obrigatorio levar a máscara en exteriores, agás cando se produce unha aglomeración de xente. Foi unha decisión acertada ou pode enviar unha mensaxe errada de que a pandemia rematou, provocando unha excesiva relaxación?
"Non utilizar a máscara exteriores pode implicar o risco de que esquezamos o contexto no que estamos"
Paréceme moi razoable que xa non haxa que utilizala se camiño por unha rúa pouco concorrida, en moitas ocasións non tiña moito sentido. Non creo que fose unha boa idea mantela, porque non podes obrigar a xente a levala durante o verán, con calor, en espazos abertos nos que en moitas ocasións non hai risco. Pero estou de acordo en que o feito de non utilizar a máscara exteriores pode implicar o risco de que esquezamos o contexto no que estamos. Non vaia ser que por non ser obrigatoria xa no exterior esquezamos que no interior segue sendo totalmente necesaria. Seguimos vivindo nun contexto pandémico e con risco de que se produzan contaxios.
Ademais, estamos vendo imaxes de rúas comerciais ou de bares, moi ateigadas de moita xente, que en ocasións teñen unha copa na man, e nas que a maioría non leva máscara. Iso é un grave risco e hai que lembrar que nesas situacións de aglomeración si hai que manter a máscara, porque hai un perigo de contaxios. E o mesmo pasa nas terrazas nas que hai moita xente, onde se debe manter a máscara agás no momento puntual de beber, pero volvendo a poñela despois.
Está aumentando moito a incidencia entre a mocidade, que aínda non está vacinada, en boa medida pola percepción de que o virus non é perigoso para eles. O risco -para eles, as súas familias e o conxunto da sociedade- segue presente?
"As persoas novas que se contaxian en festas non están pensando nas persoas maiores que as rodean, nas súas familias"
Si, supoño que estes contaxios se producen, primeiro, por esa percepción de que a eles non lles vai afectar a enfermidade, de que como moito é un catarro. Pero isto significa que esas persoas novas que se contaxian en festas non están pensando nas persoas maiores que as rodean, nas súas familias. Esta idea de despreocupación refórzase cos avances na vacinación. Quedo pasmado coas imaxes que estivemos vendo da actitude dalgúns destes adolescentes, que supoño que son unha minoría, e dos seus pais.
Porén, hai que lembrar que si hai persoas novas nas UCI e que, ademais, moitas persoas de todas as idades -mesmo sen sufrir unha fase grave do coronavirus- padecen as consecuencias da COVID prolongada. Ademais, cada vez que se produce un contaxio máis, increméntase a probabilidade de que o virus mute cara a novas variantes que serán máis contaxiosas e que poden ter a posibilidade de reducir a eficacia das vacinas.
A variante Delta está a expandirse con rapidez e converterase en dominante este verán. En que medida debemos estar preocupados pola súa capacidade para contaxiar e polo efecto que pode ter na vacinación?
"A variante Delta ten unha maior probabilidade de contaxio. Pero, primeiro, isto non está provocando un maior número de hospitalizacións e de ingresos en UCI. E, segundo, as nosas vacinas seguen funcionando"
A variante Delta ten unha maior probabilidade de contaxio, isto está bastante acreditado. Pero, primeiro, isto non está provocando un maior número de hospitalizacións e de ingresos en UCI. E, segundo, as nosas vacinas seguen funcionando. Son un pouco menos eficaces, pero seguen sendo eficaces, sobre todo cando se reciben as dúas doses. Nese sentido a estratexia de vacinación seguida en España foi máis acertada que por exemplo a do Reino Unido, onde se primou dar a primeira dose a un maior número de persoas, adiando a segunda dose, mesmo forzando a ficha técnica da vacina, o que limitou agora a protección ante a nova variante. Aquí fomos algo máis lentos, seguimos a ficha técnica, e temos unha maior protección.
A eficacia das vacinas baixou algo, pero segue sendo moi alta, próxima ao 90%. Pero hai que ter prudencia, porque hoxe é a variante Delta e mañá será a variante Gamma ou a que sexa e mentres non esteamos todos vacinados non estaremos seguros.
En que momento regresaremos a unha normalidade, se iso é posible, eliminando por completo as restricións? Cando cheguemos ao 70%, ao 80% ou ao 90% de poboación vacinada? Ou mentres todo o planeta non estea inmunizado existirá o risco de mutacións máis perigosas?
"A partir de setembro teremos unhas porcentaxes de vacinacións moi elevadas e nese momento poderemos ir reducindo as restricións"
A protección de rabaño fixámola inicialmente no 70% da poboación vacinada en base ao número de contaxios que pode provocar un caso de Covid. Porén, ese cálculo fixémolo coa primeira variante, a alfa, que era menos contaxiosa, pero despois coa variante británica e agora coa Delta os contaxios por caso son maiores, polo que a porcentaxe de persoas vacinadas necesaria para conter a enfermidade é maior, ao redor do 75% ou do 77%, aínda que as cifras poden ir variando e son o resultado dun cálculo complexo.
Cando cheguemos a ese 77% a transmisión comunitaria cortaríase, pero iso non significa que non haxa casos ou que mesmo poida haber gromos localizados en comunidades ou grupos concretos, sobre todo se neles a porcentaxe de persoas vacinadas é menor. E non hai que esquecer o resto do planeta, pois haberá zonas do mundo con porcentaxes de persoas vacinadas máis reducidas, onde se manterá o risco de contaxio e de aparición de novas variantes.
"A máscara vainos acompañar en espazos pechados ata que pase o Nadal"
Cando chegaría a normalidade? Eu entendo que a partir de setembro teremos unhas porcentaxes de vacinacións moi elevadas e que nese momento si poderemos ir reducindo as restricións. Eu creo, en todo caso, que a mascarilla nos vai acompañar en espazos pechados ata que pase o Nadal. Unha vez que superemos as festas de Nadal e o inverno, pode que poidamos tamén eliminala.