O gromo da COVID importado de Mallorca, xurdido en complexos de lecer durante viaxes estudantís de fin de curso, sumaba xa este martes 108 positivos en Galicia. Ata 94 deles están situados na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. Son os datos que actualizaba a Consellería de Sanidade pouco antes de facer o propio co mapa de restricións, no que os incrementos das medidas para conter os contaxios impactan, sobre todo, na cidade de Pontevedra e a súa contorna.
Este martes o Sergas xa confirmara 108 positivos ligados ao gromo da COVID con orixe en Mallorca, a gran maioría na área sanitaria de Pontevedra
Dende o sábado, 3 de xullo, a cidade de Pontevedra e os concellos de lindeiros de Barro e Vilaboa estarán en nivel medio de restricións, no que seguirá tamén Poio. Entre as principais consecuencias da decisión destaca que a hostalería pontevedresa terá que comezar o primeiro gran mes turístico co interior de bares e restaurantes ao 30% de capacidade e coas súas terrazas ao 50%.
Ademais, estes concellos en nivel medio quedan fóra da reapertura de pubs e discotecas, que a Xunta autoriza (con limitacións de capacidade e outras medidas) nos municipios de nivel baixo dende este xoves, 1 de xullo. Na mesma situación quedan Vilanova de Arousa e Cambados e, fóra da área sanitaria pontevedresa, tamén Oia e mais Cambre e Castroverde, que seguen en nivel medio.
O novo mapa de restricións inclúe tamén dous municipios en nivel alto. Sarria -incluído pola Xunta neste nivel restritivo o pasado venres- e mais Carnota, afectado por un gromo da COVID que tivo a súa orixe nun encontro de lecer, segundo transcendeu nos últimos días. Este mércores, a Consellería de Sanidade ten previsto ofrecer máis detalles sobre a decisión feita pública tras a reunión dos responsables do Goberno galego co comité clínico, este martes.
Nos concellos en nivel baixo, pubs e discotecas incorpóranse á 'desescalada' dende o 1 de xullo
Sanidade ditaminou que o resto de municipios si continúen no nivel baixo de restricións. Isto implica, daquela, que os locais hostaleiros seguirán coas terrazas coa súa capacidade completa, na liña do permitido dende a pasada semana. Ademais, nestes municipios si poderá comezar a desescalada en pubs e discotecas e demais actividades atinxidas pola regulamentación vixente dende a pasada semana.
Todo isto sucede nun contexto no que, alén do gromo importado de Mallorca, con datos do pasado luns máis de 200 concellos non rexistraran ningún caso novo do coronavirus nos últimos sete días. Máis de 170 levaban catorce ou máis días sen ningún. Na banda contraria estaban a trintena de municipios con dez ou máis casos nos últimos 14 días -hai apenas unha semana eran unha vintena-.
Cómpre ter en conta, en calquera caso, que a actual situación epidemiolóxica está tamén marcada polo avance no proceso de vacinación. Deste xeito, tal e como acreditan os datos do Ministerio de Sanidade, os grupos de idade aínda non incorporados á vacinación masiva xa concentran a maioría dos novos casos da COVID en Galicia.