A finais de 2020 e tras desouvir múltiples peticións, a Xunta deu en amosar os datos de incidencia do coronavirus por concellos. Non obstante, naqueles cunha incidencia máis baixa a 14 ou 7 días, con menos de dez casos novos rexistrados neses períodos, limítase a indicar que no municipio se detectaron "entre 1 e 9" casos. Con datos pechados no primeiro día deste verán do 2021, o 21 de xuño, apenas unha vintena de concellos están por riba dese limiar a 14 días por rexistraren dez ou máis casos novos do coronavirus nas últimas dúas semanas.
Nos concellos con dez ou máis casos nos últimos 14 días vive o 47,3% da poboación, polo que a maior parte de habitantes reside en concellos cunha situación epidemiolóxica moi favorable, entre eles as veciñanzas de 165 'libres' do virus
Son, concretamente, 19 os concellos que este luns rexistraban máis de dez casos novos da COVID a 14 días. Entre eles atópanse as sete principais cidades pero, non obstante, non xuntan a maioría da poboación. En total, Suman 1,28 millóns de habitantes, o que cos datos poboacionais de 2020 (os de 2021 aínda son provisionais) equivale ao 47,3% da poboación. Daquela, a maioría da poboación galega (52,7%) reside en concellos con menos de dez casos novos rexistrados nas últimas dúas semanas. Entre eles cóntanse os 165 municipios sen casos nese período, que suman algo máis de 456.000 habitantes.
Castroverde, con apenas 2.500 habitantes, é o concello con maior incidencia acumulada malia ter apenas 12 casos novos en 14 días
Entre os concellos que están por riba dese limiar dos 10 casos novos da COVID-19 a 14 días está o Concello de Castroverde, lindeiro con Lugo. Con 12 casos novos a catorce días (11 a 7 días), a súa escasa poboación (pouco máis de 2.500 habitantes) provoca que a súa incidencia acumulada en dúas semanas supere os 400 casos novos por cada cen mil habitantes.
Alén deses focos máis puntuais, por áreas sanitarias a da Coruña-Cee segue sendo a única cunha tendencia ascendente no indicador de incidencia a 14 días (74 casos novos por cada cen mil habitantes). As restantes seguen estables e dúas (Vigo e Santiago-Barbanza) descenden con claridade. A nivel galego, os datos a 14 e 7 días seguen moi estables en niveis de risco de transmisión baixo (41 e 20, respectivamente).
Unhas 80 infeccións novas diagnosticadas ao día
Esta estabilidade nos datos de incidencia acumulada (os máis baixos en dez meses, pero cunha capacidade diagnóstica moito maior que daquela tanto en Galicia como no conxunto do Estado) prodúcese nun contexto cunhas 80 infeccións diarias diagnosticadas polo Sergas como dato medio diario na última semana. Este 22 de xuño, Sanidade notificou 85 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns.
En termos asistenciais, os coñecidos como positivos activos tamén seguen lixeiramente á baixa. Ás seis da tarde do luns eran 1.274, vinte e catro máis que ás seis da tarde do domingo, pero 16 menos que na medianoite do domingo ao luns. Hai un mes, Galicia rexistraba 2.726 casos activos por COVID-19 e hai apenas dous meses eran máis de 3.000.
Nesta liña, o alivio asistencial percíbese tamén nos hospitais. As 50 persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 que se rexistraban ás seis da tarde do luns son outro mínimo dende agosto de 2020 e supoñen 17 ingresos menos que o mesmo día da semana anterior. As 15 persoas co coronavirus que permanecían na UCI son a mesma cifra que hai sete días.
Mentres todo isto sucede, as cifras de mortalidade de persoas coa COVID-19 seguen en niveis baixos, cunha media diaria a 7 días inferior a unha morte por xornada dende principios de xuño. O total é agora de 2.434 mortes de persoas que contraeran a doenza, o cal non implica necesariamente que todas elas falecesen a causa directa dela.